Denuncia que a empresa pública incumpre o Estatuto dos Traballadores/as e unha directiva europea ao respecto.
Despois de suprimir o reparto de correo ordinario en sábados xa hai moitos anos, algunhas centrais sindicais con representación en Correos -entre elas a CIG- están a reclamar dende entón a necesidade de darlle descanso de fin de semana completo ao persoal de Correos do centro de tratamento postal, das unidades de servizos especiais (urxentes) e das oficinas de atención ao cliente. É dicir, a todo o persoal de Correos. Mais a empresa pública incumpre a normativa laboral ao respecto e mantén a estes/as traballadores/as sen librar día e medio consecutivo nas fins de semana, incumprindo tamén os requirimentos da Inspección de Traballo.
Este persoal atópase nunha situación irregular posto que non chega a descansar día e medio continuado durante a fin de semana, tal como recollen a directiva europea 2003/88/CE no artigo 17.1 e o Estatuto dos Traballadores/as no artigo 37.
Directiva 2003/88/CE : “…os traballadores terán dereito: …un período mínimo de descanso ininterrompido de 24 horas, ás que se engadirán 11h. de descanso diario…”
Estatuto dos Traballadores/as: “…un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompido que, como regra xeral comprende a tarde do sábado ou no seu caso, a mañá do luns e o día completo do domingo…”
Esta situación coloca a Correos na ilegalidade, que posta en coñecemento da Inspección de Traballo, empraza a Correos a darlle solución, provocando un suposto acordo coas centrais sindicais asinantes, que en teoría tería que implantarse nos seis primeiros meses do ano. Transcorrido este prazo, o que nun principio parecía ser un “tanto” que se marcaban as centrais sindicais asinantes como impulsoras dun acordo que sabemos forzoso, resulta ser un “tiro pola culata”, escusándose algunhas agora en que as eleccións e o cambio de Goberno imposibilitaron a aprobación da modificación do RD de xornadas especiais que esgrimen como IMPRESCINDIBLE para solucionar a situación ilegal da obriga en quenda de sábados cunha xornada ordinaria de luns a venres.
Cinguíndonos á regulamentación ordinaria do descanso semanal, antes exposta, a xornada de luns a venres debe de ser basicamente a xornada preestablecida en calquera empresa. Con fórmulas como cubrir as excepcións con persoal voluntario (se houbera) que acceda a descansar outro día da semana en lugar do sábado, coa súa debida compensación, e coa creación de postos de xornada incompleta de fin de semana e festivos, que xa existen na contratación eventual, non parece preciso recorrer a incluír a través da modificación dun RD a todo o persoal de Correos e todo o sector postal, REGALANDO o dereito ao descanso semanal ordinario de milleiros de persoas vinculadas a este sector cada día máis hostil e belixerante cos seus empregados/as. Esta modificación non puntualiza os casos nos que sería de aplicar, deixando expostas a todas as persoas que traballan no sector sen excepcións. E abrindo a posibilidade á volta atrás co reparto en sábados e mesmo en domingos.
A modificación da proposta apoiase, sinteticamente, nos seguintes motivos:
- “…. a necesidade de garantir a prestación do servizo permanente e o conseguinte funcionamento das oficinas públicas e, no seu caso, doutros puntos de acceso á rede postal, así como a súa dispersión xeográfica”.
- “ …. a problemática de paralizar a actividade durante períodos continuados de 48 horas”.
- “…. superar as dificultades que doutro xeito non poderían afrontarse…”
Os tres motivos, ademais de demasiado xenéricos, non se acompañan dalgún tipo de estudo que xustifique a necesidade da prestación continuada, a problemática da prestación non continuada e a imposibilidade de solucións alternativas ao suposto problema.
Di a Directiva europea 2003/88/CE no artigo 17.1, relativo á ordenación do tempo de traballo:
“… Excepcións (ao descanso ordinario): - …a causa das características especiais da actividade realizada…”
- …a xornada de traballo non teña unha duración medida e/ou establecida previamente…”
- …cando poida ser determinada polos propios traballadores/as…”
E engade a respecto do persoal afectado:
“… en particular cando se trate de:
Executivos/as dirixentes ou outras persoas con poder de decisión autónoma.
Traballadores/as en réxime familiar.
Traballadores/as en actividades litúrxicas de igrexas e comunidades relixiosas…”.
Di a lei 43/2010, de 30 de decembro, do servizo postal universal, no artigo 3.3: “Os estados membros adoptarán medidas para asegurar que o servizo universal quede garantido alomenos cinco días laborables por semana”.
Ninguén pode dicir que a normativa force, mesmo ampare, a necesidade de desregular o descanso semanal do persoal de Correos.
Na historia de Correos temos un caso recente de necesidade de prestación dun novo servizo: cando foi preciso adecuarse á nova Lei de Notificacións, habilitando da noite para a mañá un servizo, antes inexistente, de reparto en horario de tarde en todo o territorio.
Hai xa máis dunha década o servizo de reparto en sábados foi suprimido sen trauma.
O servizo de admisión do correo en sábados vense dando coma hoxe dende hai moito tempo, sen que se intentase ningún tipo de modificación, e moito menos que tivera fracasado no seu funcionamento.
A capacidade de adaptación de Correos queda demostrada, e os argumentos desmontados sen maior dificultade con exemplos coma estes.
A mesma proposta de modificación do RD admite na memoria de análise do impacto normativo que “non se tivo en conta ningunha outra fórmula alternativa”.
Non é o sector postal, e moito menos Correos, a única empresa que ten que cubrir necesidades de fin de semana sen estar incluídas no RD de xornadas especiais, pola contra, os sectores afectados defiren claramente do noso.
Exemplos de sectores con xornadas especiais:
- Comercio e hostalería.
- Gardas vixiantes non ferroviarios.
- Traballos de posta en marcha e peche.
- Transportes (estrada, mar, ferroviario, aéreo)
- Traballos no campo.
- Traballos en condicións de afastamento.
- Traballos con xornadas fraccionadas.
- Traballos a quendas.
- Empregados fincas urbanas.
- Traballos no interior das minas.
Por todo isto, pregúntanse:
É preciso excluír a todo o persoal de Correos e a todo o persoal do sector postal da regulamentación ordinaria do descanso semanal?
Que motivos espurios se atopan realmente detrás da modificación do RD?
Estaremos sendo un instrumento para engadir un grao máis á liberalización/precarización do sector postal?
Por que hai centrais sindicais que actúan como cómplices necesarias deste suposto engano?