
Tino Lago
“O Patriotismo é o último refuxio dun canalla”
Samuel Jhonson
O slogan cacofónico, oco, e carente de significado real “Somos Mos” é co que o goberno pretende que os veciños e veciñas deste concello sintan o orgullo de pertencer ao devandito municipio. Pero o problema é que non é verdade, pois este goberno non amosa na súa praxe ningún fundamento para que ninguén, que teña ollos para ver e oídos para escoitar, poida sentirse orgulloso de nada. A menos que teña algún interese persoal en que a situación política do concello non mude claro. Como é posible sentir orgullo de quen practica o cancro que leva padecendo Galicia desde a noite dos tempos?: a polarización da sociedade en amigos, para os que hai todo, e inimigos, para os que só hai desprezo. Hai un Mos digno, libre, valente e combativo que non cabe no pueril slogan de pacotilla que non significa nada do que pretende significar. Ese Mos que traballa polo ben común pero que non lle ri as grazas a quen non ten ningunha graza ,e que non se deixa mercar por unha palmadiña no lombo, é o que si é Mos de verdade pois é parte do máis decente da súa sociedade. A Asociación viaxaMos no tempo leva máis de 20 anos dedicando tempo, esforzo e toneladas de ilusión na organización de actividades culturais e lúdicas do seu concello. E o único que reciben do goberno municipal é desprezo. Nós falamos con Marcos Escudero, un dos seus integrantes
Marcos Escudero da asociación cultural “ViaxaMos no tempo” de Mos
A festa de Arde o Pazo organízaa a vosa asociación verdade?
Si, organízaa a nosa asociación
Cando se creou esta asociación?
Xa ten uns aniños. Foi en 1999 pero con outro nome. Inicialmente fomos a asociación xuvenil “ Mosqueo colectivo”, logo fomos a “Asociación Festa da Prehistoria” e finalmente chegamos a “Viaxamos no tempo”
Cales son as actividades da asociación Viaxamos no Tempo?
As máis importantes son a organización de “Arde o Pazo”, e da “Festa da Prehistoria”. Tamén levamos o mantemento do sendeiro histórico de Mos e a conservación do patrimonio arqueolóxico.
Que é o sendeiro histórico de Mos?
É o primeiro sendeiro homologado pola federación de montañismo que hai no Concello de Mos.
Desde onde e ata onde vai?
Sae e regresa ao Pazo de Mos, pasando polos puntos máis importantes do patrimonio que hai na parroquia de Mos.
Que lonxitude ten?
Ten sobre 17 km e faise nunhas 5 horas. Sae do núcleo histórico que foi capital do Concello, sobe polo monte, chega ata a extrema con Ponteareas e logo baixa.Neste sendeiro tamén tratamos desde o inicio facer labores de mantemento para que estea en boas condicións para facer o roteiro. Cando comezamos gobernaba o bipartito con Chus Escudeiro de alcaldesa e Diego López de concelleiro, axudábannos a manter o carreiro, pero cada ano isto vai a menos. Xa non temos esa axuda. Non nos poñen nin nos seus catálogos de promoción do Concello.
Cando comezastes coa festa da prehistoria?
A festa da prehistoria empezou no ano 2001-2002 ata hoxe.
Tivestes que parar pola pandemia?
Si, paramos dous anos.
En que data se celebra?
Sempre na segunda fin de semana de agosto.
Nesta festa tivemos que cambiar a formulación. Entre os 10 ou 12 primeiros anos a festa creceu moitísimo e evolucionou a un punto que non nos gustaba nada pois estaba a converterse nun botellón. Tivemos que reverter esta situación e centramos as actividades en facer escavacións arqueolóxicas e a sinalización de Petróglifos. Logo facemos unha pequena festa para dar conta ao público dos resultados destas intervencións.
A festa de arde Pazo. Cando xurdiu?
Xurdiu xusto no bicentenario do incendio do Pazo de Mos por parte das tropas francesas en 1809. No 2009, ano no que se reinauguraba o Pazo despois da intervención dos veciños que investiron o diñeiro da Comunidade de Montes e os seus esforzos en rehabilitalo. Levamos 12 edicións pois tamén tivemos que parar dous por mor da pandemia.
En que consiste e cando se celebra esta festa?
Celébrase no mes de abril, data na que os franceses chegaron de Tui e plantáronlle lume. Consiste en recrear ese día para dar a coñecer a a historia do Pazo. Hai veciños importantes do lugar que loitaron contra os franceses. Fíxate se foi relevante a presencia de Mos que cando caeu a primeira porta de Vigo, a da Gamboa, nela estaba a loitar xente de San Antoniño.
Ben, xa fixestes Arde o Pazo e agora toca a prehistoria?
Veremos. A verdade é que os meus ánimos non están por investir moito máis tempo en Mos.
Por que?
Desde hai anos vimos vendo que ese slogan tan coñecido do noso pobo “Somos Mos” non se aplica no noso caso.
E logo, vós non sodes amigos do goberno local?
Non quero entrar nesas cualificacións de amigos si ou non. O que podo dicir é que nós non Somos Mos.
Como valoras esta primeira edición de Arde o Pazo despois da pandemia?
O público valorouna moi ben e quedou moi contento cos cambios que houbo. Eu, como formo parte da organización, quero facelo de forma moi cauta. Dicir tamén que como organización tivemos moitísimos problemas.
Por que?
A última hora tivemos que buscar a empresa que nos facía o espectáculo do incendio e a empresa de cátering de comida para os participantes. Todo por accidentes dos empresarios que tiñamos contratados, mesmo algún tivo que pasar por quirófano, ou problemas de saúde de familiares de membros da organización, chegamos a pensar que tiñamos algún encantamento. Todos os anos temos participación de carros de bois e o xoves, antes da festa morreu un dos bois, todo foron problemas e accidentes.
Mesmo tivemos que loitar contra as previsións do tempo, daban choiva para toda esa semana e xusto o día da festa deu unha tregua e non choveu, pero estivemos toda a semana valorando se había que suspendela festa.
Co Concello, que tal?
O Concello pasa de nós .
Cando se iniciou este desleixo co Arde o Pazo por parte do Concello?
Eu creo que o concello non sabe diferenciar entre as opinións persoais que puideramos ter os membros da nosa asociación e a organización da festa. Nós como organización, de calquera das dúas festas que facemos ,nunca dixemos 1/2 palabra mala do noso Concello.
Entón enténdese que como non sodes afín ao Goberno déixanvos de lado?
Penso que é isto claramente.
Como se financia Arde o Pazo ?
Desde hai 5 anos con recursos propios procedentes dun grupo de teatro, de monicreques . Tamén buscamos colaboracións publicitarias de empresas. Contamos coa axuda da Comunidade de Montes de Mos e unha colaboración importante da Deputación de Pontevedra.
Comentábasme, Marcos, que os teus ánimos non estaban por investir moito tempo en Mos. A opinión do resto de membros da organización de ViaxaMos no Tempo é a mesma?
En Arde o Pazo si que aínda hai algo de ánimo porque é unha festa que dá satisfacción, pero nas outras actividades, vendo que a falta de apoio é considerable, non temos moito ánimo.
Hai posibilidades de que desapareza a festa da prehistoria?
Pois non o sei. A asociación ViaxaMos no Tempo ímonos trasladar ao Concello de Cangas, imos facer unha festa neste Concello. Como non Somos Mos o goberno de Mos ignóranos ,pero afortunadamente somos ben recibidos noutros concellos.
En Cangas imos facer a Festa do Canteiro coa colaboración co Concello a través da concelleira de Cultura, Aurora, e coa Asociación de Veciños de Hío.
Para terminar Marcos, hai posibilidades de que para o 2023 non exista Arde o Pazo?
Non son futurólogo, pero o noso ánimo é seguir con esta festa. Dicirche que si hai cousas que nos botan para atrás ou nos desaniman. Por exemplo, a parroquia de Pereiras fixo unha intervención arqueolóxica o ano pasado no Castro de Pereiras pola que recibiu axuda do Concello e da Xunta de Galicia. Nós alegrámonos por isto porque un dos nosos obxectivos é a defensa do patrimonio arqueolóxico do Concello, pero nós fixemos dúas intervencións arqueolóxicas no Castelo de Mos nos anos 2018 e 2019. Investimos uns 16.000€ e non recibimos ningunha axuda, nin do Concello nin da Xunta de Galicia. Ver como a outras parroquias se lles dan axudas e a nós non, non nos parece xusto.