Este país colonizado, que se chama Galicia, hai moito tempo que tería deixado de ser país de non ser pola suma das vontades de milleiros de persoas e colectivos, que non queren consentir que a idea de que Galicia é un país de seu, morra cando da nosa xeración xa non quede nin a lembranza.
Nese sentido son especialmente salientables as persoas e grupos que se dedican a espallar a cultura galega, a música e calquera das actividades que nos identifican como pobo. No noso medio de comunicación sempre van ter espazo, porque o que eles fan é o mesmo que queremos facer nós: Berrar desde o máis profundo que neste curruncho do mundo hai un país que se chama Galicia. Non é nin mellor nin peor que os outros países do planeta, pero é un país de seu.
Os Carunchos son un grupo de enorme calidade de música tradicional galega, con máis de 30 anos de actividade ininterrompida, que xa teñen oito discos no mercado. Os camiños da vida fixéronnos coincidir, no local dos nosos amigos Raúl e Natalia , con Juan, un dos seus músicos, e nós aproveitamos para coñecer un pouco máis tanto ao grupo en si, como a súa traxectoria persoal.
“Aínda hai Carunchos para moito tempo”
Sendo músico de “Os Carunchos” imaxino que serás bereteiro?
Ha, ha, ha..Son de Chapela de sentimento, abofé que o son pero nacer, nacín en Cangas. De feito eu teño 32 anos e só vivín no Morrazo os primeiros catro anos da miña vida. É dicir; son bereiteiro polos catro costados.
Cando comezaches no universo da música?
Cando tiña oito anos. Levo toda a miña vida neste mundo.
Por que empezaches ?
A miña nai é a culpable.
Ha, ha, ha..En calquera caso será a responsable
Ben, deixémolo así. De acordo. O certo é que o seu avó foi tamborileiro e gaiteiro. A miña nai xa tiña antecedentes musicais na súa familia, e foi ela a que me meteu o verme musical a min. Eu desde logo estou moi agradecido. A estas alturas xa non podería concibir a miña vida sen a música.
Onde comezaches a túa andaina musical?
En “Anaquiños”, unha agrupación cultural de Chapela. Comezei, como te dixen, con 8 anos e a miña nai ía comigo. O meu primeiro mestre foi Luis “ Caruncho”, fundador, xunto con outras persoas, do grupo no que actualmente estou.
E desde “Anaquiños” xa foi un non parar?
Pois si, a verdade é que si. Malia que aínda son novo xa levo un camiño percorrido bastante extenso no mundo da música. Estiven moitos anos en “ Anaquiños”. Alá con 16 anos tiven contacto co mundo ro rock. Formei parte dun grupo de versións chamado “ Black Estuaries”.Logo fundei, con outras persoas, unha banda de ska, que se mantivo activa ata hai pouco, chamada”Lisca”.Ao mesmo tempo tocaba noutro grupo chamado “ Ovos Podres”.Nestes anos estiven máis centrado en tocar a batería.
Como apareceu a oportunidade de “Os Carunchos”?
Foi no ano 2014.Un compañeiro do grupo tivo que deixalo por motivos persoais, e estiveron buscando alguén que lles encaixara. Entón contactaron comigo.
Que instrumentos tocas?
Principalmente tambor, gaita e batería. Tamén lle pego a algún outro como a zanfona, pero eses son os principais.
Se tiveras que escoller un?
O tambor é o instrumento que mellor domino, e co que máis seguro me sinto.
Canto tempo de vida teñen “ Os Carunchos”?
Teñen 32 anos de actividade ininterrompida. Eu, como antes mencionei, levo desde o 2014.
Cantos concertos podedes ter ao ano?
Depende do ano. O anterior foi moi potente, pois estivemos coa xira do 30 aniversario,e creo que foron entre 30 e 40.
Sodes un grupo moi coñecido, pero para quen aínda non vos coñece, cóntanos que tipo de música facedes?
Facemos música folk, baseada no tradicional. No que respecta ás letras centrámonos moito en poesía de autor. Podemos dicir que musicamos poesía de autores galegos. O último traballo que fixemos foi de Manuel María.
Por que o nome de “ Carunchos”?
É un alcume que trataba de reflectir sentimentos de afecto e cariño.
Que tipo de público tedes nos vosos concertos?
Moi variado. Xente de todo tipo de estratos, e de diferentes abanos de idade.
Cantos músicos sodes?
Agora mesmo somos cinco.
Para contratar os vosos servizos que hai que facer?
Agora mesmo traballamos cunha produtora de Santiago chamada “ Cultura Activa”.En calquera caso se alguén estivera interesado nunha contratación para un evento privado, pode falar con calquera de nós sen ningún problema.
Cantos discos levades ?
Imos polo oitavo.
Hai carunchos para tempo?
Si ohhh. Hai Carunchos para moito tempo, con absoluta seguridade.
Ti alén de nos Carunchos estás noutros grupos?
Si, agora mesmo estou nos “ Residuos atractivas”.Somos un conxunto ecléctico que mestura rock, punk e ska. Formo parte tamén do grupo “ Os Raianos”, que está composto por xente galega e portuguesa. Facemos música da raia e tocamos fundamentalmente en Portugal. E ali funciona moi ben.
En Galicia hai cultura “ raiana”?
Eu creo que hai pouca. E é unha mágoa porque é un espazo compartido que nos identifica como pobo.
Ben, supoño que xa me dixeches todos os grupos nos que estás?
Non. Estou tamén na orquestra “ Never Loura”.Nacemos como parodia dunha orquestra. Facemos versións de cancións de toda a vida, pero levadas ao noso estilo tipo rock.
Estás entón en 4 grupos. Non me imaxino como podes ter tempo para todo, e para ter algo de vida persoal?
É difícil, desde logo que si. Pero teño que quitar o tempo onde non o hai. Asemade estou colaborando tamén con “ Rebelión do inframundo”, un grupo de Rap.
E ademais es profesor de música
Pois si. Entre semana dou clases de música. Sobre todo de tambor..Teño todo tipo de alumnos e alumnas. Téñoos desde nenos, a persoas de 80 anos.
Con 80 anos hai xente que aínda ten interese en aprender?
Si, si que a hai. E normalmente teñen moito interese e moi boa actitude.
Que che gusta máis, ensinar ou tocar?
As dúas cousas están relacionadas. Cando ensino tamén toco. En ambas actividades desfruto moito.
Se tiveras que escoller un dos estilos que practicas?
Bufff…Gústanme todos moito, pero creo que a música tradicional é coa que máis desfruto. Aínda que a resposta máis apropiada para esta pregunta é que a min me gusta a música en xeral.
Vives da música?
Si. No inverno das clases, e no verán dos concertos. Pero quero dicir ao respecto que non é nada fácil vivir da música. Eu mesmo teño que estar en catro grupos e dando clases para poder vivir. E hai moitísimos músicos dun talento extraordinario, que por desgraza teñen que buscarse a vida noutro tipo de actividades porque a música non lles dá para vivir.
Ti aínda es novo Juan. A túa idea é vivir da música sempre?
Sempre que poida, si,desde logo que si. A música é a miña forma de vida, aínda que volvo dicir que para os músicos non é nada doado vivir do noso traballo.
