O activismo, a mobilización social e o pensamento crítico serán os alicerces sobre os que se sosterá este novo proxecto editorial
Galicia, 03 de Maio de 2022. O vindeiro sábado 14 de maio terá lugar a presentación de 13
editora (Espacio Simia, 20:00 horas; apertura de portas 19:30). O selo abre unha nova vía para
a literatura galega a través da súa especialización en textos centrados no activismo e nos
procesos de construción de contrapoder.
O obxectivo central da editorial é “propiciar a construción dun tecido social proactivo e analítico
que contribúa a conformar un mundo máis xusto a través de olladas e discursos de carácter
plural”. Para iso publicará manuais e ensaios, tanto académicos como divulgativos, relacionados
co eido do empoderamento e a organización colectiva.
O catálogo conformarase por títulos de autorías e xeografías diversas que tratarán cuestións
relacionadas coa construción de alternativas e resposta social. Os libros permitirán que as
persoas e as organizacións dispoñan de materiais de calidade cos que mellorar o seu
funcionamento e impacto, así como a súa análise da realidade.
A editora, que tivo que adiar a súa saída por mor do COVID-19, desenvolverá a súa presentación
no contexto da celebración do día das letras galegas expoñendo as liñas principais do proxecto
así como tamén poñendo a disposición das persoas presentes os seus materiais.
13 editora
O selo 13 editora é un proxecto editorial sen ánimo de lucro de carácter independente que xorde
ao abeiro de ECOAR))). A editorial é un proxecto de formación e información social, económica,
política e cultural que pretende producir contidos que espallen o pensamento crítico e alternativo
así como o coñecemento relacionado co eido do activismo e a mobilización social.
A editorial 13 editora é un proxecto sostible e autoxestionado, que traballa dende un enfoque
crítico, emancipador e contracultural para ofrecer materiais de diverso tipo relacionados coa
construción de alternativas e resposta social. A editora pretende propiciar a construción dun
tecido social proactivo e analítico que contribúa conformar un mundo máis xusto a través de
olladas e discursos de carácter plural.