
María é unha amiga persoal miña que, malia que as circunstancias fixeron que levemos bastante tempo sen vernos, ela vive en Ourense e eu en Vigo, nunca deixei de apreciar. Houbo unha época na que traballamos no mesmo sitio, e compartimos moitas cousas. Debatemos moito, discutimos moito máis aínda, e algunha vez témonos berrado tanto que se aquelas paredes do seu antigo despacho puidesen opinar, creo que alucinarían de que estea escribindo nestes termos. Recordo que nalgunha ocasión ata nos temos emborrachado xuntos en compañía de outros e outras, e se non me falla a memoria, que penso que non, nalgunha situación pasada tamén temos compartido bágoas. María foi unha das milleiros de persoas do noso país que se cruzou co becho de cuxo nome de momento non nos podemos, esquecer. Para min foi un enorme pracer saber que xa está plenamente recuperada e poder conversar con ela. Agardo que pronto poidamos rirnos disto tomando unha cervexa en Ourense, en Vigo ou en calquera sitio. Estou seguro de que así vai ser.
Cando comezaches a notar os primeiros síntomas e cales foron?
A fin de semana do 7 de marzo, tiña febre e estaba moi cansa.
Canta febre?
Ao principio , movíame no abano de 37 / 38. Estiven arredor de 10 días así, tomaba antitérmicos pero nunca me chegou a desaparecer de todo, e o cansazo era cada vez máis intenso , ademais comecei tamén a perder o apetito. Tose e dificultade respiratoria non tiven.
Ben, despois de varios días así, que foi o que fixeches?
Xa o día 9 de marzo, chamei por teléfono, preguntáronme os síntomas e dixéronme que fose ao médico de cabeceira. No centro de saúde fixéronme as mesmas preguntas e concluíron que non era coronavirus mandándome a casa con paracetamol.
E a febre seguía sen baixar?
Si, e aos 10 días de febre continuada volvín chamar ao centro de saúde e mandáronme ir a urxencias, collín un taxi e fun ata alí.
Estamos en que data?
Estamos no 17 de marzo, e alí xa me fixeron a proba específica do coronavirus e placas, e volvéronme mandar para casa. 2 días despois a febre xa era altísima e comezaba asemade a notar indicios de perda de sensibilidade corporal e dor no peito. De feito tiven un principio de pneumonía. Chamei ao 061,e veume buscar unha ambulancia, leváronme a urxencias e alí xa me comunican que si, teño a enfermidade e ingrésanme.
Tanto nas urxencias, como nos días que estiveches ingresada, percibiches sensación de colapso?
Non, en ningún momento.
Que tipo de medicación te administran?
Tres tipos diferentes; un medicamento contra a artrite, un antiviral que se utiliza para os pacientes con VIH e un antibiótico. Os primeiros días a medicación deixábame absolutamente esgotada alén de producirme vómitos e descomposición. Pasei catro ou cinco días moi malos, pero despois deses días comecei a experimentar unha notable melloría no meu estado xeral.
Non entendo o motivo de administrarche antibiótico. Esta medicación é antibacteriana, pero non serve para atacar os virus, non?
Non sei, a verdade é que non teño resposta. Eu estiven ingresada coa miña nai, ambas padecemos a enfermidade , e ás dúas nos administraron antibiótico.
Cantos días estiveches ingresada?
20 días, os 5 primeiros soa nunha habitación e os 15 últimos coa miña nai, pois ela tamén comezou a notar síntomas pouco despois ca min, e tivo que ser ingresada.
Nin ti, nin a túa nai chegastes a precisar o ingreso na UCI?
Non, a miña nai chegou a necesitar durante un tempo oxíxeno, pero, afortunadamente a nosa situación clínica non fixo necesario que precisaramos o ingreso en UCI.
A alta túa, e a da túa nai, foron ao mesmo tempo?
Si, a ambas nos deron a alta aos 20 días do meu ingreso e aos 15 días do seu. Durante todo o tempo de hospitalización, a atención e as analíticas que nos realizaban foros constantes.
O persoal sanitario que vos atendeu tiña, ao teu xuízo, equipos de protección suficientes e adecuados para a súa seguridade persoal?
Eu creo que si eran suficientes, de feito eu preguntáballo con frecuencia e sempre manifestaron que si, que material tiñan. O que non sei é se eran os adecuados, polo menos eles queixábanse de que as lentes embazábanse con frecuencia e as batas eran moi incómodas. Ás veces acababan molladas de suor. Un aspecto que si me chamaba atención era o da limpeza. Eu creo que non se procedía a limpar as habitacións todo o que tería sido desexable.
Vaia, e cal cres que podería ser o motivo?
Eu creo que o persoal da limpeza si que estaban infraprotexidos e, como é absolutamente normal, tiñan medo.
Que tipo de protección levaba o persoal da limpeza?
Luvas e unha mascarilla e unha bata do máis normaliño.
E agora na casa , cales foron as instrucións que vos deron?
Dixéronnos que tiñamos que estar 15 días de corentena.
E que tal vos atopades?
Pois moi ben afortunadamente.
E o confinamento que tal o levades?
Eu ben, malia que vivimos nun piso temos unha terraza grande e a sensación de abafo non é tan grande. A miña nai lévao un pouco peor, ela é xa unha persoa maior e cústalle máis entender a situación.
Como vos desenvolvedes para mercar estes días que non podedes saír?
Coa axuda dalgún familiar ou a través da compra telemática.
Vaia vaia, non imaxinaba que unha persoa coa túa conciencia social mercase nese tipo de plataformas que empregan falsos autónomos ou que explotan aos traballadores…
Ha ha ha, como nos coñecemos hai moitos anos xa sei que esa pregunta ma fas para meterte comigo. Non, claro que non fago iso. Eu merco por internet a unha especie de plataforma colectiva que fixeron os praceiros de Ourense. Eles organizáronse para repartir os pedidos telemáticos que se lle faga.
Que é o que máis botas de menos?
Sentarme cos meus amigos e amigas a tomar un café e gozar dunha boa conversa.