Sobre a XVII asemblea do BNG e o independentismo

Sobre a XVII asemblea do BNG e o independentismo
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

O pasado domingo 7 os nacionalistas galegos celebraban, na cidade da Coruña, a súa XVII asemblea nacional. Varios milleiros de militantes da forza política que pronto cumprirá 4 décadas de vida , a organización falaba de 3.000 persoas, xuntáronse no Coliseum da cidade herculina para debater os parámetros de actuación política para os vindeiros anos e escoller unha nova dirección, que finalmente resultou da elección case unánime da única lista que se presentou novamente encabezada pola brillante Ana Pontón. Eu tiven a posibilidade de asistir ao evento, que seguín con moito interese, e a partir dun episodio en concreto, acaecido ese día na xuntanza, quixera expresar a miña opinión acerca dun dos problemas endémicos do nacionalismo galego que , como os cogomelos en outono, xorde de maneira cíclica nos momentos históricos nos que o nacionalismo semella gozar de boa saúde. E trátase da eterna pugna entre o posibilismo electoralista e a ortodoxia teórica

Na devandita asemblea, no momento do debate das emendas ao relatorio político, un dos emendantes postulaba que a fronte debía definirse explicitamente como independentista. O defensor da redacción orixinal do texto, Rubén Cela, argumentou a posición contraria, da comisión redactora, a esa emenda literalmente así:

“O BNG non é unha forza independentista, nin tampouco anti independentista , pois o BNG é unha organización plural que acolle tanto a independentistas como a non independentistas, polo tanto considero máis acaído definírmonos como soberanistas”

A partir desta explicación sensata e racional nun momento contextual determinado, o debate sobre unha emenda concreta, xorde o titular tendencioso, parcial e claramente manipulador

No somos independentistas”, titulaban nas súas portadas algúns dos xornais máis importantes do país dando a entender que, se trataba dunha declaración política que manifestaba a intención da fronte nacionalista de obviar as arelas das persoas que nela confían e se manifestan claramente independentistas.

O titular provocou reaccións agresivas nos segmentos antitéticos da política galega pois así como sectores independentistas falaban de traizón o voceiro do PP manifestaba que o Bloque estaba a enganar á sociedade pois” ser soberanista é o mesmo ca ser independentista”. E non, nin unha cousa nin a outra, non houbo nin traizón nin maquillaxe, senón un exercicio de realismo, insisto porque é relevante insistir, no momento contextual do debate dunha emenda. Non houbo maquillaxe porque ser soberanista non é o mesmo que ser independentista. O soberanismo supón recoñecer ao pobo galego como suxeito con capacidade para decidir o seu propio futuro, que pode ser a independencia ou non. Decidirmos nós o noso camiño parece máis xusto por exemplo que ese vergonzoso texto que asinaron o PP e o PSdeG no que afirman que é o conxunto do “pobo español” o único suxeito lexítimo para decidir politicamente, porque señores e señoras deputad@s do PSdeG se mañá o conxunto do “pobo español” decidira anular a autonomía de Galicia, sería unha decisión lexítima verdade?. Se mañá o conxunto do” pobo español” decidira prohibir a lingua galega nas escolas, sería unha decisión lexítima Gonzalo Caballero?.

E non, tampouco houbo ningún tipo de traizón pois se algún día o nacionalismo galego puidese ter a masa crítica necesaria para podermos confrontar democrática e pacificamente co estado eu non teño ningunha dúbida de en que lado da trincheira democrática estarían Rubén Cela, Noa Presas ou Néstor Rego por exemplo .Pero o problema é que non a temos. E non a imos ter nunca se non podemos chegar a esa parte da sociedade galega á que nunca chegamos , que é cuantitativamente máis grande que á que si chegamos. Velaí está pois a cerna da cuestión: como chegamos a esa parte da sociedade sen perder os principios nucleares do corpus teórico do nacionalismo soberanista de esquerdas?

Xa me gustaría ter a resposta, máis lamentablemente non a teño. E nada máis que me atrevo a formular dúas humildes hipóteses:

-Gobernando o noso país

-Amosando cos feitos que é obxectivamente mellor que sexa o propio pobo galego quen defenda os intereses do pobo galego a que os “defendan” outros.

Pero claro, non se pode facer iso se non se gañan as eleccións. E non se poden gañar eleccións se non se convence á maioría dos votantes. Agora ben se o que se pretende é repetir experimentos pasados , moi dignos e respectables, absolutamente desconectados da sociedade e sen posibilidade algunha de ser algo distinto dunha forza residual, serán na teoría ultra ortodoxos seguro, pero no terreo da realidade concreta a súa utilidade será ningunha. Eu deséxolle á nova dirección do BNG sorte, acougo, firmeza e acerto, pois neste contexto terrible no que o mundo parece estar amosando os primeiros indicios de colapso, orixinado polo modelo voraz do capitalismo depredador, estámonos xogando a luz ou a escuridade para o noso pobo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión