
A fronte nacionalista rexistra emendas ás contas do Goberno galego para 2023 diante da falla de investimentos e a necesidade de máis servizos no concello, como un centro de día, unha biblioteca ou a reforma das pistas deportivas
Milagros Casal: “A Xunta só pensa no noso concello para promover novos encoros ou parques eólicos, mais nunca o fai á hora de investir en servizos básicos”
Fornelos, 2 de decembro de 2022.
O BNG de Fornelos de Montes demanda melloras no colexio público Doutor Suárez e no centro de saúde nos orzamentos da Xunta de Galiza para 2023. A fronte nacionalista vén de rexistrar emendas ás contas do Goberno galego para que se aumenten os investimentos no concello e se dote de máis servizos como a construción dun centro de día para persoas maiores, unha biblioteca pública e novas instalacións deportivas.
A portavoz municipal e candidata do BNG á alcaldía de Fornelos, Milagros Casal, lamentou que este proxecto de orzamentos volva desatender necesidades urxentes da veciñanza de Fornelos. “A Xunta só pensa no noso concello para promover novos encoros, poñer parques eólicos ou minas de litio, mais nunca o fai á hora de investir en servizos básicos para o futuro de Fornelos”, denunciou.
Casal defendeu un aumento de recursos para o colexio público Doutor Suárez, un dos máis antigos da comarca, e que precisa dunha reforma estrutural polo deterioro do centro. Así, o Bloque reclama nas súas emendas melloras na instalación eléctrica, na fontanería e nos tabiques, ademais da renovación da pista deportiva e o espazo exterior do colexio. No mesmo sentido, urxiu a reparar as serias deficiencias que presenta o centro de saúde, tanto nas instalacións como pola falla de persoal.
A candidata do BNG volveu sinalar a necesidade de construír un centro de día para persoas maiores, unha actuación que cualificou de “xustificada” polo avellentamento da veciñanza de Fornelos e pola falla deste servizo na contorna. Carencias que tamén afectan aos servizos culturais, como a falla dunha biblioteca pública que a fronte nacionalista propuxo situar nas Casas Escola.
Desde a fronte nacionalista pediron tamén a reforma da pista polideportiva de Calvos e realización desta dotación en Traspielas ante o mal estado das actuais que impiden a práctica deportiva. En materia de infraestruturas, a voceira nacionalista alertou da falla de seguridade no vial de acceso a San Adrian de Calvos da P0-250, para o que reclamou melloras no firme e nas beirrarúas. No eido patrimonial, chamou a recuperar e poñer en valor as chozas e foxos para lobos de Casariños na Laxe de Fornelos.
Orzamentos insolidarios
A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, cuestionou que o proxecto de orzamentos do PP “non ofreza respostas á grave situación de crise que está afogando a miles de galegas e galegos”. A deputada nacionalista cualificou de “insolidarias” as contas por beneficiar ás grandes fortunas do País cun “pelotazo fiscal” de 34 millóns de euros mentres retira a Tarxeta Básica a 50 mil familias galegas.
González defendeu a aposta do BNG por unha política fiscal “progresiva, valente e xusta, para que pague máis quen máis ten, como as eléctricas que se están forrando coa crise”. Fronte á proposta do PP, a fronte nacionalista presentou un proxecto de orzamentos para a maioría social; que garanten uns servizos públicos universais e de calidade, en especial para reverter o desmantelamento sanitario do PP, e con recursos para combater a violencia machista.