O Concello de Redondela amplía a case 320.000 euros as subvencións nominativas a asociacións e entidades

Batalla de Rande

Un total de 21 colectivos e asociacións recibirán este ano un total de 319.500 euros en concepto de subvencións nominativas, son 71.500 euros máis que o ano pasado.

-Ás 18 entidades que xa recibían este tipo de axudas súmanse tres máis: a Asociación Cultural e Deportiva de Rande, a Fundación Érguete e o CCD Cesantes para a súa Bandeira Feminina.

-A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que é un compromiso do seu goberno “apoiar a labor altruísta que realizan os diferentes colectivos en beneficio da veciñanza redondelá en ámbitos como o social, o cultural ou o deportivo”.

-O acordo adoptouse no pleno da pasada semana cos votos a favor de todos os grupos políticos da corporación agás a abstención do PP.

Redondela, 4 de marzo de 2024.

O pleno da corporación celebrado a pasada semana aprobou a proposta da Alcaldía para incrementar dos 248.000 aos 319.000 euros as subvencións nominativas anuais para un total de 21 asociacións e colectivos. Na relación de entidades beneficiarias hai tres novas, que son a Asociación Cultural e Deportiva de Rande pola celebración da Batalla de Rande (22.000 euros), a Fundación Érguete (10.500 euros) e o CCD Cesantes pola organización da Bandeira Feminina Cesantes (9.000 euros) . Outros nove colectivos incrementan a subvención recibida con respecto ao ao pasado. É o caso da Asociación Española Contra o Cancro (que pasa de 4.000 a 6.000 euros), a Asociación Lenda (que ve incrementada a subvención dos 15.000 aos 20.000 euros), Asociación Andaina (pasa de 18.000 a 20.000 euros), AFAGA Alhzeimer (aumenta de 15.000 a 18.000 euros), Millo Verde (incrementa a axuda de 18.000 a 20.000 euros), ACS Chapela Escola de Música (pasa de 36.000 a 39.000 euros), a Asociación Xente Titiriteira (aumenta a subvención de 56.000 a 59.000 euros), a Confraría de Pescadores San Xoán (pasa de 5.000 a 10.000 euros) e a Asociación de Empresarios de Redondela (pasa dos 10.000 aos 15.000 euros).

Para o presente ano outras nove asociacións manteñen a mesma cantidade de subvención que no exercicio anterior: Cáritas (20.000 euros), Fundación Santa Cruz (3.000 euros), Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (4.000 euros), ONG Da Man (2.500 euros), Fundación Amigos de Galicia (6.000 euros), CCD Cesantes Bandeira Redondela (12.000 euros), CCD Cesantes Bandeira de Bateis (2.500 euros) CR Chapela Bandeira Feminina Chapela (9.000 euros) e CR Chapela Bandeira Masculina Chapela (12.000 euros).

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que é un compromiso do seu goberno “apoiar a labor altruísta que están a realizar as diferentes asociacións e entidades en beneficio da veciñanza redondelá en ámbitos como o social, o cultural ou o deportivo”. A proposta da Alcaldía aprobouse no pleno da pasada semana cos votos a favor do PSdG, BNG e AER e a abstención do PP.