O Viño do Rosal

Adega pateira

Non é posible mergullarse nas profundidades da comarca do Baixo Miño sen coñecer polo miudo o tesouro dos seus viños. Os caldos do Baixo Miño están á altura dos mellores do mundo e cada ano a nosa comarca enriquece aos restaurantes de todos os currunchos do planeta cos seus deliciosos viños. Nós conversamos con Benito, propietario da Adega Pateira, unha pequena adega familiar do Rosal para que nos explicara as características máis importantes do universo vitivinícola da súa zona. El é un home natural de O Rosal, en concreto da zona da Ribeira e que leva toda a súa vida facendo viño. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Benito Álvarez propietario da Adega Pateira no Rosal

O noso viño Buraca está feito da mesma maneira que se facía hai 80 anos”

Canto tempo levas no mundo do viño?

Na casa natal da miña sogra En Martín, desde sempre facíase viño e tamén mel. De feito todos os ingresos da miña familia política proviñan do campo. O meu sogro era unha persoa moi traballadora e que se preocupaba por facer ben as cousas, e a base de esforzo e talento conseguiu facer un viño moi bo

Entón a túa relación con este mundo comezou cando casaches?

Si, os meus sogros xa tiñan tradición vinícola familiar de toda a vida, algo que é moi típico en moitas das familias do Rosal. Eles , como moitas outras familias, tiñan restaurantes de Vigo que eran os seus clientes e mantiñan a tradición de vir unha vez ao ano a comprarlles o viño. Embotellaban aquí, comían xuntos e creábanse vínculos moi agradables

Caramba que bonito. Supoño que despois de tantos anos xa non conservarás as relacións con eses clientes?

Algúns xa desapareceron, pero outros, xa os fillos, si seguen vindo por aquí aínda. De feito un dun hotel do centro de Vigo aínda estivo por aquí a semana pasada

E como ti, que non procedes do sector, acabaches levando a adega?

Pois os meus sogros foron facéndose maiores e decidimos que fose eu quen me fixese cargo das viñas. Eu traballaba nunha empresa e cada vez funme afeccionando máis a todo o que tiña que ver co universo do viño. E facía viño si, nunca deixei de facelo, pero facíao para os amigos e para o meu entorno máis próximo

Podemos dicir que quen che ensinou a facelo foi o teu sogro?

Si, o meu sogro e o seu cuñado

Cando montastes Adega Pateira?

Cando o meu fillo Pablo decidiu dedicarse ao viño despois de estudar a profesión en Ponteareas. A adega inaugurámola hai cinco anos. Agora mesmo estamos o meu fillo e eu

Onde tes as viñas?

Están espalladas por sitios diversos. Nós cultivamos en minifundio como é tradición

A política das grandes adegas que mercan centos de hectáreas ,arrasan bosques, para cultivar a vide, como a valoras?

Para min desde un punto de vista ecolóxico é negativo. Eu teño as fincas de toda a vida. E estamos nunha fase de tratar de recuperar máis viñas. Agora mesmo temos un proxecto para tratar de chegarmos a dúas hectáreas

A finais de setembro comezará a recolleita da uva, canto tardades?

Nós somos pequenos, facémolo en arredor dunha semana

E no voso caso particular, como é o proceso?

Nós recollemos a uva por variedades. Facemos tres viños diferentes coas mesmas uvas pero en distintas proporcións. Nós facemos un viño, como se facía hai 80 anos, que foi o que lle deu fama á zona, facemos un Rosal moi clásico con moita Loureira que era a uva predominante na zona, igual ca no norte de Portugal. Ese é o noso viño BURACA. Logo temos un que lle chamamos PATEIRA que ten máis albariño, é un Rosal máis actual. É por último temos o que lle chamamos PAMPALOA que é un albariño pero non 100 por 100

Tedes tres tipos de viños. De onde veñen os seus nomes?

Son os nomes das fincas. Somos unha adega moi chantada na terra e queremos conservar a relación emocional co sitio no que nacemos que nos deu a vida e que contribuíu á nosa construción como seres humanos

Dos tres viños que tes cal é o que ten máis éxito?

Vai por rachas, pero en xeral véndense ben os tres

Como facedes para distribuír?

Pois de maneira bastante simple. Nós vendemos tanto a restaurantes como a particulares. Teño a honra de contar coa confianza dos mellores restaurantes do Baixo Miño que me distinguen coa súa compañía. Tamén facemos venda on line e visitas á propia adega

Que tería que facer un grupo de persoas que queira coñecer a vosa adega?

O ideal é concertar unha cita previa. Así é como fai a maioría da xente e veñen familias e grupos de amigos

Soen ser da comarca?

Non, son de moitos sitios diferentes. Incluso tivemos a visita interesantísima dun grupo de polacos amantes do viño que viaxan unha vez ao ano por todo o mundo coñecendo adegas. E en Galicia só visitaron dúas a de Condes de Albarei, no Salnés, e a nosa

Canto hai que pagar por visitar a adega?

Non cobramos nada. Nós estamos encantados de ensinar e promocionar os nosos viños. Logo, unha vez que os proban se queren comprar algunha botella pois estupendo. Este tipo de visitas antes da pandemia claro. Agora todo iso está moi limitado e só facemos visitas de ata 8 persoas. Agardo que a situación mellore de maneira definitiva para podermos recuperar unha vida normal

O que me contabas antes da venda por internet facédelo a calquera parte do mundo?

De momento só a España. Somos unha adega pequena , facemos entre 6 e 7 mil botellas ao ano

Cantas adegas hai no Rosal?

14.Hai 9 que están na denominación de orixe e 5 entre elas a nosa que non estamos. No noso caso por vontade propia

E o viño que facedes as distintas adegas e parecido ou pode haber diferencias significativas?

Home son feitos coa mesma uva, aínda que cada un temos a nosa maneira de facelo

Por que só producides viño branco?

Hai adegas que comezan a facelo pero é un mundo moi diferente que xa ten tradición moi importante noutras zonas de España. Hai zonas de Galicia que fan un Mencía de grandísima calidade. E aquí tamén temos esa uva pero non en cantidade suficiente. No Rosal agora mesmo hai dúas adegas que están comezando a facer tinto con esas variedades

Rematamos Benito, ti cres que Adega Pateira será o modo de vida definitivo do teu fillo ?

Esa a súa ilusión, e a miña tamén claro. Só precisamos subir un pouco máis a produción e as vendas. Creo que estamos no bo camiño para podelo facer. Desde logo que por esforzo e ilusión non vai quedar e no que respecta á calidade dos noso viños estou moi tranquilo. A confianza dos nosos clientes e amigos éncheme de orgullo e dános folgos para continuar