

É un mantra de case todos os partidos sistémicos propoñer recortes de impostos como a panacea para solucionar todos os males económicos das familias, a clase media, as pequenas e medianas empresas, etc.
O PP, na súa nova etapa con Feijoo á fronte, inicia a súa andaina coa mesma vella e caduca proposta de baixar os impostos. Regala os nosos oídos coa redución do IRPF, do IVE e non sei cantas cousas máis.
Esta melodía xa a temos moi escoitada na Galiza e sabemos o que significa. Non temos necesidade de acudir a un tradutor para decatármonos de que as baixadas de impostos son sempre para as rendas máis altas e, ademais, supoñen o recorte dos servizos públicos e a xustificación para desviar fondos ao sector privado. Recortes en sanidade, en servizos sociais, etc. As matemáticas non fallan, son unha ciencia exacta, e se restamos ingresos tamén temos que restar en gasto ou investimento.
Os galegos e galegas levamos tempo pagando as consecuencias de ter un goberno enganchado ás “baixadas de impostos”. O mesmo goberno que puxo unha taxa ao consumo de auga duplicando o prezo dos recibos que pagamos todas as vivendas galegas.
A sanidade pública galega foi unha das principais “beneficiadas” desta política fiscal de baixadas de impostos.
Só temos que dar unha volta estes días polo servizo de urxencias do Hospital Montecelo par comprobar a situación lamentábel en que se atopa. Podemos ver cos nosos ollos como non só os corredores están cheos de padiolas con pacientes esperando, tamén a sala de espera para os/as acompañantes serven como almacén improvisado de pacientes.
Unha imaxe máis propia dun hospital de campaña, que non coincide coa propaganda oficial da Xunta do PP que nós vende a “mellor sanidade pública do mundo”. E todo isto a pesares da magnifica atención e o bo facer do desbordado persoal de urxencias.
Outra das consecuencias de todo isto é o incremento das listas de agarda para ser operado pola falta de persoal ou por deixar de operar polas tardes. E o Sergas como alternativa deriva aos pacientes a centros privados, un negocio redondo para estas empresas ben relacionadas coas autoridades sanitarias.
A Atención Primaria a gran prexudicada polos recortes.
A saturación das urxencias hospitalarias ten unha causa principal que é o desmantelamento da Atención Primaria. A falta de persoal sanitario e administrativo nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada provocan que moita xente acuda ás urxencias hospitalarias, colapsando o servizo, para solucionar os seus problemas de saúde.
Non fai moito o centro de saúde de Marín quedou con tan só catro médicos/as para atender a unha poboación de 25,000 habitantes. E que poden facer eses catro médicos/as? Poden levar un seguimento das persoas enfermas? Non, atendendo a cincuenta ou sesenta pacientes ao día só poden facer xestións administrativas como baixas e partes ou atender urxencias.
Esta non é unha situación excepcional. O normal en Marín é a falla de médicos/as, xa que levamos tempo sen ter todas as prazas cubertas. Como tamén ven sendo habitual as ausencias no PAC cando hai que atender urxencias fóra do centro e queda o servizo desatendido.
A Atención Primaria está padecendo como ningún outro servizo público a política de baixada de impostos da “escola neoliberal” e o desvío de recursos á sanidade privada. Redución de orzamentos, falta de persoal, maltrato nas condicións laborais, etc, isto é o que ven facendo o goberno do PP estes anos.
Esta foi unha das prioridades do PP nos últimos anos, desfacer a Atención Primaria. Para iso empregáronse a fondo reducindo cada ano as partidas orzamentarias e facendo unha política de persoal que botou fóra a un gran número de profesionais de todas categorías. Reino Unido, Portugal, Alemaña, etc, foron o destino de moitos que buscaron mellores condicións laborais e salarios máis altos.
Hoxe non chegan os médicos/as, non hai pediatras, e o responsábel, o que ten as competencias en sanidade, bota balóns fóra e di que a culpa é de outros.
En Marín xa levamos dúas manifestacións contra o deterioro da sanidade convocadas pola Plataforma den Defensa do Centro de Saúde de Seixo, unha en Seixo e outra en Marín, para demandar melloras nos dous centros de saúde.
De momento as autoridades sanitarias non fixeron ren. Teremos que continuar coas mobilizacións para facernos escoitar.
Marín, 2 de maio de 2022.