Borja San Ramón Coordinador Nacional de Podemos Galicia

Podemos Galicia Borja San Román

Borja San Ramón é un mozo de Ferrol que ven de ser elixido en primarias máximo responsable de Podemos Galicia. Nós tivemos unha longa conversa con el. Velaí vai o que deu de si

Galicia é un país”

Ves de ser nomeado máximo responsable de Podemos Galicia. Cales son as túas sensacións nestes momentos?

Están sendo semanas moi intensas. Percorrendo todo o país de punta a punta coa intención de coñecer de primeira man a opinión de todos e todas que nos axude a poder nomear a unha executiva que sexa o máis integradora posible.

E que impresións estás tirando desta viaxe polas distintas agrupacións locais de Podemos?

Enormemente positivas. Alén de que a aprendizaxe persoal resultante de falar con tantas e tantos compañeiros estame axudando a enriquecerme persoalmente de maneira moi significativa, vexo que a xente ten moitas gañas, que se están achegando persoas novas con ilusión por contribuír a fortalecer o noso espazo político e teño a convicción de que este traballo desde a base é o camiño correcto que vai permitir máis pronto que tarde consolidar a Podemos en Galicia.

Ben, para os que non te coñecemos cóntanos de onde es ti , cal é a túa formación e traxectoria ata chegar á máxima responsabilidade de Podemos Galicia?

Eu son de Ferrol, nacín en 1991. Estou estudando a carreira de dereito e dirección e administración de empresas, e son un fillo da miña xeración

Non me digas máis, supoño que todos os traballos que tiveches ata agora foron en precario?

Absolutamente si. Esa situación que describes é un mal endémico enormemente grave que afecta a unha porcentaxe elevadísima de mozas e mozos da miña xeración. Como che dixen aínda non rematei a carreira, e a min pilloume o nacemento de Podemos na Universidade, fixen moito traballo de base, fun secretario de organización e na actualidade cobro un soldo do partido, senón non sería posible exercer a responsabilidade que teño.

Nas primarias que gañaches sacaches, creo recordar, arredor dun sesenta e pico setenta por cento dos votos. A candidatura derrotada logrou un resultado máis que digno de máis ou menos un 30% dos sufraxios. Cal vai ser a túa política en relación ás persoas que se significaron na candidatura que perdeu: Vas tratar de integrar?, ou vas pasar o “ rodillo”?

Desde logo que a miña política vai ser radicalmente integradora. Xa tiven conversas con Gonzalo Busqué, o candidato que perdeu, e con outras persoas da súa candidatura nesa liña da integración e a concordia interna. Estou convencido de que Podemos Galicia vai entrar nun ciclo de estabilidade orgánica que nos permita afrontar as distintas citas electorais con tranquilidade . E sobre todo, máis que os procesos electorais que son moi importantes, o meu obxectivo fundamental é arraigar Podemos en Galicia. Construír unha organización de alicerces moi sólidos, cun corpo de militantes numeroso, que nos permitan superar as distintas conxunturas electorais.

Supoño que es consciente da dificultade superlativa dese obxectivo que formulas?

Si, si que o son. De feito xa lle tiven que facer un par de reparacións importantes ao meu coche como resultado da enormidade de quilómetros que fago ultimamente. É duro, si, pero tamén che digo que hai importantes segmentos de poboación que non se senten representados por ningunha das tres forzas políticas que están no parlamento galego na actualidade, que botan en falta un espazo no que sentirse cómodos e eu creo que o podemos achegar nós.

Nas vosas primarias a candidatura derrotada recibiu o apoio de Juan Carlos Monedero. Decepcionouche?

Monedero é un militante, fundador do partido e unha persoa moi respectada, que pode apoiar a quen queira desde logo. As e os militantes de Podemos Galicia falaron e moi maioritariamente apoiaron á candidatura que tiven a honra de encabezar. El, cando veu a Galicia dixo:” aos que gañen tócalles dirixir, e aos que perdan acompañar”, e eu estou completamente de acordo e non teño nada máis que engadir ao respecto.

O apoio de Monedero á candidatura derrotada implica que non tes a confianza do aparato de Madrid?

Non, de ningún modo. Eu levaba na miña candidatura a Verónica Hermida e a Antón Gómez Reino que son persoas que están na executiva de Ione Belarra. Juan Carlos Monedero non está nos órganos de dirección do partido.

Que criterios utilizaches para escoller ás persoas que te acompañaron na túa candidatura?

Non se trata dos criterios que utilizara eu, senón dun proceso colectivo de acumulación de vontades que se concretou nunha lista de 25 persoas.

Vós artellades a organización territorial do partido por provincias, non?

Si, nós temos a dirección galega e catro direccións provinciais e logo están as agrupacións locais

O voso coordinador provincial de Pontevedra, Román González, é un tránsfuga?

Creo que a dirección provincial de Pontevedra está por renovar. A Nós o que nos consta na organización é que houbo unha asemblea de Podemos Mos na que se decidiu abandonar o grupo de GañaMos e que Román pasase a non adscrito. Nós, en Mos, igual que no resto de Concellos temos que presentar unha candidatura que sexa capaz de concitar os maiores apoios posibles.

Pero ti, máximo responsable de Podemos Galicia, avalas a súa decisión de abandonar o grupo municipal polo que foi escollido e pasar a ser concelleiro non adscrito?

Eu non teño que avalar nada. Se hai unha organización local que toma unha decisión, que estea dentro do marco das súas competencias, esa decisión é lexítima. Eu, como máximo responsable de Podemos Galicia no momento actual, e como secretario de organización que era naquel momento, só podo respectar as decisións que tomen as agrupacións locais

Xa, pero supoño que haberá un límite ético, ou calquera tipo de comportamento é respectable?

Por suposto que non todos os comportamentos son respectables. Pero, insisto, a min non me toca valorar as decisións das agrupacións locais

Coñeces o proxecto do Celta nos montes de Mos?

Si

Cal é a túa valoración ao respecto?

Parece evidente que non ten o apoio dos veciños e veciñas afectados polo que é un “pelotazo” de envergadura e eu estou en desacordo desde logo.

A xustiza inicialmente declarou ilegal parte da cidade deportiva do Celta, o goberno municipal de Mos levou a pleno un plan para darlle encaixe legal ao que a xustiza declarou inicialmente ilegal. O voso concelleiro Román González votou a favor , cal é a túa opinión?

Dígoche o mesmo que antes. As decisións políticas das agrupacións locais , estea de acordo ou en desacordo con elas, non teño máis opción que respectalas.

Imos entrar nun apaixonante ciclo electoral que comezará coas municipais de maio. Cales son as túas sensacións e as túas perspectivas?

Nós somos unha organización humilde, que só ten 8 anos de vida, pero que nos últimos anos leva feito un traballo enorme percorrendo as estradas , rúas , camiños e corredoiras de Galicia que eu confío saiba valorar boa parte da sociedade galega. Entre o 60 e o 65% das galegas e galegos vai poder optar por unha papeleta de Podemos nas vindeiras municipais. Agora mesmo temos confirmadas arredor de 50 candidaturas e eu teño moita ilusión e moi boas perspectivas de resultados. Onde poidamos estar, nós imos apostar de maneira inequívoca por consolidar gobernos de esquerda e para executar políticas de esquerda que contribúan a mellorar a vida da xente.

Ides presentar candidaturas nas sete cidades?

Si, claro que si.

En Vigo ides participar baixo a fórmula da Marea de Vigo?

Podemos ten que estar presente con candidatos e programa nas sete cidades e nós xa temos eses deberes feitos. Agora ben, sempre, e cando digo sempre quero dicir sempre , imos intentar chegar a acordos amplos que conciten ás maiorías máis amplas posibles.

Vale. Repito a pregunta : En Vigo ides ir na Marea de Vigo?

En Vigo hai unha executiva local que decidirá a folla de ruta.

Como valoras o traballo de Rubén Pérez?

Rubén é un cadro político de primeiro nivel do que non podo ter mellor opinión.

Nos 32 concellos da nosa área de influencia( entre Marín e A Guarda) en cales ides presentar candidaturas?

Con seguridade en Vigo, Mos, Nigrán , Baiona,Ponteareas, Tomiño, Cangas Salvaterra e temos conversas avanzadas noutras vilas como A Guarda, Gondomar, Cañiza ou Marín

No Porriño ides apoiar a EU Son?

Ese é un concello no que estamos vendo distintas hipóteses. Agardo que sexamos capaces de construír unha candidatura única. En definitiva , o ciclo político municipal afróntoo con moita ilusión e com moi boas perspectivas para podermos construír un proxecto atractivo para a sociedade galega que sirva de catalizador para os procesos electorais futuros

Despois das municipais temos as eleccións estatais. Yolanda Díaz non vai chegar para as municipais pero non queda outra que chegue para as estatais, no caso contrario vai haber goberno de PP+VOX con seguridade. E a sensación que transmite é que vai un pouco lento o tema, non?

Eu desde logo que preferiría que o proxecto de Yolanda estivera xa para as municipais. Pero os procesos políticos teñen os seus ritmos, e un proceso como este , que ten o obxectivo de gañar as eleccións xerais, vai amodo

Está moi ben o optimismo, pero o de “gañar as eleccións” non é realista. Supoño que serás consciente de que ou o que monte Yolanda chega a captar arredor do 15% dos votos ou o goberno PP+VOX vai ser inevitable?

Eu estou seguro de que un proxecto encabezado por Yolanda Díaz que recolla todo o espazo progresista á esquerda do PSOE vai estar por encima desas porcentaxes. Desde logo que por Podemos Galicia non vai quedar. Nós daremos todo o que temos e máis para contribuír á construción dunha candidatura o máis ampla e competitiva posible.

Para que o proxecto que encabece Yolanda Díaz estea en cifras que permitan pensar nun novo goberno de coalición é imprescindible presentar unha oferta rigorosa e sólida de unidade real. Porén a agresividade coa que Pablo Iglesias fala en público de Yolanda Díaz parece o camiño máis corto cara o suicidio político?

Eu cheguei á política porque fun seducido por Pablo Iglesias. El é un referente para min. Pero neste momento fai xornalismo e opina o o que considere. Ao que me podo referir eu é ao que diga Ione Belarra, a miña Secretaria Xeral. E o que di é que Yolanda Díaz ten que dicir , definitivamente, que vai ás eleccións xerais e que ten que contar con todo o mundo.

E remataremos este apaixonante ciclo electoral coas eleccións autonómicas. O outro día dicías que sen vós non é posible o cambio político na Xunta. Por que?

Pois porque sen os deputados e deputadas do noso espazo político os números non dan. Nas últimas autonómicas nós vivimos unha experiencia política dura

Catastrófica diría eu, pasastes de 14 a 0

O certo é que os galegos e as galegas decidiron retirarnos a confianza que nos deran catro anos antes e a nós tócanos preparar un proxecto político que ilusione e que nos faga merecedores de recuperar a confianza que un día tivemos para que a xente que non se sente representada polo que hai poida ter unha opción coa que sentirse cómoda. Ese é o noso principal traballo: preparar un proxecto que sexa quen de participar no próximo goberno da Xunta.

Cal é a túa opinión sobre a situación do idioma galego?

Os datos de uso do noso idioma entre as xeracións máis novas son realmente preocupantes. Nós desde logo que estamos en desacordo co decreto do plurilingüismo e defendemos a súa derogación. A nosa posición é a de promover políticas que protexan ao idioma galego e que logren seducir á mocidade para que o utilice.

Rematamos: Que é Galicia para ti?

Un país.