Xabier Pérez Igrexas candidato á alcaldía de Vigo polo BNG

Xabier Pérez Igrexas

Á política pode chegarse por moitas razóns. Así, hai xente que ven porque busca un medio de vida, hainas tamén que se achegan á práctica política para satisfacer as súas máis escuras pulsións de narcisismo e notoriedade, e tamén as hai, moitas, que sacrifican boa parte da súa vida persoal, perden tempo, cartos, ilusións, tranquilidade emocional e non lles queda máis remedio que convivir con todo tipo de idiotas e ou indesexables só por principios, pola defensa das súas conviccións e coa nobreza por bandeira de achegar o mellor de si mesmos na procura dunha sociedade mellor. Entre estes últimos está Xabier Pérez Igrexas. Este é un rapaz brillante, dos máis brillantes que teño coñecido nos 25 anos que levo mergullado, mergullado ata as tripas, na política galega. Se é capaz de resistir todos os desgustos que lle vai ocasionar a práctica política en primeiro nivel, algún día, e dígoo absolutamente convencido, vai ser alcalde de Vigo.

En Vigo hai fame dunha alternativa en positivo que impulse á nosa cidade”

Ves de ser nomeado de maneira unánime o candidato do BNG de Vigo ás eleccións municipais do ano próximo. Cales son nestes momentos as túas sensacións?

O que primeiro quixera salientar é o proceso absolutamente democrático da nosa organización á hora de escoller as candidaturas. No BNG non hai dedazos nin nada que se lle pareza. Foi a nosa militancia no seu conxunto a que tomou a decisión de honrarme coa súa confianza para encabezar un proxecto que é colectivo.

Esta xa é a segunda vez que encabezas a candidatura dos nacionalistas vigueses, de feito levas 4 anos sendo o único concelleiro do BNG , nunha corporación cuxa forza de goberno ten unha maioría absoluta abafadora( 20 de 27).Imaxino que estes catro anos non foron nada doados para ti?

Con toda a humildade, pero tamén con firmeza, creo que podo dicir que neste mandato BNG está a ser unha referencia política en Vigo, moi por encima do noso peso aritmético no Concello , fronte a esa maioría absolutísima que se amosou absolutamente inútil á hora de atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses. Nós fomos capaces de situarnos como unha alternativa en positivo con propostas diante de cada unha das necesidades reais da veciñanza.

Por que esa maioría enorme que ten Abel Caballero é, ao teu xuízo, inútil para atender as necesidades reais das e dos vigueses?, e por que , ao teu xuízo, o BNG amosouse como unha alternativa realista?

En relación á primeira pregunta un dato: No exercicio 2021 o goberno de Abel Caballero deixou sen gastar 120 millóns de € do seu orzamento .É dicir catro de cada 10€ do orzamento non se gastan co que catro de cada 10 necesidades reais non se cobren. A inmensa maioría dos anuncios e promesas de Abel Caballero quedan niso, en promesas e anuncios.

E no que respecta á segunda pregunta outro dato: Case 700 propostas e alternativas concretas que no que vai de mandato o BNG puxo enriba da mesa. Non houbo un só problema nin necesidade da cidade que non merecera dunha proposta en positivo por parte do BNG.

Cantas desas case 700 propostas que achegou a vosa formación política foron atendidas polo goberno municipal?

Practicamente ningunha.

Cales foron as principais liñas de actuación política que estades a desenvolver neste mandato?

Nós quixemos pór as necesidades reais dos barrios e parroquias no centro da acción política. E con toda modestia creo que contribuímos a que iso fose así. Así o tratamos de facer durante a pandemia, e así o estamos intentando neste escenario de agravamento brutal da crise. Temos unha cidade con preto de 20.000 persoas desempregadas, con 10.000 postos de traballo menos dos que había no ano 2009, e temos unha cidade cuxos sectores industriais atravesan unha etapa enormemente preocupante.

Nós últimos meses no BNG estivemos a facer grandes esforzos que permitan poñer ao Concello como un enorme parapeto social nunha cidade que segue tendo filas de fame.

Hai vigueses e viguesas que pasan fame e as súas necesidades non son atendidas adecuadamente polos servizos sociais do Concello?

Si, hai moitas familias. Vémolo na realidade material que viven as entidades que prestan servizos de axuda alimentar que por desgraza teñen que atender cada vez a máis persoas. E neste contexto estase dando unha situación inédita: hai asalariados e asalariadas que teñen que acudir a un comedor social porque os seus soldos non lles alcanza para atender as súas necesidades máis básicas.

Estamos nunha cidade onde o índice de pobreza e exclusión social atinxe a 60.000 persoas. E este é un dato oficial, a fonte é o índice AROPE. É dicir ; na nosa cidade unha de cada cinco persoas das que cada día nos cruzamos no ascensor, na rúa , no mercado , nos parques é pobre ou está en risco de selo.

Antes falabas da situación de enorme gravidade que atravesa o tecido industrial da nosa cidade. Vaiamos por partes: O sector naval vigués está morto?

Corre o risco real de desaparecer tal como o coñecemos.

É inevitable?

Non , pero fai falta que as administracións públicas implicadas superen o seu intolerable desleixo ante a morte que está a sufrir un sector,a construción e reparación naval, no que fomos potencia mundial.

O goberno municipal exerce a súa responsabilidade que debe de ser estar enriba constantemente das administracións autonómica e estatal para que se impliquen dunha vez de maneira clara e sen matices na salvación dun sector , o naval, sen o que non se pode entender Vigo?

Por desgraza non. Todo o contrario, parece encantado de promover este proceso de terciarización da cidade. O futuro de Vigo non pasa polo mono cultivo nin das luces de Nadal nin do Xacobeo, senón por desenvolver todas as nosas potencialidades para volver ser o pulmón industrial de Galiza.

E a situación do sector do automóbil?

Tamén é complicada tanto por factores externos que todos coñecemos como por problemas propios. Hoxe a produción de STELLANTIS ( a antiga PSA)ven sendo máis ou menos a mesma que nos anos 2007/2008 pero naquel momento había 10.000 persoas traballando na factoría de Balaídos e hoxe non chegan a 6.000, moitos con contratos a tempo parcial. No sector do automóbil o aumento da precariedade é en verdade alarmante e o risco de deslocalización está moi presente, tanto é así que desde o ano 2008 non se instalou nin unha soa empresa nova do sector na nosa comarca. E si o fixeron do outro lado da raia

Na parroquia de Beade hai un importante movemento de oposición veciñal á nova vía que de executarse afectaría gravemente a Beade, Bembrive e Matamá. Cal é a posición do BNG ao respecto?

É a chamada da PO 010 que de executarse afectaría moi gravemente a varias parroquias do rural vigués. Se cadra é o principal síntoma dun plan xeral de ordenación municipal desastroso elaborado na escuridade dos despachos sen ter o más mínimo diálogo con ninguén. Esta vía tería uns efectos ambientais, veciñais e sociais tremendos.

Sobre a PO 010 o que di o plan xeral e que se trataría dunha vía de servizo para a planta de Stellantis ligada a unha eventual ampliación do polígono de Balaídos. Unha ampliación que desde o BNG entendemos que non é sostíbel. O goberno de Abel Caballero non quere mover nin unha soa coma dun plan xeral que non está á altura das necesidades da cidade.

Como valoras a política municipal en relación ao idioma galego?

É unha política de indisimulada galego fobia, matan ao idioma non por confrontación senón por inanición,Temos un alcalde que vulnera reiteradamente a ordenanza municipal aprobada por unanimidade que di que o galego é a lingua vehicular do noso concello.

O BNG é unha formación política que sempre se caracterizou por facerdes un intenso traballo de rúa. Cando percorredes as rúas, camiños e corredoiras de Vigo que sensacións percibides?

O que vemos é que hai unha crecente onda de simpatía cara ao BNG e sobre todo, o percibimos é que en Vigo hai fame dunha alternativa en positivo que impulse á cidade.

A túa responsabilidade, ser o cabeza de lista do nacionalismo galego na maior cidade de Galicia cunha situación aritmética tan esmagadora como ten Abel Caballero, non é nada fácil. Como estás de ánimos e moral?

O leitmotiv que inspira toda a miña vida política é o mesmo desde hai moitos anos: fronte a unha realidade que non non guste temos a opción de instalarnos na resignación e ou na indignación e non facer nada para mudala, ou que as persoas cunha visión política semellante nos organicemos para dar pasos e tratar de cambiar as cousas. Eu estou na segunda opción , desde logo. Asi comecei hai moitos anos no movemento veciñal e aí sigo estando. Estou moi ben, moi honrado pola confianza que en min deposita a militancia do BNG , e con moita ilusión e responsabilidade por irmos dando pasos para que o nacionalismo ocupe en Vigo o lugar que lle corresponde.

As expectativas realistas para o 2023?

Estou convencido de que imos dar un salto substancial. O BNG vai volver ser unha forza determinante na política municipal