Miriam Martínez Responsable Local Do Bng De O Porriño

Miriam Martínez Responsable Local Do Bng De O Porriño

O BNG de O Porriño ven de escoller á unha nova responsable local. Ela é Miriam unha moza de Budiño, nova de idade pero, xa veterana na militancia política pois leva arredor de 15 anos no Bloque.

Despois de máis de 20 anos analizando polo miúdo as tripas da política galega non resulta difícil decatarse cando de cando en vez, moi de cando en vez, quen se senta a falar contigo é un cadro político de primeiro nivel. E coas dúas persoas que coñezo do BNG do Porriño, Pedro e Miriam, tiven esa sensación. Ambos farían sentir orgulloso a calquera simpatizante nacionalista de calquera parte de Galicia pola súa profunda solidez e rigor intelectual. Na conversa que mantiven con Miriam lembrei aquilo que dicía Carmen Martín Gaite de que “ non hai pracer máis grande que a conversa cando quen fala ten gañas de falar e quen escoita ten gañas de escoitar” pois Miriam posúe a virtude do acougo, sabe transmitir calma a quen escoita, e a min gústame moito escoitar. Velaí vai o resultado da nosa conversa.

A actitude de bloqueo político que amosa EU SON o único que fai é favorecer á dereita”

Cando fostes escollida Miriam?

Non recordo a data exacta foi a principios de setembro

Mudastes todo o consello local?

No foron só foron uns poucos cambios

Foron motivados por algún tipo de razón política?

Non, en absoluto. Os cambios só obedecen a razóns de tipo persoal, de feito Ana Bastos a anterior responsable , segue colaborando no consello local

Queremos coñecerte un pouco máis Miriam, de onde es ti e cal foi a túa traxectoria pòlítica?

Ben, eu son de Budiño e

Desculpa un inciso Miriam; eu creo que Galicia é un país artellado arredor dun profundo sentimento de identidade parroquial e quero probar se ti confirmas o meu parecer; unha persoa de Budiño coma ti séntese de Budiño ou do Porriño?

Ai de Budiño sen dúbida¡. Eu son de Budiño e non creo que atopes moitas persoas nativas da miña parroquia que se sintan do Porriño

Sigamos entón coa túa historia persoal coa política por favor

O meu primeiro contacto coa política foi na universidade

Que estudaches?

Traballo social en Compostela

Eu tamén estudei en Compostela e estaba perdidamente namorado desa cidade, a ti gustouche vivir alí?

Gustoume moitísimo, aínda hai pouco que tiven que pasar un día alí e non deixei de lembrar con certa nostalxia aqueles marabillosos anos da universidade. Logo de rematar a carreira afilieime ao BNG , tiña sobre 22 ou 23 anos e desde aquel momento aquí sigo

Lembras a razón que che motivou a militar de maneira activa?

En Porriño gobernaba Barros

Unha razón de peso sen dúbida

Pois si. Unha persoa que tivera un mínimo de conciencia crítica, que tivera ollos para ver e que non estivera anestesiada por ningún tipo de interese persoal, tiña o deber moral, creo eu, de tratar de contribuír a botar aquel goberno que sumiu ao noso pobo na escuridade. Eu son unha muller con vínculos emocionais intensos coa terra na que nacín e cunha profunda conciencia social, xa que logo o do BNG veu só.

Despois de Barros veu á alcaldía de Raúl Francés, O Porriño tivo un alcalde do BNG , por que non soubemos ou puidemos aproveitar esa oportunidade Miriam?

Esa é unha pregunta complexa e que non creo que teña unha única resposta, penso que, a modo de síntese, poderíase resumir en dous factores : esóxenos e endóxenos. No que se refire ás cuestións externas ao Porriño dicirche que como sabes naquel momento o nacionalismo vivía unha época moi complicada de división interna. E en canto ás cuestións internas eu creo que non nos deu tempo. Cando chegamos á alcaldía tiñamos 3 concelleir@s, penso que o noso traballo foi moi apreciado pois no segundo mandato subimos a 5, pero chegou a moción de censura e acabouse

No segundo mandato gobernastes sos, por que non chegastes a un acordo co PSOE?

Ben, eu creo que o PSOE naquel momento non soubo entender o papel que lle outorgaron as urnas

Chega o goberno da dereita con Nelson de alcalde e con grandes conflitos entre eles ata que Eva acada alcaldía. Na primeira lista de Eva o número 2 foi Raúl Francés .A ti, que fuches concelleira con el de alcalde, decepcionouche aquel movemento de Raúl?

Si, si que me sentín decepcionada. E estouche falando da miña visión persoal, o BNG como non podía ser doutro modo mantivo unha actitude de máximo respecto

Por que non entrastes no primeiro goberno de Eva con Manuel Carrera e Marcelino Coto?

Nós somos forza de goberno e cando podemos gobernar gobernamos pero tamén temos liñas vermellas

E Manolo e Marcelino son unha liña vermella?

Eles persoalmente non, pero o que representan si. Por moito que se agocharan é evidente que eles son a dereita reaccionaria, un proxecto antagónico ao que significa o BNG. Nós entendemos que naquel momento era o socio preferente para Eva e non consideramos oportuno entrar naquel goberno. Entendemos que a nosa posición debía de estar na oposición apoiando aquelas iniciativas que nos pareceran interesantes para O Porriño.

Porén, no segundo mandato de Eva si que decidistes entrar no goberno, agora pasado o ecuador do mandato estás satisfeita de ter tomado a decisión que tomastes?

Si, estou satisfeita. As nosas áreas están a funcionar, aínda que sempre se pode mellorar e o traballo en coalición esixe un esforzo adicional e a capacidade de superar diferenzas a favor do ben común. Nos cumprimos e esiximos ao Psoe estar a altura nas áreas da súa responsabilidade.

A sensación que temos é que as persoas de esquerdas queren que nos poñamos de acordo para sacar adiante políticas en beneficio das maiorías sociais. O Bng entende que a actitude de bloqueo que está a manter

EU-SON non é ben percibida pola cidadanía do Porriño e que

incluso xera rexeitamento entre as súas propias bases.

Entón consideras que EU SON está a manter unha actitude premeditada de bloqueo?

Si. Supoño que será unha estratexia premeditada para tirar rédito electoral, non sei se acertada ou non, pero en calquera caso o que creo é que reforzan á dereita

Alejandro Lorenzo é “un cabrón”?

Non, claro que non. O Bng non participa das descualificacións persoais a ningún membro da corporación municipal e, con tristura presenciamos que este tipo de comportamentos están sendo cada vez máis habituais. Alejandro Lorenzo non é ningún recén chegado a política como agora pretende facernos crer. Asinou a moción de censura contra o Bng e participou da xestión clientelar do goberno de Nelson Santos ao cargo dunha área tan sensible como é emprego. Tamén é curioso que lle preocupe tanto a aprobación dos orzamentos cando o PP con maioría absoluta aprobou só dous en cinco anos.

Manuel Carrera é un concelleiro prescindible?

Ningún concelleiro é prescindible, Manuel Carrera merece o noso respecto desde o momento en que representa á cidadanía que o votou. Non descubrimos nada se dicimos que os proxectos do bloque e o de Carrera non teñen nada que ver.

Se eu fose un simpatizante do BNG do Porriño debería estar satisfeito do sentido do meu voto?, por que?

Eu con toda a humildade do mundo creo que deberías estar satisfeito porque todo o BNG do Porriño con acertos e erros traballa sen descanso, e comprométome que vai seguir sendo así ,na procura do ben común do conxunto do noso pobo. Nas áreas de goberno nas que temos responsabilidade tratamos de levar a cabo o noso programa que basicamente céntrase en procurar a mobilidade sostible ,das humanizacións, de mellorar a contorna do Louro para que sexa un espazo de uso público e o pulmón do futuro Porriño. Eu sería feliz se puidese dar un paseo pola contorna do Louro en condicións óptimas

E velo factible?

Eu son unha muller moi positiva. Por outra parte penso que fixemos un traballo moi importante no que se refire á conservación do noso patrimonio e a espallar a actividade cultural polas distintas zonas do Porriño.

Pois xestionar a cultura nesta época de Pandemia non debeu de ser nada doado?

Abofé que non o foi. E considero que o contexto tan difícil foi un mérito a engadir no haber do traballo de Cami Moreira. Estamos moi satisfeitos do apoio que lle demos ao festival de Cans multiplicando por dous a achega do Concello, ou das axudas ás traídas de augas

Nesta mesma Peneira o SO do BNG dinos que estades a vivir unha etapa de crecemento importante que se nota nun significativo incremento da afiliación( 1.200 altas no último ano).Esa situación notádela tamén no Porriño?

Si a atmosfera positiva e a tendencia ao alza notase tamén no Porriño, de feito os resultados que obtivemos nas eleccións galegas foron boísimos. E no incremento de persoas que se achegan a nós tamén se nota

E xente moza incorpórase?

Si, é algo que nos ilusiona moito

Rematamos Miriam, cales son as túas expectativas persoais no cargo que acabas de estrear?

Asúmoo con moita ilusión e responsabilidade e procurarei reponde á confianza mellorando a comunicación interna, o traballo en rede e tratando de chegar á maioría da sociedade do Porriño para que poidan ver no BNG un axente adecuado para resolver os problemas do día a día