
O BNG recuperou, nas últimas eleccións municipais, a representación institucional no concello de Vigo na persoa de Xabier Pérez Igrexas. E , consumido case un terzo do mandato, achegámonos a conversar con el para coñecer a valoración dos nacionalistas sobre a situación política na nosa cidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“MOI POBRE DEBE DE SER A XESTIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL, CANDO TEN QUE ASOLAGAR CON PROPAGANDA PARTIDISTA AOS PRINCIPAIS MEDIOS DE COMUNICACIÓN”
Arredor de ano e medio despois de ter recuperado a presenza do BNG na corporación municipal de Vigo, que valoración fas?
Ben eu , eu creo, con toda a humildade o digo, que a nosa presenza no Concello, nalgunha medida marca a diferenza entre este mandato e o anterior. Nós estamos facendo un esforzo moi importante para denunciar a inacción deste goberno e para acompañar, sempre, cada crítica dunha proposta en positivo.
Nun contexto de amplísima maioría absoluta do grupo de goberno, non debe de ser fácil facer oposición?
Non, non é doado, claro que non. Pero non só pola situación aritmética senón tamén pola actitude autoritaria do goberno que se nega a considerar ningunha proposta allea.
Esa suposta actitude autoritaria exércea o goberno ou o alcalde?
No Concello de Vigo, non creo que se poidan disociar os conceptos goberno municipal e alcalde. En calquera caso parte da premisa de confundir unha lexítima maioría absoluta cunha especie de ditadura romana na que se pode facer de todo sen escoitar a ninguén.
Algún exemplo concreto?
No último pleno do ano o PSOE leva unha moción na que pide a gratuidade do aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro, nós naturalmente estamos de acordo pero quixemos pór unha engádega na que se instase a reverter o modelo privatizador e rescatar a concesión. E o PSOE dixo que non¡¡¡¡.Tendo en conta que hai pouco tempo o SX do PSDG estivera no Cunqueiro defendendo esa posición de rescate do hospital, pois resulta moi difícil de comprender
En relación aos orzamentos municipais, vós definístelos como unha oportunidade perdida. Por que?
Imos ter os maiores orzamentos da historia da cidade con fondos que veñen do remanente e do fondo COVID, e no BNG dicimos que é unha oportunidade perdidaporque están deseñados como se aquí non pasase nada. Estamos no medio dunha pandemia que orixina brutais efectos económicos e sociais , con máis de 60.000 persoas en risco de exclusión social con 2.000 empregos menos ( datos da última EPA) que o ano anterior e nós o que lle dixemos nas nosas 74 emendas é que os orzamentos debían enfocarse a paliar no posible, a situación de vulnerabilidade en que están tantas viguesas e vigueses
Cantas aprobou?
0. Foron rexeitadas todas e cada unha. Pero rexeitáronse todas, tanto as do BNG como os do resto de grupos da oposición, e as achegas dos distintos colectivos veciñais foron tamén ignoradas
No que se refire aos orzamentos da Xunta vós solicitastes 105 millóns a maiores para a cidade. Explícanos por que?, e para que?
Ben , nós achegamos un conxunto de emendas parciais que pretenden incrementar nesa cantidade que mencionas o investimento que fai a Xunta na nosa cidade. Un ano máis os orzamentos da Xunta amosan o abandono no que o goberno galego ten sometido a Vigo. As nosas achegas apostan por fortalecer a sanidade pública na nosa área sanitaria. Promovemos que se cren dous novos puntos de atención continuada en Vigo: un na zona de Navia e outro na zona de Teis, ademais opómonos rotundamente á redución que pretende o PP do novo centro de saúde de Bouzas.
Por outra parte demandamos máis recursos para o eido educativo. E tamén consideramos urxente atender a históricas necesidades estruturais como o túnel de Xulián Estévez ou a prolongación do túnel de Beiramar
Cal é a posición do BNG en relación ao conflito co Celta?
Nós entendemos que hai un conflito recíproco entre Caballero e Mouriño, que non ten outra motivación que o interese particular de cada un. Nós pensamos que si era evidente a necesidade dunha reforma do estadio de Balaidos. Pero a súa execución está sendo lamentable. Non temos nin idea de cando e como vai rematar. As actuacións que se prometían estruturais en grande medida son meramente estéticas. Nós consideramos que un proxecto deste calado debía resultar do maior consenso posible.
Sobre a prorroga da concesión a Aqualia que ten que dicir o Bloque?
Este é un exemplo de manual de modelo de concesión ruinoso para o público e de grande negocio para a empresa privada. É un modelo que cómpre mudar para protexer un ben esencial
Refíreste a remunicipalizar?
Si .E tamén a un novo sistema de tarifas
Eu, que xa levo uns aniños nisto, lembro entrevistas con algún político, doutros concellos, que cando era oposición manifestaba a súa intención de devolver ao público a xestión da auga, e cando chegaron ao goberno non fixeron nada ao respecto e manifestan que é extraordinariamente difícil
Ben, eu non coñezo as circunstancias de cada concello nin estou na cabeza de ninguén. Eu digo que desde o BNG non só dicimos que si é posible devolver a xestión da auga ao público, senón que é imprescindible facelo. A auga é un ben esencial e cada ser humano debe de ter garantido o seu subministro , poida ou non poida pagalo. O único que pretende o alcalde con esta prórroga é blindar que un servicio esencial siga sendo unha fonte de negocio.
O bloque xa gobernou en Vigo, e non teño constancia de que fixera nada para remunicipalizar o servizo de augas?
No momento que o BNG asume a alcaldía de Vigo, a concesión da auga levaba en vigor 8 de 25 anos. E a situación económica do Concello non era nin por asomo a de hoxe, que dispón de case 100 millóns de € de remanente. As condicións son obxectivamente distintas. Nunca na nosa historia ningún goberno municipal tivo as condicións políticas e económicas que dispón o actual goberno e a súa única proposta é instalar ramplas e ascensores.
Dito isto o noso compromiso é programático. Non é que sexa unha idea miña e que é o que defendemos no noso programa electoral. De feito, cando en 1.991 se aproba este modelo nós opuxémonos.
Recentemente os traballadores e traballadoras de Vitrasa tiveron un serio problema , que chegou a dificultar que cobrasen a extra de Nadal. Cal é a vosa opinión?
Os costes que lle supón a Vitrasa xestionar o transporte urbano de Vigo son 24.000.000 de €.Algo máis da metade deses custes xa os ten cubertos coa achega directa que fai o Concello de Vigo. Por outra parte Vitrasa, na súa concesión ten blindado que se non chega aos 20 millóns de viaxeiros , o concello está na obriga de indemnizalo.
É dicir, que o negocio , Vitrasa teno asegurado. E aínda así atrévense a ameazar con non pagar a extra, situación resolta grazas acción do comité de empresa, ou con non pagar os salarios ordinarios. E nós o que lle dixemos ao goberno municipal sen obter resposta, é que o goberno é titular do servizo. E nun servizo municipal o goberno non pode permitir ese tipo de situacións.
O goberno de Abel Caballero procura a posición favorable dos principais medios de comunicación a través de xenerosos contratos de publicidade institucional?
Eu creo que o goberno municipal ten feito un grande esforzo por monopolizar o discurso público. O problema é que ese monopolio se financia con cartos públicos. E non é que se faga propaganda institucional , é que se fai propaganda partidista. É que a cara de Abel Caballero sae en calquera páxina de publicidade institucional.
A conclusión que tiro eu deste asunto é que moi pobre ten que ser a xestión cando tes que asolagar os medios con propaganda.
Que lle pasa a este alcalde coas árbores da nosa cidade?
Eu creo que responde a que el procura adecuar á cidade ao seu particular gusto estético. Un gusto moi de vanguardia que concibe ás árbores como puro e duro mobiliario. É dicir, para el talar unha árbore é o mesmo ca mover un banco.
Cal é atúa opinión do tema do Sagrado Corazón da Guía?
Eu creo que esa era a última das necesidades do barrio de Teis, se alguén alén do bispo tiña esa necesidade , cousa que eu dubido. Teño a certeza de que este tipo de actos están dirixidos a buscar o apoio dese segmento electoral, conservador, que nas municipais o vota a el, e lle garante a súa maioría absoluta
Rematamos. O teu futuro político Xabi vai estar ligado á política municipal ou non descartas que no futuro poidamos verte noutras metas?
No que a min respecta, e teño a certeza que no caso de calquera militante do Bloque tamén, a vida política non a concibo en chave de carreira. Eu son militante do BNG, e sobre o meu futuro político é o único que podo garantir que vai seguir sendo así.