Paulo Vila [Comité Antifascista da Louriña]
Os episodios de violencia racista e terrorista das últimas semanas na colonia española de Ceuta, Sebta para os nativos, confirma máis unha vez, que o imperialismo anglo-ianqui-sionista necesita do fascismo no Estado español para avanzar na estratexia de guerra global contra o Mundo Multipolar. Na Europa, estes perversos plans de morte e destrución, tradúcense nunha escalada con provocacións continuas, co obxectivo de desencadear unha guerra aberta contra a Federación Rusa.
O Comité Antifascista da Louriña chamou a non participar nas concentracións racistas do pasado dia 2 de setembro, convocadas polos gobernos municipais do PP de Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo nos concellos de Mós e Porriño. Fan parte da estratexia golpista programada pola extrema dereita española, apoiada polo fascismo internacional, a OTAN e o sionismo.
O máis perigoso é que con esta estratexia coordenada xunto á ditadura marroquina que ocupa a RASD e o Rif, pretenden estender nun futuro, actos criminais semellantes aos cometidos contra a comunidade nativa de Sebta, por todo o Estado contra o sectores populares máis combativos do pobo traballador.
Somos máis que conscientes de que o mal chamado goberno progresista de Pedro Sánchez e Sumar, deixou de ser útil para o imperialismo. Eis polo que necesitan do bloque reaccionario PP-VOX para seguir implementando con maior celeridade entre as masas, o proceso de fascistización, militarización e domesticación esixido e deseñado polo binomio UE/OTAN.
O fascismo é a ferramenta máis útil da oligarquía para continuar cos pasos marcados na axenda belicista, perseguindo, reprimindo, e disciplinando todos aqueles que estamos dispostos a enfrontalos, e que coñecemos perfectamente a tarefa histórica que cumpren: A utilización do chauvinismo e da violencia terrorista para salvagardar os privilexios dos explotadores en base ao roubo, o saqueo, e a apropiación da plusvalía, xunto co sometemento das nacións e pobos oprimidos que actualmente integran este cárcere chamado España.
Para estarmos preparados para o escenario que moi probabelmente vai chegar, baixo un hipotético goberno do PP-VOX en Madrid, desde o antifascismo combatente galego debemos facer o posíbel por aglutinar forzas. As nosas portas están abertas para todas aquelas persoas que estean dispostas a contribuír na edificación da necesaria unidade antifascista e antiimperialista na nosa comarca.
Lonxe de embelecer a vía institucional e os procesos electorais burgueses, é importante facermos entender á poboación que o fascismo somentes pode ser combatido con coraxe e determinación, evitando que ocupen os espazos nas rúas que historicamente sempre pertenceron ao noso pobo e á nosa clase.
Non podemos cometer novamente os mesmos erros que en 1936 con todo o que iso por desgraza, supuxo para o pobo traballador galego. Fronte ao fascismo, o racismo, e o españolismo, fronte ao silencio e o timoratismo das esquerdiñas, desde o Comité Antifascista da Louriña facemos este chamamento á unidade obreira e popular.
Nas próximas semanas daremos os pasos que consideremos oportunos para avanzarmos nesta dirección.
Antifascistas e antiimperialistas sempre!


