Luís Bará avanza unha moción no próximo pleno do Parlamento para a creación dun complexo industrial público-privado no sector forestal que permitiría “multiplicar” o emprego actual
Cualifica de “lamentable e impresentable” a posición do Goberno de Feixóo ao afirmar que non ten alternativa ao traslado da planta
Santiago de Compostela, 2 de setembro 2021
O portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, acusou á Xunta e ao PP de actuar como “accionistas de ENCE e non como accionistas do país, defendendo os intereses galegos”, logo da sentenza da Audiencia Nacional do pasado mes de xullo que obriga ao desmantelamento da planta da ría de Pontevedra, ao tempo que, ante a incapacidade do Goberno de Feixóo para poñer propostas enriba da mesa, presentou as “alternativas de futuro” do BNG, “pensadas para xerar riqueza e emprego, non só para manter os postos de traballo actuais, senón para multiplicalos”.
Para Bará, “está claro que a situación mudou logo da sentenza da Audiencia Nacional que di que ENCE ten que saír da ría, que hai que cumprir a Lei de Costas do PP de 2013 e que hai unha prórroga concedida ilegalmente polo PP de Mariano Rajoy en 2016” e, segundo recalcou, diante deste novo escenario, “a Xunta de Feixóo e Rueda seguen defendendo a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, é dicir, defenden algo ilegal e algo irreal”.
Neste sentido, acusou ao PP de “intentar sacar réditos políticos desta situación” e de “estar sometido aos ditados e os intereses de ENCE”. “Por iso replican como papagaios o que di a empresa”, criticou en rolda de prensa en Pontevedra, para a continuación cualificar de “absolutamente lamentábel e impresentábel o que dixo o señor Alfonso Rueda nos pasados días, nos que actuou como un auténtico hooligan de ENCE” ao manifestar que “a Xunta non ten alternativa e, polo tanto, reincidindo na defensa dun emprazamento ilegal”.
“E como a Xunta non pon propostas enriba da mesa, quen as pon é o BNG”, indicou para anunciar “as alternativas de futuro” que o Bloque defenderá no primeiro pleno do novo período de sesións no Parlamento galego, o próximo 14 de setembro, porque, segundo recalcou, ante o grave problema laboral e de emprego que presenta o novo escenario, “dende o BNG pensamos que estamos diante dunha grande oportunidade para o desenvolvemento sustentábel de Pontevedra, para a rexeneración da ría e para o desenvolvemento dun gran proxecto industrial na industria forestal galega”.
Así pois, a moción parlamentar rexistrada xa na Cámara galega propón, en primeiro lugar, que a Xunta lidere a mesa polo futuro de ENCE “e que o faga activamente, non como un convidado de pedra ou como un simple asistente que vai a unha reunión a Madrid, senón tendo unha posición proactiva e, dende logo, non poñendo paus nas rodas”, advertiu o deputado nacionalista.
En segundo lugar, o BNG defenderá que Goberno galego e estatal coordinen os proxectos para a recuperación dos terreos que ocupa o complexo de ENCE en Lourizán e para a recuperación ambiental e produtiva da ría de Pontevedra, elaborando os plans de ordenación urbanística tal e como prevé a disposición adicional 3ª do Plan de Ordenación do Litoral para, como explicou Bará, “empezar a traballar seriamente nalgo que se terá que facer, o desmantelamento, a descontaminación dos terreos e a recuperación ambiental e produtiva da ría”.
Neste sentido, a terceira proposta do Bloque pasa por que a Xunta impulse un consorcio público-privado para a industria forestal, un complexo industrial con participación pública e tamén do sector forestal galego, fórmula que, segundo recalcou o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, xa existe nos países nórdicos.
Un proxecto factible, “con ou sen ENCE”
“Este proxecto pódese facer con ENCE ou sen ENCE, porque non é indispensable nesta ecuación”, asegurou para a continuación explicar que contemplaría unha fábrica de celulosa con peche de ciclo (é dicir, fabricando tamén papel), un centro de transformación da madeira en bioprodutos e biomateriais de alto valor (para sectores como a construción, o téxtil ou as biorrefinerías) e un centro de investigación e innovación.
O BNG defenderá tamén no Parlamento unha cuarta liña de actuación por parte da Xunta: o encargo dun estudo ao sistema galego de coñecemento, universidades e centros tecnolóxicos, sobre os posibles emprazamentos deste complexo industrial forestal. “Porque non podemos quedar nas mans de ENCE para dicir se existen ou non emprazamentos posibles para este proxecto de futuro”, incidiu Bará.
Por último, avanzou que na moción nacionalista tamén se instará ao Executivo do PP a avaliar o financiamento con fondos públicos europeos (a través dos fondos Next Generation), estatais e galegos deste “ambicioso proxecto pensado para xerar riqueza e emprego e non só para manter os postos de traballo actuais, senón para multiplicalos tanto na industrial forestal como en posíbeis aproveitamentos da contorna e da ría, xerando emprego e riqueza tamén no desenvolvemento e descontaminación do complexo de ENCE en Lourizán”, concluíu.