Antonio Cajide e Gonzalo Pérez, presidente e coordinador da comunidade de montes de Tameiga
G.Figueiredo e Tino Lago
Recentemente a ONU outorgoulle á CM de Tameiga un premio que recoñecía o seu bo labor na xestión dos seus montes comunais. Non faltou moito para que o feito coincidise cronoloxicamente coa celebración da cimeira do clima en Madrid. Na capital do estado as voces sensatas e responsables alertaban da situación de emerxencia climática que vive o noso planeta, de momento a única casa que posúe a especie humana, e da imperiosa necesidade de modificar de contado os nosos hábitos de vida e consumo, pois no caso contrario o risco de colapso planetario é inminente. Porén, estas cousas ao PP de Mos e ao Celta de Vigo como que lles dan un pouco igual, pois eles continúan co seu disparatado proxecto de arrasar milleiros de hectáreas forestais para, coa escusa de construíren unha cidade deportiva para o equipo de fútbol, facer o que lles importa en realidade; un macro centro comercial que, de finalmente consumarse, só traería pobreza para a maioría, o conxunto de Tameiga, e riqueza para a inmensa minoría; o intermediario ao que se lle permita comprar barato, expropiando, e lucrarse ao poder vender caro.
“NÓS PARA O CONCELLO DE MOS NON EXISTIMOS”
Supoño que estaredes moi orgullosos polo recente recoñecemento da ONU ao traballo da vosa COMUNIDADE DE MONTES ?
Si, este é un traballo constante e diario e que recoñezan o noso labor sempre cae ben.
Contádenos cales son os motivos concretos que levaron á ONU a outorgarvos o galardón que vos deu?
Temos un plan de ordenación no que decidimos como queremos a xestión forestal do noso monte , plantamos as especies que consideramos poñer e sacamos outras; adecuamos o terreo e o arboredo para poder rozalo de maneira sostible, fixemos rúas e cortamos a madeira sobrante. Con esta madeira rachámola a medida das caldeiras dos veciños e repartímoslla aos comuneiros, estes son os donos da madeira, soamente lles cobramos o transporte e o traballo de rachala leña. Esta é unha xestión sostible, deste modelo benefícianse os veciños.
Logo temos o parque industrial, coas rendas que obtemos de alugar o terreo en mancomunidade mantemos o local social, facemos actividades, subvencionamos o Centro Cultural e mantemos a cafetería, antes estaba en concesión, pero agora é de xestión propia.
Dalgún xeito estamos reorganizando os recursos propios que temos como comunidade para repartilos do modo máis equitativo posible.
Algún representante do Concello de Mos asistiu á cerimonia de entrega do premio?, e no caso de que non fose así, puxéronse polo menos en contacto con vós para darvos os parabéns por tan importante recoñecemento?
Non, nós para eles non existimos.
Ben cal é o estado actual no que nos encontramos no proceso polo que se intenta construír un centro comercial nos terreos propiedade da comunidade de Montes de Tameiga?
Xa está na parte xurídica.
Desde o noso punto de vista hai tres frontes de actuación para tentar paralizar este despropósito:
-Fronte social, con diferentes mobilizacións e postas en escena para que puidéramos contar con toda a sociedade que está en contra deste proxecto. Esta foi o primeira liña de actuación antes de que se aprobara no pleno do Concello de Mos o borrador inicial do proxecto. Xa está aprobado porque teñen maioría absoluta.
-A parte xudicial que é a que vai preitear nos tribunais.
-A parte política: Esperemos que mude o goberno da Xunta de Galicia nas vindeiras autonómicas e este proxecto quede en nada. Todas as forzas da oposición situáronse en contra deste macro Centro Comercial nos Montes de Tameiga.
Agora mesmo estamos en fase de alegacións.
E confiades en que este período de alegacións dea algún resultado?
Este é un trámite necesario que hai que facer antes de poder interpoñer un recurso. Alén da Comunidade de Montes de Tameiga tamén fixeron alegacións as diferentes Comunidades de traídas de Auga, grupos ecoloxistas e sindicatos.
Estas alegacións fanse diante do Concello e consideramos que van a rexeitalas todas, hai arredor de 4.000 alegacións, van gardalas nun caixón.
Nós estamos recollendo firmas en contra do Centro Comercial e non só os veciños asinan, senón que temos xente apoiando de toda Galicia.
Explicádenos as motivacións da denuncia que lle puxestes ao Celta e ao Concello?
Na fiscalía presentamos unha demanda para pedir que valoren se o que está a pasar é correcto: Que unha empresa particular lle pida ao Concello que recualifiquen uns terreos de monte para construír un Centro Comercial. O Concello préstase a esta historia, pide a modificación do PXOM para darlle cabida ao Celta para facer o Centro Comercial sen dispoñer nin dun metro cadrado de terreo.
Se o Concello quere modificar o Plan Xeral para isto, tería que sacalo a concurso. Se o sacan a concurso e a única persoa que vai participar é a encargada de facer os planos, os proxectos e os informes, isto ten un nome, e un nome moi feo.
Isto está no despacho do fiscal xefe para que designe o fiscal que vai levar o caso. En canto estea vannos chamar. Disto fai dez días e aínda non sabemos si a aceptan a trámite ou que fiscal leva o caso.
Eles ameazaron con responder con denuncias contra vós, tedes algunha nova ao respecto?
O presidente que me precedeu a min na Comunidade de Montes dicía: “A Súa Señoría e máis eu xa nos titeamos de tantas veces que estamos no xulgado”, risas… Eu comezo a estar na mesma situación.
A posición do conxunto das e dos comuneiros de Tameiga segue sendo sólida e rotunda na oposición ao centro comercial, ou percibes a posibilidade de que existan Tamayazos?
Aínda que exista algún Tamayazo, cuantitativamente non é relevante pois a abafadora maioría dos comuneiros están radicalmente en contra do Centro Comercial
E que percibides no conxunto do concello de Mos?
Percibimos a solidariedade doutras zonas, pero tamén desinformación. O problema do noso concello é que á identidade común é escasa. Se lle preguntas a un veciño de Cela de onde é, probablemente dirá de Cela, a un de Louredo creo que dirá de Louredo, a un de Torroso, penso que dirá de Torroso. As parroquias están moi espalladas entre si, hai moi poucos nexos conxuntos que as unifiquen, e non é fácil acadar a implicación da veciñanza en asuntos que non lles atinxan directamente.
Explícanos o asunto do suposto envío de facturas falsas durante a campaña electoral?
Isto ten que explicalo Nidia. Nós non fixemos ningunha campaña con facturas falsas, claro que non.
Nós facemos moitas campañas de sensibilización e publicitarias ante distintos problemas. Se cadra algunha destas campañas tomárona por onde non era e montaron toda esta película, pode ser, pero cando falan de estafa con facturas falsanon teño nin idea deste tema, nós non nos damos por aludidos porque non existen tales facturas.
E a suposta violencia exercida contra simpatizantes do goberno municipal no presunto intento de explicar á veciñanza de Tameiga, por parte da alcaldesa o proxecto do Celta?
O Concello mandou unha carta para facer unha reunión cos veciños de Tameiga e explicarnos o proxecto. Cando chegamos á reunión xa había unha hora antes xente afín a Nidia sentada dentro, os que chegamos despois tíñamos a garda civil pedindo o DNI para identificarnos, só os que estabamos fóra. Había xente que non tiña o DNI para identificarse e tamén exixía que se identificaran todos, tamén os que estaban dentro.
Houbo un pouco de alboroto e algún berro, pero nin houbo violencia contra a Garda Civil, nin contra outros veciños.
En relación a este episodio fostes citados, varias persoas, a declarar ao cuartel da garda civil, como está a situación na actualidade?
O domingo antes do pleno citaron a algúns veciños a declarar. Na miña opinión creo que estaban intentando amedrentar á xente para declarar antes do pleno de aprobación do proxecto. Tiñan medo a que nese pleno pasara algo, foi o único no que se modificou a distribución, dándolle a volta á mesa presidencial para que Nidia coincidise ao lado da porta.
A alcaldesa dixo por activa e por pasiva que o proxecto só se faría de maneira consensuada e con acordo entre todas as partes. Ao voso xuízo, se non é posible o acordo con vós, a folla de ruta do PP vai ser a expropiación?
O consenso do que ela fala é que isto se fai, si ou si, e como ten maioría absoluta…
Non ten sentido que fale de consenso cando está tirando para adiante con este proxecto sen falar cos propietarios do monte, que son os comuneiros. Isto non é consenso.
Os comuneiros decidiron en asemblea, con tan só tres votos a favor e máis de 300 en contra deste proxecto do Celta e do Centro Comercial. A única maneira que ten de facelo e con expropiación, pero esta palabra non a di nunca.
Ben, rematamos, e quero que nos contedes a vosa folla de ruta. Póndonos na hipótese máis verosímil posible; que o asunto remate xudicializado, estades preparados mentalmente para soportar o modus operandi característico da dereita española, e que tan ben amosaron no recente debate de investidura?
Levamos tempo soportándoo, eu antes non tiña canas, agora teño un feixe delas.
Si é certo que nós dedicabámonos ao tema forestal, a ter o monte limpo e ordenado, xestionable e tamén á parte industrial. Isto todo agora cambiounos a nosa folla de ruta, sen dúbida, pero antes máis que agora. Co tempo xa colles táboas, xa levamos moito tempo pelexando, tanto con particulares coma con outras empresas que queren roubar ou expropiar os recursos do monte. Vaste queimando e isto colleunos nun momento delicado. Víñamos de gañar a sentenza do Faquiña e tiñamos moito traballo burocrático pendente, poñendo papeis ao día, contratos e demais. Por isto digo que cambiounos a folla de ruta, tivemos que mobilizar á xente, montar a plataforma coa traída de auga, facer concentracións e manifestacións, as andainas…
A presión por parte deles vai ser brutal, pero como xa está aprobado o borrador para enviar á Xunta por parte de Concello, agora mesmo xa entra máis a parte xudicial.
O que nos queda agora é reunirnos cos distintos sectores da administración para que se dean conta da tolería que queren facer con este proxecto do Celta.
A única parte positiva de todo isto e que apareceu xente apoiándonos e amosando niveis de compromiso que descoñecíamos, non só son xente de Tameiga, senón tamén de fóra. Saber que non estamos sos é unha axuda moi grande.