Esta feira de viño da Comarca do Baixo Miño, declarada de Interese Turístico Galego, ven de celebrar os pasados 12, 13 e 14 de Xullo a súa XXVII edición
G.FIGUEIREDO
Este evento típico do noso país ten como obxectivo primordial promocionar os sectores vinícolas, conserveiros e de produtos típicos de horta e flor que se producen no fermoso Val do Rosal. Este goza dun microclima especial que lle dá aos seus produtos agrícolas a calidade indiscutible que fai que sexan premiados non só no país, senón tamén en certames internacionais.
A céntrica Praza do Calvario, no Concello do Rosal, acolleu dez adegas participantes e tres días de celebración da Feira do Viño Das Rías Baixas, foi unha cita ineludible para os amantes do viño, pero tamén para todos aqueles que desexaron pasar unha xornada agradable gozando da gastronomía e o viño do Baixo Miño. Na propia praza tamén se instalou un posto de produtos vexetais, unha destilería e a caseta do @Consello Regulador Rías Baixas.
Ademais, na carpa da festa, con capacidade para unhas 260 persoas, instaláronse 100 mesas altas en forma de barril e outras tantas baixas. Sete restaurantes da zona, incluídas pulpeiras e pastelerías, ofreceron tamén os seus produtos para acompañar aos viños.
A maiores organizouse unha exposición do 12 ao 28 de xullo na Sala de exposicións do Concello de: pintura a cargo de Soky, escultura de Rogelio Fortes e o colectivo de Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal celebrou a súa XXVI edición no que presentaron o seu mataselos conmemorativo que este ano representou a variedade de caíño branco.
Tamén houbo tempo para o deporte e para actividades para os máis pequechos con inchables e talleres gratuítos para eles, pechándose os tres días de festexos cun éxito absoluto de público, segundo informou a organización.
Desde o Venres 12 de Xullo, a festa arrincou ás 20:00 horas coa lectura do pregón a cargo de Almudena Alberca, a primeira Master of Wine de toda España. Soamente 380 persoas no mundo exercen este título, que acredita a quen o posúe como experta ou experto no campo vinícola.
Despois do pregón, ás 20.30 horas foi José González Vázquez, Conselleiro do Medio Rural, o encargado de inaugurar a mesma cunha das grandes novidades desta edición, presentouse a Confraría de Cabaqueiros do Viño do Rosal. Formada polas nova adegas amparadas na Denominación de Orixe Rías Baixas no Rosal como Terras Gauda, Adegas Val Miñor, Lagar de Pedregales, Quinta de Couselo, Adega Novás, Adega Aforado, Altos de Torona, Lagar de Cervera e Santiago Ruiz, naceron co obxectivo de exaltar a riqueza vitivinícola do Rosal e a tradición cabaqueira que son elaboradores artesanais de tella e ladrillo ligados a esta fermosa vila. Así, nomeouse aos nove confrades fundadores e aos honoríficos, entre eles os representantes de nove das adegas fundadoras, o conselleiro de Medio Rural, José González, os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño e o presidente do Consello Regulador da DO Rías Baixas.
Ás 23.00 foi o grupo Proles& Ma o que actuou para os asistentes ata ás 02.00 da madrugada.
Sábado 13, ás 11.00 horas disputouse a Carreira de Nenos, ás 12.oo un obradoiro de cociña para eles e ás 13.30 horas o Grupo de Gaitas Airiños do Folón foron os encargados de por a nota musical ao evento deste novo día de feira.
Ás 23.00 horas o grupo Terapia de Grupo animou aos presentes coa súa música ata as 2.00 horas que a feira pechou as súas portas ata o día seguinte.
Domingo 14, ás 10:00 horas celebrouse a Andaina 10 K e ás 11:00 horas a Carreira 10 Km polos viñedos dunha ou de dúas das adegas participantes na Feira. Ás 13.30 foi o grupo das Pandereteiras Tremelique as encargadas de amenizar as horas do xantar.
Pola tarde, ás 18.30 horas, o grupo Tonichi e Pacheco deu o toque final ao evento musical clausurando a festa ás 00.00 horas do remate do domingo.
A primeira vez que levou a cabo esta festa foi no ano 1993 coincidindo coas festas patronais da vila e o seu obxectivo era a promoción dos produtos típicos da comarca do Baixo Miño.
O viño que hai na zona do Rosal foi traído polos romanos na antigüidade debido a que a zona presentaba a temperatura ideal para a súa produción. No S-XII os monxes do Mosteiro de Santa María de Oia eran os encargados de coidar as plantacións do viñedo e foi nesta época cando o viño tivo o seu maior auxe.
A descrición deste viño sería branco, novo, afroitado e de cor amarela palla clara.
A feira clausurouse o domingo deixando un bo sabor de boca tanto á organización como os asistentes á mesma e desexando volver o ano que ven a unha nova edición XXVIII.