A defensa do Louro como elemento vertebrador do Porriño

Andaina Louro

O BNG considera que o río Louro é prioritario para O Porriño, tanto como espazo natural como de lecer. Con vistas de pólo en valor, organizou o pasado 12 de novembro unha andaina. Nela deuse a coñecer a diversidade das ribeiras do río Louro e destacouse o seu interese ecolóxico. A ruta, que contou coa participación dun nutrido grupo de persoas, estivo dinamizada polo técnico ambiental e concelleiro nacionalista, Marcelo Rodríguez. Falou de ecosistemas e de especies, co dobre fin de valorizar o río no seu paso polo Porriño e tamén de aprender cuestións relativas á súa protección.

Esta acción forma parte da liña de actuacións que o BNG está a pór en marcha con vistas de conseguir para o río a figura de protección ENIL (Espazo Natural de Interese Local). O ENIL é unha ferramenta poderosa ao alcance da administración local que axudaría a rexenerar os bosques de ribeira e tamén a defendelos de futuras ameazas. O caso do Centro de Servizos ao Transporte proxectado en Torneiros é un bo exemplo de ameaza futura. Por outra banda, é necesario conseguir unha maior implicación cidadá no coidado activo do río e esta implicación é máis posible vía o coñecemento que nos leva a estimar os valores naturais do noso territorio.

No pleno de maio de 2022 aprobouse por unanimidade a moción presentada polo BNG para impulsar a declaración do río Louro e dos seus regos Laxes e Fonteliño (Couso) como ENIL. Esta figura de protección outórgaa a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, mais despois de que o Concello elabore unha proposta de memoria motivada. Á vista de que o PP mantivo paralizada a tramitación ano e medio e que nos orzamentos municipais non se contemplou unha partida para tramitar o expediente, o BNG, o pasado mes de setembro, volveu a insistir na importancia de declarar o río Louro Espazo Natural de Interese Local. Neste caso, o voto do PP foi negativo. Polos anuncios do goberno que preside Alejandro Lorenzo, a súa intención é usar o espazo á beira do río para grandes eventos, permitir o tráfico rodado e crear zonas de aparcamento. É dicir, o PP ten un proxecto incompatible co recoñecemento ambiental que se pretende conseguir.

A aposta por incrementar zonas verdes e humanizacións sempre formou parte do modelo de vila que o Bloque defende para O Porriño. Na etapa 2003-2010, no goberno dirixido polo BNG, abríronse as sendas peonís polo Louro. Ademais, durante a etapa bipartita, desde a Concellaría de Urbanismo que dirixía o actual portavoz do BNG, Pedro Pereira, compráronse parcelas próximas ao río para recuperar un entorno de gran valor ambiental. Suman un total de preto de 20.000m2 que permiten crear unha importante zona verde e de lecer tan necesaria para o centro urbano. En consonancia con esta aposta, o BNG tenlle demandado repetidamente ao Goberno de España, a través de emendas aos orzamentos xerais do Estado, a instalación de barreiras sonoras na autovía para evitar a contaminación acústica coa que esta infraestrutura está a afectar este entorno natural. Paralelamente, a formación soberanista ten reclamado ante a Xunta de Galicia a sinatura dun convenio de colaboración coa empresa enerxética Naturgy, para poder investir en soterrar as liñas de alta tensión que atravesan as ribeiras do Louro ao seu paso polo Porriño.

No BNG somos conscientes de que a recuperación integral do espazo urbano do río non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual, que, a día hoxe, non atende a ningún criterio lóxico: nin desde o punto de vista do medio, nin pola súa proximidade coas vivendas do casco urbano, nin sequera pensando na propia expansión da empresa. A declaración do ENIL ten que axudar a traballar nun traslado do matadoiro necesario para converter o Louro no pulmón verde que O Porriño precisa. Reclamámoslle ao PP retomar o camiño das negociacións iniciadas polo BNG co Grupo Coren no 2005, desde os gobernos local e autonómico dos que formabamos parte.

O futuro do Porriño pasa por afianzar e fortalecer o seu carácter industrial, pero temos que conseguir que vaia acompañado dunha maior habitabilidade do municipio. As persoas que sofremos o impacto de tan importante actividade empresarial, tamén temos dereito a ver mellorada a nosa calidade de vida.

No BNG defendemos poñer as persoas no centro das políticas públicas. Traballaremos para construír, desde a pluralidade e da man da acción veciñal, unha alternativa sustentable ao modelo que nos ofrece o goberno do PP dirixido por Alejandro Lorenzo.