A CIG-Saúde de Vigo denuncia a retirada de carteis solidarios con Palestina por parte do Sergas

Confederación Intersindical Galega A Nova Peneira

Instan a Xerencia da Área Sanitaria a dar marcha atrás nunha decisión que consideran consecuencia dun posicionamento político contrario ás manifestacións dos profesionais sanitarios

Vigo, 24 de setembro de 2025

A CIG-Saúde de Vigo amosou hoxe o seu rexeitamento público á orde da Xerencia da Área Sanitaria de proceder á retirada de carteis colocados por profesionais sanitarios galegos nos centros de saúde en solidariedade con Palestina e condenando o xenocidio que está a perpetrar Israel.

Dende a central sindical sinalan que a retirada destes carteis por parte da dirección de Atención Primaria está a producir friccións cos profesionais que decidiron mostrar a súa solidariedade mediante esta manifestación pública promovida pola plataforma ‘Sanidade Galega con Palestina’, que naceu para agrupar a persoas traballadoras do ámbito sanitario que rexeitan o xenocidio contra o pobo palestino.

“O que está a acontecer é unha grave agresión á liberdade de expresión, máis cando, alén do xenocidio, estanse a producir bombardeos contra hospitais e ataques contra profesionais sanitarios no desenvolvemento do seu labor, ademais dunha vulneración reiterada dos dereitos humanos”.

Diante disto, esíxenlle á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo que dea marcha atrás na súa orde de retirar as expresións solidarias dos profesionais sanitarios, “indicación que, consideramos, vén dada por un posicionamento político contrario ás manifestacións destes profesionais”.

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.