“Camposancos está nunha situación económica complicada, e nós debemos xestionala con rigor e eficiencia”
Merchi Martínez, campusina, profesora de educación primaria, foi traballadora no eido da sanidade pública e preside actualmente a Entidade Local Menor de Camposancos.
Miriam Rodríguez
Merchi, presides a Entidade Local Menor de Camposancos, anteriormente fuches vogal do BNG e concelleira na oposición no concello da Guarda, COMO se iniciou a túa vida política?
Comezou cando estaba preparando a carreira, cando tiña uns 18 anos estiven colaborando no MCG coas miñas compañeiras e xa tiña unha grande inquietude naquela época.
Logo tiven anos moi complicados, tiven que deixar un pouco de lado a miña participación, aínda que na miña casa a miña familia sempre falou moito de política, de feito un tío da miña nai faleceu en San Simón, primeiro estivo no cárcere de Tui e logo o trasladaron alí. Desde que era unha nena escoitaba conversas de política na casa, aínda que a miña nai insistía en que se falara baixiño polo medo a ser escoitadas e perseguidas.
Os resultados do pasado 26 de maio deron como resultado na Entidade Local Menor de Camposancos a presidencia ao Bloque Nacionalista Galego, cal cres que foi o motivo deste cambio?
Penso que, entre outras cousas, Camposancos precisaba un cambio urxente. As veciñas estaban cansas desta política constante, de non facer nada.
Hai moitas veciñas e veciños que votaron BNG por primeira vez porque recoñecen a nosa labor e saben que traballamos arreo polo benestar e polo futuro de Camposancos.
Cales van ser as primeiras medidas que vas impulsar neste mandato?
Camposancos está nunha situación complicada, e considero que se debe de comezar por unha eficiente distribución e revisión do patrimonio porque hai alugueres cuns prezos irrisorios e outros que simplemente non se cobran, algo que para a procura da nosa suficiencia económica debemos solucionar o antes posible.
Por outra banda tamén preocupa a limpeza de camiños, que hai moitos anos que non se limpan e que son espazos entrañábeis e vitais para a xente. Tamén recuperar fontes e lavadoiros que forman parte do noso patrimonio etnográfico así como tamén os grifos, que a meirande deles datan dos anos 70. A xestión da auga é tamén deficiente porque as infraestruturas están obsoletas
En definitiva, temos moita tarefa por diante, e imos ter en breve a incorporación dun novo operario que se vai encargar da limpeza.
Como agardas que sexan as relacións entre a Entidade Local Menor e o Concello?
Pois francamente creo que van ser moi positivas dado que temos no Concello un bipartito co que xa mantiven varias xuntanzas e con moi bos resultados.
Unha das propostas bandeira do BNG en Camposancos é a participación veciñal , como se vai a potenciar?
Paréceme moi interesante esta pregunta. O dia do meu nomeamento expliquei que cada certo tempo imos convocar reunións veciñais, de feito, teño previsto nestes vindeiros dias facer unha reunión onde participen todos aqueles veciños e veciñas que queiran para explicarlles a situación actual da Entidade Local, que poidan dar as súas opinións para así tomar decisións amparadas na voz do pobo.
As entidades locais menores son unha das institucións máis descoñecidas no eido da política municipal, cóntanos cales son as funcións e competencias reais da Entidade Local Menor de Camposancos?
Como Entidade Local Menor é recoñecida logo da aprobación de estatuto municipal de 1924, e, posteriormente constitúese definitivamente na sesión o 23 de maio de 1925, o seu primeiro alcalde pedáneo foi Don Domingo Domínguez.
En canto a competencias, alén da limpeza e xestión do patrimonio, tamén levamos a xestión de auga propia. Temos minas na fonte da piollosa, na fonte de san amaro, no barrio de Sáa, 3 na Pasaxe que funcionan por pozos que son bombeados, claro que nestes tempos estivais, e de seca, acontece que hai solicitar á Guarda. Pero afortunadamente estamos construíndo 2 pozos novos na Pasaxe, é unha obra importante pero que era moi necesaria para Camposancos xa que isto evita o pago ao Concello da Guarda durante os veráns de subministro de auga.
E outra das funcións é a xestión dos ingresos dos bens e propiedades do antigo ” Coto”, que moitas delas están alugadas a empresas e estaleiros, ao club de tenis, e na zona de praias a particulares.
Por outra banda tamén temos a vixilancia e mantemento de vías urbanas, camiños rurais, montes, fontes e lavadoiros, execución de obra e servizo do noso interese realizadas con fondos propios, e a administración e defensa do patrimonio. Vaia, funciona coma un pequeno concello, está formado pola alcaldesa pedánea e 2 vogais do PP, unha vogal do BNG e un vogal do PSOE.
Tamén levamos adiante un área de carácter social como son os campamentos de veráns para crianzas, como se pode ver no propio edificio da Entidade Local, o salón de plenos está sendo empregado para esta actividade, e tamén o taller de memoria para persoas de avanzada idade, que por certo, renunciei ao meu salario e as dietas para aportalo para a compra dun tractor-chimpín e para a continuidade do taller de memoria tan necesario para as veciñas e veciños de Camposancos.
Así mesmo estou tratando de ver de da inclusión da área de normalización lingüística, teño en mente tamén facer un taller de teatro onde participen actores e actrices que sexan veciñas e veciños de Camposancos.
En Camposancos, existiu un campo de concentración durante o franquismo e moitas veciñas e veciños da comarca descoñecen isto. Podes contarnos a súa historia e como repercutiu na túa parroquia?
Ben, teño recordos de moi pequena porque miña nai era das nenas que con 8 ou 9 anos ía buscarlle a roupa aos presos para lavar. Leváballe logo o que podía de volta na roupa (algo de froita, pan) e teño testemuñas na miña casa diso, hai 2 pulseiras feitas polos presos para a miña nai fermosísimas, unha está feita de moedas antigas con barcos veleiros en cada moeda, e outra que tiña o nome da miña nai gravado
Houbo sobre todo moitísmos presos asturianos, francamente nunhas condicións infrahumanas, chegando a escoitarse moitas veces disparos. Aínda a dia de hoxe nas paredes vense os buracos das balas. A verdade é que é estarrecedor entrar nese lugar.
E por certo, gustaríame moito recuperar un camiño que fixeron os presos que está hoxe en dia asfaltado. Curiosamente onte mantiven unha reunión con veciños e veciñas da Pasaxe na que me lembraron este camiño feito de pedra.
Primeira alcaldesa pedánea da Entidade Local Menor de Camposancos, muller, activista social, feminista e nacionalista. Es consciente de que marcas un antes e un despois na Entidade Local Menor máis antiga de Galiza?
Si, penso que marca un fito porque sempre estivo a presenza masculina aquí, o máis importante para min non é so ser a primeira muller, senón ser a primeira muller nacionalista en conseguir a alcaldía de Camposancos.