Baixo Miño, 28 de agosto de 2026

“Cada ano chega setembro e repítese a mesma cantinela: o estudantado volta ás clases, a xente ao seu traballo, todo a súa rutina e o servizo de autobuses tamén segue sen mellorar: estudantes que teñen que ir de pé, amontoados no pasillo, poucas liñas ou frecuencias e viaxes interminables para ir ao hospital ou á universidade, xente que queda tirada na estación de autobuses cando quere voltar á casa porque o autobús xa non admite máis… isto é o que ten que sufrir a xente da comarca” afirman desde o Bloque Nacionalista Galego.

Esta formación política reprocha ao goberno do Partido Popular que non sexan capaces de ofertar unha proposta axeitada para a comarca, despois de tanto tempo. “Desde as alcaldías xa se lle fixeron propostas dimensionadas ás necesidades da xente, pero a Xunta segue coa mesma actitude: desatendendo un servizo público vital para o Baixo Miño”, afirman.

Na última sesión da Comisión Permanente nº2 do Parlamento Galego, con competencias sobre transporte, celebrada o pasado día 16 de xullo, Paulo Ríos, deputado do BNG urxía unha vez máis ao goberno galego a solucionar este problema. “A resposta dos populares foi que non ofertarán o novo proxecto ata 2027 para que as empresas poidan concursar, un retraso máis nunha situación que castiga ano tras ano á nosa comarca”, afirman os nacionalistas.

Esta formación solidarízase coas reivindicacións que están a realizar as traballadoras e traballadores da empresa concesionaria, cunha nova xornada de folga que celebran o día de hoxe. “As traballadoras e as usuarias son as que sempre “pagan o pato” deste deterioro dos servizos aos que nos someten os populares”, lamentan.

Afirman que seguirán presionando ata conseguir unha mellora eficaz do servizo.