Nace o ‘Encontro Galego contra o Cumio da OTAN’, unha iniciativa popular para amosar a repulsa do pobo galego a tal Organismo

Contra o cumio da OTAN

Chaman a construír un movemento unitario, popular e aberto de rexeitamento ao Cumio da OTAN que se celebrará en Madrid o 29 e 30 de xuño

Afirman que a falla de soberanía do noso país convérteo en cómplice pasivo da escalada imperialista.

Compostela, 27 de abril de 2022. Esta mañá deuse a coñecer en Compostela o ‘Encontro Galego contra o Cumio da OTAN’, conformado por persoas da sociedade civil así como por diversas organizacións antiimperialistas. Teñen como obxectivo desenvolver unha campaña de mobilización
social contra o Cumio que a OTAN celebrará en Madrid os vindeiros 29 e 30 de xuño.

Afirman que nos atopamos nunha “conxuntura internacional de ofensiva imperialista”, que fai máis
necesario ca nunca recuperar o espírito dos Comités Anti-OTAN dos anos 80. “A OTAN é unha
organización criminal xurdida da lóxica de acumulación do capital”. O Encontro pretende levar a
cabo accións unitarias e amplas, principalmente nas rúas, que amosen o rexeitamento do noso pobo
a que o pretendido “goberno máis progresista” do Estado Español acolla a cimeira dunha
organización que ataca a soberanía dos pobos do mundo e que, xunto aos EEUU e á Unión Europea,
expande a base de actos de guerra e terroristas os intereses do modelo imperante.

Denuncian tamén o papel servil do goberno actual, que utiliza instalacións portuarias e aéreas da
maquinaria militar española na Galiza para poñelas ao servizo do terrorismo imperialista. “A
carencia de soberanía do noso país converte o noso pobo en cómplice pasivo dunha escalada
imperialista que só favorece os intereses do complexo militar-industrial norteamericano”. Exemplo
disto é a actual guerra de Ucraína, sobre a que esixen a retirada de todas as tropas enviadas á zona e
o cese da venta de armamento.

O Encontro constituíuse formalmente o 1 de abril, tras unha rolda de contactos iniciada a comezos
deste ano. Con carácter democrático e aberto, fan un chamamento a que outras organizacións e
persoas do movemento popular e da esquerda transformadora se unan na denuncia combativa e
firme das alianzas militares da OTAN e a UE.

Primer comentario

Deixa a túa opinión