Alberte Román
O cartel indica que está prohibido baixar ao río. E arguméntase tamaña decisión co clásico “por seguridade e saúde”, que é un método eficaz de neutralizar calquera discrepancia. Quen pode cuestionar razóns de seguridade e saúde? Nunha noción aínda moi estendida da natureza, o río é un elemento que é preciso controlar, dominar; a vexetación que medra nas beiras óllase como unha ameaza, e evitase que medre. Pola contra, os rios son entidades complexas, con dinámicas sensíbeis, non unha canle de auga a correr.
Hoxe o treito urbano do curso fluvial óllase desde a varanda, desde a distancia, sen interactuación. Vivimos de costas viradas a el. Isto non sempre foi así. Temos memoria viva de cando o río non era unha canle no medio da vila, senón un espazo integrado. A rapazada exploraba as beiras e habíaos afoutos que se adentraban á procura das anguías que escollían os buracos dos tixolos como refuxio.
A intensificación de episodios de calor extrema que vivimos en Europa, a zona do planeta que máis rápido aquece, está levando ás cidades e vilas europeas a reconectar cos seus cursos fluviais, e por toda parte xorden iniciativas que colocan os ríos, e a súa renaturalización, no centro da vida urbana. Grande parte das iniciativas procuran acondicionar as ribeiras como espazos de encontro da cidadanía. Alí onde se teñen desenvolvido intervencións nesta liña, constataron, como axiña, estes espazos recuperados son integrado na vida cotiá polas persoas, e tamén pola fauna que volta aos seus hábitats. Un río con vexetación contribúe a mitigar as altas temperaturas ambientais. É un espazo de confortabilidade climática, nun momento en que avanzamos cara un tempo de incertezas sobre as condicións de habitalidade no planeta.
Durante moito tempo, xustificáronse actuacións, como a retirada da vexetación das ribeiras, argumentando que incrementaban o risco das enchentes. Hoxe sábese que é o contrario, que a presenza de vexetación nas marxes e no leito axuda a frear a velocidade da corrente, e mitiga os danos que esta puidese provocar.
A esta altura do artigo é que reparo en que estou escribindo sen ter nomeado o río do que falo. O que está no meu pensamento cando estou escribindo é o Alvedosa en Redondela. Aínda que en verdade deberíamos falar de ríos porque son dous os que converxen no centro da vila, o río Alvedosa e o río das Maceiras ou de Mañó. Aínda que falo dunha situación redondelá, creo que a descrición e reflexión trazada neste artigo é, por desgraza, unha realidade recoñecíbel e aplicábel en grande parte dos treitos urbanos dos ríos en Galicia.
ComentarioResaltar Cómpre, pois, activar procesos que reintegren os ríos nas vidas das nosas vilas e cidades. É urxente baixar, de novo, aos ríos.


