O pasado venres, no local de Podemos Vigo situado na rúa Celso Emilio Ferreiro, celebrouse un debate entre os cabezas de lista das dúas candidaturas que se presentaron entre a militancia da formación morada de cara aos próximos comicios municipais de maio do 27.

Estas son as candidaturas “Ola”, liderada por Óscar Lomba, e “Semente” encabezada por Luz Calia. O debate foi moderado polo SO de Podemos Galicia, e ao longo do mesmo os líderes de ambas candidaturas, nun ton moi respectuoso e cordial e cunha boa organización, presentaron ao público asistente as súas propostas arredor de cinco eixos temáticos:-Vivenda, e modelo de cidade-Servizos públicos-Feminismo e igualdade-Economía e emprego-Transición ecolóxica e cultura.

As votacións telemáticas para decidir quen dos dous vai ser o candidato desta organización política á alcaldía de Vigo vanse desenvolver entre o 5 e o 11 deste mes, polo tanto Óscar e Luz deberán e agardar aínda uns días para coñecer o resultado da consulta e proclamar ao candidato ou a candidata que gañe as primarias.

Agora ben, unha vez coñecido o resultado desas votacións será interesante saber que pasa con Sumar, pois esta marca electoral designou a Gloria Alonso como a súa candidata á alcaldía de Vigo. Van presentar Podemos e Sumar candidaturas separadas?…Desde logo que se non queren entrar na corporación ningún dos dous, paréceme o camiño máis adecuado. Agardo que a sensatez impere e que as persoas máis lúcidas de Podemos e de Sumar en todo o estado sexan capaces,e o sexan xa, de acordar candidaturas conxuntas para o que en realidade é un só espazo político.

Abonda xa de sectarismos estúpidos, e de egos desmedidos. Non van tardar moito en convocarse as eleccións xerais, e a única posibilidade de que o fascismo non volva ao goberno de Madrid é que a esquerda estatal á esquerda do PSOE deixe de facer o parvo e se xunte de maneira definitiva dunha vez. Xogámonos moito. A partida desta volta está entre o fascismo e o antifascismo. Que absoluta irresponsabilidade histórica imperdoable se produciría se gaña o fascismo polo narcisismo de algúns e a egolatría de outras.