BNG exixe modificar o decreto de axudas ao sector da carne e incluír os becerros das explotacións extensivas de cebo tradicional

Néstor Rego

Néstor Rego alerta que, se non se incluíren estas explotacións maioritarias na Galiza, estarase a penalizar unha maneira de vida sustentábel do punto de vista ambiental, social e económico

A frente nacionalista demanda incorporar as pequenas e medias explotacións que empregan unha produción mixta en que combinan a cría de cuxos e o mantemento das vacas nutrices da granxa

Madrid, 26 de setembro de 2022.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas co obxectivo de que o executivo estatal inclúa axudas para o sector da carne e incorpore no Real Decreto a posibilidade de cobro por crías nacidas e cebadas nunha explotación ou en cebadeiros comunitarios xestionados por produtores de vaca nutriz. A organización nacionalista demanda contemplar as especificidades e realidades deste sector xa que, se non se fixer, estarase deixando fóra a gran maioría do sector galego da carne.

O pasado mes de xuño o Goberno do Estado aprobaba Real Decreto 428/2022 polo que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión directa de axudas excepcionais de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas da guerra na Ucraína en determinados sectores agrarios. A norma exclúe a axuda polos becerros e resto de crías e só recoñece o cobro polas nais, o que está a provocar un grave prexuízo para os gandeiros e as explotacións do noso País, en favor dos cebadeiros e explotacións de carne industrial.

Dentro da Dentro da Indicación Xeográfica Protexida “Tenreira Galega” inclúense unhas 8.000 granxas que ceban os seus propios tenreiros e que, por unha interpretación totalmente errónea do Ministerio, quedan fóra desta axuda. Resulta imprescindíbel, por tanto, que o Ministerio de Agricultura corrixa o citado Real Decreto no seu artigo 3 para incluír como beneficiarios da axuda por vacún de cebo tamén aos tenreiros nados na propia explotación, tal e como se recolle nos puntos a) e b) do artigo 63 da lexislación da PAC.

“É unha mostra máis do descoñecemento que ten o Ministerio de Agricultura da realidade do campo na Galiza e das características e singularidades do seu tecido produtivo, que se basea principalmente en pequenas granxas familiares de produción de carne, en réxime de extensivo, tanto de vacún como de ovino e caprino” afirma o deputado do BNG. Néstor Rego engade que, co compendio de erros e discriminacións, estase a penalizar unha maneira de vida sustentábel do punto de vista ambiental, social e económico e mesmo produce un empeoramento da situación de abandono do rural.

De facto, estas pequenas e medianas explotacións empregan unha produción mixta. É dicir, combinan a cría de animais co mantemento das vacas nutrices na granxa. “Este tipo de explotacións, en que realizan esta actividade complementaria á da vaca ama de cría, proporcionan un valor engadido no mantemento das superficies agrarias, sobre todo nas zonas de montaña” destaca Rego. Mais, pola contra, o executivo do Estado non están a promocionalas e protexelas, a pesar de que mesmo son un actor importante na prevención dos lumes.

“O Ministerio debe rectificar esta decisión e incluír axudas para as pequenas e medias explotacións. Se non se corrixir a norma, estaremos diante dun novo desvío de diñeiro público para a agroindustria en detrimento das granxas pequenas e medias” subliña. Para o deputado nacionalista, o Goberno debe premiar a función ecosistémica e de xestión do territorio que realizan as pequenas e medias explotacións en extensivo e colaborar ao seu mantemento cunha política de axudas adecuada que contemple a súa realidade diferenciada e específica.

Acordo do Parlamento de Galiza para pedir a modificación do decreto

Neste sentido, a frente nacionalista lembra o apoio da unanimidade do Parlamento de Galiza a unha iniciativa do BNG para que a Xunta de Galiza reclame a modificación da norma para compensar determinados sectores agrarios polas dificultades derivadas da guerra na Ucraína. O sector gandeiro galego supón 54% da produción final agraria (PFA) frente a 17,5% da media no Estado español, segundo o anuario da agricultura familiar en España de 2020, o que nos dá unha idea da importancia do sector primario na economía galega.

“Todos estes datos avalan a vitalidade do sector e a necesidade de considerar e contemplar as súas especificidades e realidades diferenciadas para incluílos plenamente nas axudas que se deseñen. Non pode deixarse fóra a gran maioría do sector galego de carne” salienta Rego.