
“Temos que explicarlles a todos os sectores da sociedade que para Galiza é beneficioso un proxecto como o do BNG”
O parlamentario denuncia que a riqueza do país, en lugar de estar a disposición da maioría social, está sendo espoliada por grandes grupos económicos para os que o PP funciona como unha xestoría
Luís Bará Torres (Vilaboa, 1965) inicia o seu segundo mandato como parlamentario autonómico tras encabezar a lista do BNG pola provincia de Pontevedra. A primeira vez que integrou unha candidatura da formación foi en 1991, nas eleccións municipais da súa Vilaboa natal. Catro anos despois converteuse en edil de Pontevedra, a cidade na que reside, e no mandato seguinte formou parte do goberno encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores, no que permaneceu ata 2018 salvo por unha paréntese de catro anos, de 2005 a 2009, na que exerceu como Director Xeral de Cultura do goberno bipartito. Con el analizamos a actual situación política do país, cun Partido Popular coa maioría máis ampla de Núñez Feijóo, e un BNG que, tras triplicar representación, se presenta como alternativa de goberno de cara á vindeira lexislatura.
Xa con tempo para facer unha análise máis calmada, a que achaca os históricos resultados do BNG?
Creo que hai tres factores principais. O primeiro foi ter un proxecto para a maioría social claro, fiábel e coherente que defendemos con valentía, non pensando en oportunismos. Percibiuse unha actualización do discurso tradicional do BNG, que tiña certas dificultades para facerse comprensíbel: é como se emitísemos nunha onda distinta á que a xente escoitaba e de repente conseguiramos sintonizar. O segundo factor para min foi contar cun equipo sólido e solvente, tamén nas institucións, que fixo un traballo rigoroso e fiábel apoiado nunha organización cun labor intenso e honesto en todo o país. E o terceiro foi o liderado de Ana Pontón, integrador cara a dentro e mobilizador cara a fóra, que chegou a sectores moi amplos e, sobre todo, á xente nova.
A que houbo que renunciar para acadar esa sintonía?
Ideoloxicamente a nada. Defendemos as mesmas ideas pero quizais cunha modulación de propostas, porque non podemos prometerlle á xente que Galiza vai ser un país soberano cun goberno con total capacidade de decisión, pero si presentar un proxecto ilusionante para ir facendo conquistas. Levamos catro anos insistindo en que Galiza é un país con recursos, cunha riqueza que se tiña que pór a disposición da maioría social e porén está sendo espoliada por grandes grupos económicos alleos que están sendo representados polos partidos centralistas. E facémolo cun discurso moderno que aposta pola innovación, a ciencia, a economía sustentábel ou o feminismo e que está sendo moi coherente na práctica, por exemplo, con gran presenza de mulleres na dirección do BNG.
Pódese pensar nunha política alternativa cando o PP logra, con 42 escanos, a maioría absoluta máis ampla de Núñez Feijóo?
Un país non se goberna só desde as institucións. Hai moitas maneiras de condicionar as decisións que toman os gobernos e quizais a máis importante sexa a mobilización social. Verín é o exemplo. Hai que combinar unha oposición firme, que ademais de exercer o control presenta alternativas, cun traballo social que faga fronte ás políticas insolidarias, inxustas e discriminatorias do Partido Popular, e tamén ás políticas discriminatorias con Galiza que se fan desde o Estado. Creo que estamos nun novo ciclo político no que moita xente non nacionalista viu no BNG unha alternativa de futuro cun liderado forte.
Que é o que máis lle preocupa de outros catro anos de goberno do PP?
Os tempos en política son relativos e pasan rápido. É certo que hai un proceso de espoliación de riqueza, desmantelamento de servizos públicos e deterioro da cultura ou da lingua moi preocupante, pero nada é irreversíbel. A cultura galega ten unha grande capacidade de resistencia e a economía tamén ten fortalezas propias, non hai máis que ver a cantidade de iniciativas que están a xurdir nos sectores produtivos. Tocan catro anos de resistir e tamén de presentar alternativas porque a xente quere esperanza, quere futuro e non só confrontación coa dereita, o centralismo ou o PP. O gran logro foi que o pobo galego visualizou que co BNG outro país é posíbel. Temos un proxecto atractivo mesmo para a xente que non se define como nacionalista.
Cre que a crise sanitaria pode servir de freo a ese desmantelamento dos servizos públicos?
Está claro que o contexto de pandemia vai facer que lles resulte máis difícil xustificar o desmantelamento e ademais van ter unha maior resposta social. Hai un discurso derrotista ao que eu son totalmente contrario: “Como o PP sacou 42, temos que aturar todo o que faga e se non, non terlle votado”. Paréceme moi tóxico, o peor que pode pasar. O PP sacou, en determinadas circunstancias e con pouca participación, un resultado que hai que recoñecerlle, pero vimos tamén que a metade da poboación non está de acordo con ese modelo.
O sur da provincia de Pontevedra tivo un comportamento distinto ao resto cuns resultados que impedirían gobernar ao PP. Cre que é influencia dos concellos, maioritariamente gobernados pola esquerda?
Creo que non é o único factor porque na Coruña o PSOE ten a Deputación e as principais cidades, e o comportamento foi distinto. Para min a causa principal é mediática. No sur de Pontevedra non funciona o escudo que ten no norte. En dez anos Feijóo non ten balance. Que fixo? Basicamente propaganda, pero funcionoulle. Creo que a clave da maioría absoluta foi mediática, e no sur hai medios que non controla. Aquí non pode vender o que non fixo nin tapar o desmantelamento do público ou o sometemento aos intereses do capital foráneo. Tamén é certo que nesta zona o BNG ten moita base social e resultados moi bos e a nosa credibilidade como formación ten moito que ver co feito de que son os concellos nos que gobernamos os que están a facer as políticas máis avanzadas.
A oposición ao goberno galego non ten certa responsabilidade por non ser quen, vendo os resultados, de desmontar ese discurso do PP?
Hai que analizar por que a xente vota ao PP. As maiorías absolutas sempre acadan certa fidelidade, -a xente apoia a quen goberna-, e logo eles vendéronse como unha opción segura, estábel, fronte ao suposto caos dun goberno de moitas forzas. Ademais fixeron unha operación para camuflarse como forza galeguista que logrou que unha parte do electorado lles votase pensando que ían defender os intereses de Galiza fronte a Madrid. O partido que representa os intereses económicos das elites madrileñas travestiuse para presentarse como defensor dos intereses galegos. Quitaron as siglas do Partido Popular, repetiron “Galicia, Galicia, Galicia”, e funcionoulles.
Audasa, Pemex, A Banca, enerxía eólica… Na súa opinión, cal foi a decisión do PP que máis dano lle fixo a esa “Galicia, Galicia, Galicia” que tanto nomean?
A postura do PP con Audasa foi escandalosa, votando aquí unha cousa e en Madrid outra. A Pemex utilizárono como propaganda electoral e logo, cando xurdiron os problemas, eludiron a responsabilidade a pesar de ser quen negociaran a súa entrada en Barreras. E tamén foron os responsábeis directos do desmantelamento do sistema financieiro galego, de vender as nosas caixas a prezo de saldo. Todo é o mesmo. Para min o peor que lle fixo a Galiza o PP foi asumir ese papel de delegado de intereses alleos ao país. Pórse ao servizo de Pemex, ou de Ence, ou de Iberdrola no tema eólico… O goberno de Feixóo é o xestor do espolio do país. Cando din que el é un bo xestor é porque fixo moi ben ese papel: creou unha xestoría ao servizo das empresas do IBEX e de Xénova. Fronte a esa política, o BNG ofrece un proxecto de país alternativo.
Cales serían as grandes liñas de traballo do BNG de cara aos próximos catro anos?
Neste momento para nós hai dúas prioridades: a saúde e o emprego. Temos que protexer a poboación nesta crise sanitaria e temos que desenvolver todas as capacidades que ten o país naqueles sectores que teñan posibilidades de xerar traballo, buscando, sobre todo, que a xente nova non marche de Galiza. Iso pasa polo desenvolvemento industrial, pola innovación, por aproveitar todos os recursos que temos no sector primario, agrario, gandeiro, pesqueiro, forestal… Sei que iso non se fai desde a oposición pero nós imos facer propostas para construír unha alternativa. Creo que o gran esforzo que ten que facer o BNG nestes anos é de diálogo. Ana Pontón marcou as grandes liñas cando falaba de traballo e humildade. Temos que baixar á rúa, máis aínda, e explicarlles a todos os sectores da sociedade que para Galiza é beneficioso un proxecto como o do BNG. A Galiza interésalle, -á xente labrega, a xente nova, ás mulleres interésalles-, que o BNG poida desenvolver o proxecto de futuro que ten para o país.
Coa desaparición da forza que lideraba a oposición, estas eleccións amosaron que non hai voto seguro. Como vai traballar o BNG xa non para afianzarse senón para converterse en alternativa no 2024?
O BNG ten que disputarlle a hexemonía ao Partido Popular, iso quere dicir que ten que entrar no seu electorado. Hai xente que vota ao PP porque pensa que lle pode beneficiar, e hai que explicarlle que o que lle beneficia é ter unha forza política propia. Empeza xa a conta atrás para gobernar no 2024.
Será Ana Pontón a primeira muller presidenta da Galiza, logo?
Ana Pontón empezou a exercer de presidenta o mesmo día das eleccións co seu discurso integrador. Ten algo moi positivo do que careceron outros liderados: xera unha adhesión moi forte no seu electorado e non xera rexeitamento en quen non a vota, ao contrario, esperta simpatías en votantes doutras opcións.
Integrar a persoas procedentes desa opción agora desaparecida, como pasou coa número 3 da súa lista, Alexandra Fernández, é unha das claves para alcanzar o goberno?
Está claro que o BNG ten que abrirse e ten que expandirse, pero para todos lados, non só para un. Necesitamos integrar a moita xente, non só doutras forzas e non só a través da vía da militancia. Necesitamos persoas de distintos ámbitos que teñan algo que dicir, que poidan achegar algo á construción da alternativa. Persoas dun espectro ideolóxico moi amplo que cren que Galiza ten que ter unha forza política propia e un goberno que sirva aos intereses do país.
Hai intereses do país que dependen do goberno central e o BNG fiou o apoio na investidura á súa defensa. Pero, cumpra Moncloa ou non, sería difícil explicar a retirada dun apoio que resultaría beneficioso para a dereita…
Nós imos esixir que se cumpran eses acordos, que nunha parte estaban vinculados á aprobación dos novos orzamentos. Así que agora que se vai abrir o debate orzamentario é obvio que imos utilizar a nosa influencia política en Madrid para conseguir beneficios para o noso país. Non sabemos que vai pasar, pero ese vai ser o noso papel. As nosas demandas están recollidas nun pacto e se o outro non cumpre, será quen teña que dar explicacións. Nós temos claro que os acordos están para cumprilos.