Manel Riveiro cumpre 30 anos no corazón de Goián

Manel Riveiro Goián

No ano 95 un mozo de Piñeiro abría, con toneladas de ilusión e unha morea de gañas de facerse un oco no corazón da parroquia, un negocio de barbería no centro de Goián. El é o noso amigo Manel. E 30 anos despois , noutro local máis grande, cerca do primeiro, aí segue dando ao mellor de si mesmo para que os centos de clientes e clientas, que distinguen á perruquería Manel Riveiro coa súa confianza, sintan que a casa de Manel e do seu equipo é tamén a súa.

Di unha famosa canción que “ 20 anos non son nada”, pero esa canción non está dicindo a verdade. Dúas décadas é moito tempo e non é nada fácil manter un pequeno negocio tantos anos de maneira estable. E se son 3 décadas nas que ano a ano, mes a mes, semana a semana e día a día desenvolves o teu traballo miles de veces con profesionalidade , categoría e amor, como fan Manel e as súas dúas compañeiras, estamos falando de palabras maiores, estamos falando dese tipo de negocios que deixan pegada no máis profundo do corazón dos seus clientes e clientas. Foi un pracer para min conversar cun bo tipo como Manel, para celebrar con el as 3 décadas de vida do seu negocio. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Manel Riveiro

Queremos que cada cliente e cada clienta ,que entra no noso negocio, sinta que a nosa casa é tamén a súa”

Manel, queremos coñecerte un pouco máis ?

Ben, pois eu son da parroquia de Piñeiro, aquí en Tomiño. Nacín no ano 1975, polo tanto veño de iniciar un cambio de década moi importante na vida dunha persoa.

Cando e como comezou a túa relación coa perruquería?

Comezou rematando a EXB. Nunha clase un profesor preguntounos que queríamos facer a acabar a escola e eu, nese momento estaba xogando co cabelo dunha compañeira e, de broma, díxenlle que perruqueiro. Na casa, á miña nai, cando tocaba decidir que facer ao acabar a EXB, díxenlle o mesmo có profesor. Ela tomouno en serio, buscoume unha boa academia de Vigo, e aquí estou. A realidade é moi curiosa: do que parecía ser unha brincadeira de rapaces xurdiu a miña profesión, e o meu modo de vida .

Canto tempo estiveches estudando na academia?

Un ano e medio.

Viviches en Vigo ?

Non, ía a Vigo no autobús dos obreiros. Collíao ás 5:30h da madrugada todos os días.

Cantos anos tiñas?

15 cando comecei na academia. Rematei con 16.

Atopaches traballo ao rematar na academia?

Si, entrei en Llongueras en García Barbón, pero estiven pouco tempo porque o horario do bus non cadraba coa miña xornada e tiña que ir recollerme a Vigo meu pai cada día. Despois fun para Felipe Tana en Tui onde traballei seis meses ata que se afincou na vila unha perruquería moi famosa, Carlos Duarte, que fixo baixar o traballo ás demais. Botáronme por este baixón, e volvín traballar en Vigo durante dous anos en Ramón Blanco. Despois desta etapa o dono de Carlos Duarte ofertoume traballar de encargado para el durante seis meses, eu tiña 19 anos. Aquí foi cando decidín montar o meu propio negocio en Tomiño no ano 95 e con 20 anos. Así pasaron trinta anos e seguimos.

Sempre estiveches coa perruquería Manel Riveiro no mesmo sitio?

Non, nos inicios estaba un pouco máis adiante de onde está agora. Alí estiven quince anos e agora levo aquí outros 15 . Este local e máis grande e puiden aumentar para perruquería feminina e contratar persoal para axudarme.

30 anos nun negocio dan para moito, ségueche gustando o teu traballo?

Máis ca nunca.

Cantas persoas sodes traballando?

Somos tres, unha esteticista que leva comigo 15 anos, unha perruqueira que leva 9 anos e máis eu.

Que servizos ofertades nesta perruquería?

Perruquería masculina, feminina e estética. Aquí contamos con depilación por láser, manicuras, todo tipo de estilismos en peiteados, tinguiduras, mechas e cortes de pelo e barbería.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

O contacto coa xente.

E o que menos?

Momentos de impotencia por non poder atender a todas as persoas que queres. Tampouco son nada agradables, para calquera persoa que queira emprender e montar un negocio, os atrancos administrativos, burocráticos e impositivos . As perruquerías levamos cun imposto desde o ano 2012 que non nos corresponde. Somos un servizo de primeira necesidade e deberíamos de ter un IVE 10%, e estamos pagando o 21. Cando entramos nesa crise na subida do IVE para axudar ao país, subiu o IVE, das flores, da cultura e das perruquerías. No ano 2017 e 2018 volveron regular o IVE da cultura e as flores, o noso aínda está no 21.

Que perfil de clientela tes Manel?

Moi variado, tanto en idade coma de xénero. O que menos temos na clientela feminina é nenas de menos de dez e maiores de 60. A xente maior que teño é porque comezou comigo hai 30 anos e segue acompañándome.

O perfil de cliente varía moito de homes a mulleres?

Varía o perfil da busca do que queren. A nosa clientela é moi esixente, teñen gusto e veñen aquí porque queren e non porque lles faga falta. A xente que ven aquí non lle importa pagar un prezo un pouco máis elevado ca en outros sitios se a cambio lle damos mellor calidade e mellor produto. Na perruquería feminina temos produtos veganos de moitísima calidade que coidan o pelo de maneira moi importante. Estes produtos son máis caros ca outros da competencia e incrementan uns 3€ o servizo, aínda así temos unha clientela moi avultada.

A parte de avultada, dicíasme que tes clientela que comezou contigo hai 30 anos?

Si, a semana pasada veu cortar o pelo o primeiro cliente que tiven neste local.

Acórdaste del?

Si, por suposto.

Tes clientes de distintas xeracións, de cortarlle o pelo a pais e fillos?

Si, teño, ata netos tamén.

En liñas xerais como está o voso sector, a parte do problema que me contabas do IVE?

Aquí temos o problema de outras profesións, a falta de man cualificada. Eu levo 13 anos de formador de barbeiros, e no sector de perruquería de mulleres hai moi pouco número de alumnos ou alumnas, e destes poucos son menos os que teñen ganas de pasar o resto da súa vida traballando nisto. A día de hoxe hai menos academias no Sur de Pontevedra e non teñen máis de cinco alumnos ou alumnas na rama de mulleres.

Isto percíbese máis na rama de mulleres ca de homes?

Si, porque a barbería agora está de moda.

Entón os rapaces e rapazas queren ser barbeiros e non perruqueiros, por iso hai un deterioro?

Esta xeración non ten a cultura do esforzo, de puntualidade, de botar moitas horas nun mesmo sitio. A perruquería de mulleres é técnica e química, isto leva a que as persoas teñen que estar moi preparadas, moi estudadas, moi formadas e isto supón moitas horas de estar de pé, cun secador na man e produtos químicos. Esixe unha responsabilidade moito máis elevada ca un corte de pelo masculino.

A día de hoxe, un neno ou nena que queira dedicarse a estudar perruquería, cres que pode gañar a vida con dignidade nesta profesión?

Si, con esforzo tanto se traballas por conta allea coma se montas o teu propio negocio, pero con dignidade desde logo que si.

O 27 de xuño fas 30 anos con este negocio, coincide co día de apertura do teu negocio?

Si, exacto.

Que vas facer para este día tan especial?

Dous eventos. Vou ter a dous DJS amigos meus desde pequechos, van a pinchar música dos anos 90 para recordar os anos de apertura. Logo vai haber un grupo de Mariachis tamén.

Aquí na perruquería?

En fronte, nun pequeno escenario. Faremos un concerto.

Que emocionante. Despois de 30 anos con Manel Riveiro, aínda che quedan uns 15 máis para xubilarte. Que tes pensado para o futuro do negocio cando a ti xa che toque retirarte?

Pois se algunha das miñas empregadas quere seguir con el ben, se non será o final.

Mándalle unha pequena mensaxe a túa clientela.

Estades todos e todas convidadas á festa, agradecer a todos e todas elas, tanto galegos coma do resto de España que pasan por aquí nas vacacións de verán, de Portugal, que teño unha clientela importante. Para min e para o meu equipo a idea que inspira o noso negocio é que cada cliente e cada clienta que nos visita sinta que a nosa casa é tamén a súa. Grazas a todos e todas Manel Riveiro sigue existindo.