“O fascista fala todo o tempo de corrupción. Fíxoo en Italia en 1922, en Alemania en 1933 e no Brasil en 1964. Acusa, insulta, ataca como se fora puro e honesto. Mais o fascista é tan só un criminal, un sociópata que persegue unha carreira política. No poder, non dubida en torturar, violar, roubar as pertenzas da xente, a súa liberdade e os seus dereitos. Máis que corrupción, o fascista practica a maldade.” (Norberto Bobbio).
A represión económica, pola que @s desafect@s ao novo réxime pagaban o seu desleixo co patrimonio, regulamentouse co Decreto-Leydo 10/01/37 polo que se creou a Comisión Central Administrativa de Bienes Incautados por el Estado, encargada mediante o concurso xudicial de incoar a nivel provincial os Expedientes de Responsabilidades Civilesque, adoito, remataron en multas ou expropiacións. Antes, mediante outro Decreto, o 108,datado o 13/9/36, os golpistas confiscaran os bens dos colectivos afectos á Fronte Popular e mesmo estableceran a posibilidade de esixir a susodita “responsabilidad civil” a particulares, para resarcir de xeito arbitrario ao Estado dos danos causados pola súa resistencia ao movemento faccioso.
Eiquí o que nos interesa sinalar é que antes dos primeiros meses de 1937, intre no que terá lugar a “regularización” do espolio mediante a espuria legalidade emanada da forza das armas, partimos da hipótese de que na Galiza o que imperou foi o saqueo e o reparto do botín de guerra, levados a cabo en moitas ocasións cunha violencia inhumana que nos fai reparar na participación de moitos daqueles represores implacables nas sanguentas Guerras de África: sen saír da provincia pontevedresa, lembremos o pasado “africanista” dun Víctor Lis Quibén, dun José Peñarredonda, dun Salvador Buhigas Novo, dun Carreró, dun Ramón Blanco Linares….En todo caso, foi un tempo de “descontrol tolerado” (en palabras do historiador pontevedrés Pepe Álvarez), previsto xa polos militares rebeldes na “Octava Orden de Urgencia de la Junta de Defensa Nacional de España”:
“En el primer momento y antes de que empiecen a hacerse efectivas las sanciones a que dé lugar el Bando de Estado Guerra, deben consentirse ciertos tumultos a cargo de civiles armados para que se eliminen determinadas personalidades, se destruyan centros y organismos revolucionarios”.
Pois ben, semella que eses “tumultos” criminais e o latrocinio pola forza foron norma e non a excepción por toda a xeografía galega, naquel período inicial da Guerra Civil. Galicia Mártir. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas, unha obra editada en Buenos Aires no outono de 1937 e non demasiado valorada no eido académico, mais que o tempo demostrou que aportaba informacións de primeira man sobre os verdugos que actuaron no sur da provincia de Pontevedra, amosaba xa daquela non poucos sinais do que estamos a falar: o automóbil do médico Eugenio Arbones, nas mans dun colega vigués tras ser pasado polas armas; as lucrativas extorsións do garda civil “Rabioso” a vellos aterrados; o despoxo “in situ” das pertenzas dos asasinados; o incendio e saqueo das casas de Lavadores durante as operacións de castigo, nas que o crime e a mutilación de xenitais foron moeda común; a que despois foi ben coñecida intriga corrupta de Fernando Lago Búa e Francisco Bustelo, director e médico da Colonia Penitenciaria da Illa de San Simón, para chantaxear aos presos poñendo prezo ás súas vidas; as múltiples multas e requisas levadas a cabo de xeito arbitrario en data temperá por parte de autoridades militares e gobernativas, sen a penas referencia normativa…
Noutro lugar (no libro colectivo Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, SERMOS Galiza, 2017) nos referíamos á sistemática morea de violentos asaltos, secuestros, extorsións e aleivosas violacións de domicilios, que padeceron as bisbarras de Tabeirós e Terra de Montes entre agosto de 1936 e xaneiro de 1937 e cuxo planeamento apuntaba a senlleiros mandos da Falange, acusados tamén de corrupción e malversación das contas da organización: eis, Manuel Castro Pena, xefe provincial e o seu secretario, o futuro vicepresidente perpetuo da DeputaciónAntonio Puig Gaite; o sanguinario Ricardo Menéndez Bustamante “O Cubano”, xefe provincial de Información; Amable Durán, xefe local de A Estrada; Constantino Alonso, idéntico cargo da “non nata” Falange de Quireza (Cerdedo); Pelayo Bergueiro, xefe local de Tabeirós…e unha chea de falanxistas de a pé. Ao cabo, concluíamos formulando a pregunta de se aquela ríspeta metodoloxía corrupta do saqueo puido ser aplicada país adiante, tal e como puideran facer pensar posibles contactos da trama noutras zonas. Pois ben, a revisión a fondo da causa instruída tras aqueles feitos polo xuíz Fermín Bouza Brey antes de pasar á xurisdición militar e ficar impunes os encausados, permite avanzar na hipótese en cuestión: nela, constatamos vínculos con falanxistas de Cuntis, Cambados, Pontevedra, Ponte Caldelas, Cangas, Vigo e Lavadores, que, mesmo puxeron ao descuberto atracos e secuestros “express” de veciños de A Estrada en Vigo-Bouzas a cargo de “O Cubano”, extorsións en Cabral ou malversacións en Cangas nos que Castro Pena aparece implicado, así como os seus escuros negocios co xefe accidental da Guardia Civilde Pontevedra, o garda civil Joaquín Velarde, a cargo dun non menos escuro “fondo de socorros” manexado por ambos.
Non creemos sexa casualidade que, no mesmo intervalo de tempo, teñan lugar as múltiples “razzias” da Guardia Cívica pontevedresa, un corpo paramilitar organizado polo referido Velarde e polo médico Víctor Lis Quibén, por boa parte da provincia. Lis comezara a súa estarrecedora xeira a fins de xullo de 1936 clausurando de “motu proprio” locais societarios e incautando sen control algún bens e diñeiro en metálico, acompañado polo enxeñeiro forestal e camisa vella de Falange, Rafael Areses. O talante extremadamente cruel das accións de Lis e dos cívicos, cuxos procedementos incorporaban métodos “africanistas” tal que os incendios de vivendas, a tortura, a mutilación e o despoxo, foi pescudado polo miúdo polo noso colega Pepe Álvarez, que engadiu a estes trazos sombrizos outra constatación: a fasquía corrupta daquel activismo faccioso que tamén salferiu ao comandante Velarde e que non desbotou a extorsión, o roubo, a malversación, o desfalco, o comercio coas armas e as radios confiscadas, o suborno e, mesmo, episodios de “sicariato”. A maiores e para completar o panorama, se acreditamos en diversas fontes o propio Lis puido ter participado da trama urdida en San Simón por Lago Búa e Bustelo; porén, o procedemento xudicial que rematou co fusilamento de ambos non clareou o asunto.
Segundo os rigorosos traballos de Xoán Carlos Abad (en especial Héroes o forajidos, IEV, 2005) no episodio de San Simón tamén estaría hipoteticamente implicado outro temible personaxe que, no sur da provincia, mesturou a eito o asasinato co espolio: referímonos ao capitán da Guardia Civil e Delegado de Orden Público de Vigo Francisco González Rodríguez “O Rabioso”. Entre as súas incontables accións punitivas, destaca a operación de limpeza levada a cabo no mes de marzo de 1937 na Bouciña, onde tras o incendio e a pillaxe de tres casas se atoparon sete mortos pola brava no cemiterio de Lavadores. Antes, no 15 de setembro de 1936, Abad sinala a “O Rabioso” como un dos participantes no crime colectivo de outras tantas persoas moi coñecidas de Vigo (entre eles o médico Arbones) na curva de Puxeiros; alí mesmo, os cadáveres foron despoxados de todos os seus obxectos de valor.
Ao cabo, diversos/as investigadores/as vinculados á historia local da represión franquista (Ángel Rodríguez Gallardo, Xosé R. Paz Antón, Lucía Esperón, Antón Mascato…), fornecen de non poucos indicios de que naqueles magoados primeiros tempos do novo réxime, o botín de guerra tamén acompañou á violencia desatada por falanxistas, gardas civís e paramilitares diversos, noutros puntos da provincia, caso por exemplo de Ponteareas, O Porriño, Cambados/Vilanova de Arousa, A Illa e O Grove. Nesta última vila, os falanxistas mesmo fretaron un barco para enchelo en Corrubedo de mobles, roupa, louza, diñeiro e xoias, patrimonio da muller dun dirixente socialista do Barbanza con cuxo espolio pretendía salvar (inutilmente) a vida do seu home.
En definitiva, a relevancia dentro do aparato represivo provincial dos suxeitos implicados e a extensión territorial da metodoloxía extractiva á que vimos de facer referencia, lévanos a tirar a conclusión de que un estudo sobre a represión económica circunscrito tan só á exercida dun xeito regrado a partir de xaneiro de 1937, mediante a Comisión Provincial de Incautación, ficaría dabondo incompleto sen ter en conta ese período de “descontrol tolerado” que ocupou a segunda metade do ano 1936 e no que salientou a violencia feroz, a corrupción e o saqueo. Unha etapa que pretenderon non deixara pegada documental para así os vitimarios asegurarse a impunidade, e na que @s investigador@s debemos internarnos en precario para descubrir e interpretar esa paisaxe en ruínas que para Walter Benjamin era a Historia.