Carreira acusa o conselleiro de poñer o ventilador das culpas cando é a Xunta quen pecha camas, non contrata e mantén o persoal precarizado

Santiago de Compostela, 1 de outubro, 2026.

A portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG no Parlamento, Iria Carreira, reclamoulle ao Goberno de Rueda que poña en marcha un plan de choque “serio” para reducir as “dramáticas” listas de espera no Sergas que, advertiu, “xa viñan disparadas” e amosan datos moi preocupantes, como o aumento de doentes que agardan máis de un ano para ser atendidos.

“A situación na que se atopan as listas de espera hospitalarias é gravísima e unha demostración da incapacidade do Goberno galego para formular alternativas”, criticou Carreira na Comisión de Sanidade durante o debate dunha iniciativa coa que o BNG exixiu un plan de choque dotado con orzamento e persoal suficientes, así como maior transparencia sobre as esperas. Tal e como alertou, os datos aínda son peores dos publicados, pois estes non incorporan os e as doentes das listas non estruturais que o PP mantén ocultas.

Entre outros datos oficiais, pero non reais, a deputada subliñou que, a 30 de xuño deste 2026 eran 57.680 pacientes nunha lista de agarda estrutural pendentes dunha intervención cirúrxica, 8.126 máis que no semestre anterior e cun tempo medio de espera que se incrementou en case 17 días.

A deputada nacionalista puxo o foco, ademais, no número de pacientes que se “cronifican” agardando, unha evidencia de que “existía xa un problema grave que non fai máis que acentuarse”. “Se a comezos do verán pasado eran 2.088 pacientes as que agardaban máis de 6 meses por unha operación, a comezos deste verán eran xa 6.117, case o triple”, salientou.

Carreira lembrou que o presidente da Xunta anunciou en 2023 un programa de intensificación da actividade asistencial para reducir as listas de agarda, “máis nada fixeron” e agora, dixo, o único que fan e “poñer o ventilador das culpas” na vez de asumir responsabilidades sobre unhas competencias que son exclusivas do Goberno galego, incluída a da contratación de persoal.

“Nada din de que este mes de xullo se cancelaron cirurxías durante varias xornadas pola falta de persoal de enfermería, ou de como o peche de camas estival repercutiu sobre as unidades de reanimación e sobre a propia actividade cirúrxica”, denunciou, para engadir que “mentres buscan a quen responsabilizar teñen á metade do persoal facultativo con contratos temporais, con cadros de persoal exiguos que non son capaces de responder ás necesidades asistenciais”.

“Quen ten as responsabilidades en materia de contratación é a Xunta de Galiza e, neste caso, o Partido Popular. Quen ten as responsabilidades en organización dos recursos humanos é a Xunta de Galiza e, neste caso, o Partido Popular. Quen ten a responsabilidade de que as listas de espera hospitalarias e non hospitalarias é quen ten as competencias sobre a sanidade pública galega e quen non está a facer o que debera para garantir a saúde de toda a poboación”, remarcou.

Ademais de un plan de choque con orzamento e recursos, o BNG reclamou a través da súa iniciativa garantir a máxima transparencia respecto das listas de espera do Sergas coa publicación inmediata das listas non estruturais, e permitíndolle coñecer a todas as persoas doentes toda a información respecto dos seus procesos (posición na lista, tempo aproximado de espera ou cita e hora das citas adxudicadas).

Este plan, tal e como explicou Carreira, debería implicar ter operativos todos os recursos dos que dispón o Sergas (camas, quirófanos…) co fin de non realizar derivacións de doentes á sanidade privada mentres existan recursos dispoñíbeis e susceptíbeis de ser utilizados na pública.

A iniciativa nacionalista, rexeitada polo PP, incluía así mesmo un punto para rematar coa práctica de rexeitamento ou modificación de probas complementarios co descoñecemento de pacientes e profesionais solicitantes, garantindo a información e os dereitos de todas as partes.

Carreira esixiu tamén a incorporación “con efecto inmediato” ás listas de espera estruturais a todas as pacientes eliminadas das mesmas, rematando coa práctica das listas B.