Xornadas da memoria en Salceda de Caselas

Andrea Moreno e Tono Vizcaíno mostran algúns dos obxectos que o enterrador gardou en Paterna para entregar á familia /F Demetrio Monteagudo
Andrea Moreno e Tono Vizcaíno mostran algúns dos obxectos que o enterrador gardou en Paterna para entregar á familia /F Demetrio Monteagudo
Helena Pousa

É complexo idear como achegar a Memoria Histórica ao público, concienciado ou non, pois é un tema aínda non ben recibido en moitos ambientes. O franquismo permanece activo anos despois porque soubo inocular o medo e o silencio. E agora, como consecuencia, a desinformación, o desleixo e o desinterese nos máis novos. De aí que nas Xornadas da Memoria en Salceda de Caselas, organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, cunha axuda do Ministerio de Memoria Democrática e a colaboración do Concello, se quixesen ofrecer actividades variadas que puidesen reclamar a atención de persoas de diferentes gustos e idades. E grazas a propor actividades diversas conseguimos a afluencia dun público variado que pululou por Salceda na fin de semana do 11 ao 13 de abril.

O venres 11 inauguramos unha exposición que titulamos Olladas apagadas. O título fai referencia ás vítimas asasinadas impunemente, que fecharon os seus ollos para sempre. En varios paneis podíanse ver cales eran os lugares máis ferozmente castigados polos golpistas nas tres comarcas en que traballa a Comisión organizadora. Sobresaen con moito o número de persoas mortas na Guarda, polo campo de concentración, e Tui por ser cabeza do Partido xudicial. Mais tamén aparecían moitas noutros lugares, o que nos permite falar sen dúbidas de máis de 650 persoas asasinadas. Unha cifra que supera en moito a barallada nas primeiras investigacións feitas anos antes. Dado que se facía en Salceda, había un panel dedicado ás 40 persoas mortas neste municipio, veciños ou non. Os seus nomes ían acompañados dalgún dato biográfico e da súa fotografía se a tivermos Na exposición unicamente se expuxeron os datos validados e recadados polo historiador Xosé Ramón Paz Antón ao longo de moitos anos de investigación, porque non se poden incluír moitos outros ata que non estean ben confirmados.

A seguir presentamos un vídeo sobre a exhumación da fosa de Cabreira, feito grazas a colaboración desinteresada de Santiago Baz Lomba. Nel resumimos o que aconteceu desde que se iniciaron os trámites para a posible intervención de HISTAGRA ata chegar ao día a día da escavación. No vídeo percíbese os nervios do público por comprobar que a documentación oral, gardada pola xente de Cabreira desde había 89 anos, era certa. E a satisfacción de Anxo e Xaque de Salvaterra porque coa súa teimosía puidemos ir máis alá para que esta fosa non acabase, como en moitos outros casos, só en investigacións documentais.

No sábado houbo charlas de persoas vindas de diferentes partes do Estado, escollidas adrede por teren que ver con dous dos temas centrais das Xornadas: as exhumacións e a sinalización de Lugares de Memoria. Para o primeiro dos temas foron convidados dous especialistas de Valencia, Andrea Moreno e Tono Vizcaíno, que deixaron ao público abraiado coas magníficas explicacións sobre a exposición ideada en Paterna, un municipio próximo á cidade de Valencia, con obxectos das exhumacións dalgunhas das 150 fosas localizadas neste pequeno municipio coñecido como o ‘paredón do terror’.

Respecto das fosas tamén falou Gustavo Hervella de HISTAGRA, para explicar as fosas que exhumaron durante catro anos, de 2021 a 2024, en diferentes lugares de Galiza, entre as que están a de Vilagarcía, o Val en Narón, ou a de Cabreira e novembro de 2024.

Outra temática central destas xornadas xirou sobre como marcar os Lugares de Memoria. Os relatores convidados foron Pedro Rascón e Calros Solla. Pedro Rascón, da Asociación de familiares de fusilados de Navarra (AFFNA36), explicounos que a Lei navarra, máis ampla e progresista, permite marcar moitos lugares como espazos de memoria, como un reloxo onde se agochou un perseguido varios días e así logrou librarse da morte. E, por suposto, falounos do principal monumento memorialístico navarro, o Parque da Memoria de Sartaguda, un xardín en memoria das vítimas navarras asasinadas despois do 36, impulsado pola súa asociación e a Asociación del pueblo de las viudas de Sartaguda, nun terreo cedido polo Concello. Nun muro están escritos os nomes de todas as persoas asasinadas en Navarra tralo golpe militar e alí os familiares acoden a tocar cos seus dedos o nome do seu parente. A seguir, Calros Solla explicounos como comezaron nunha leira da súa propiedade en Meilide, Cerdedo, a render homenaxe ás vítimas do seu concello colocando unhas laudas esculpidas por Marcos Escudero, decoradas con algún elemento que recorda a persoa falecida. A primeira delas foi en homenaxe ao poeta morto no exilio, Xosé Otero Espasandín. Despois deles falou a alcaldesa Loli Castiñeira para presentar un futuro proxecto que pretende darlle máis significación e maior visibilidade á Volta da Moura, en colaboración cos concellos limítrofes.


Calros Solla explica ode se lle ocorreu ubicar o Campo das laudas nunha leira súa, no concello de Cerdedo /f. Demetrio Monteagudo

Na Volta da Moura Quico Paz Antón e unha familiar dun paseado explican o que aquí pasou ao público

O colofón destas xornadas foi a estrea de Con zocas non se pode fuxir, obra teatral encargada á escritora Raquel Castro. Foi, sen dúbida, a actividade máis visitada, porque o público encheu a rebentar o Auditorio Municipal. Convidamos a moitos familiares de Florentina Fernández, que viñeron de Mos e de Cesantes, e de Amador Rodríguez Solla, de Salceda. Foi o acto máis emocionante e emotivo de todos, porque a estupenda actuación de Ana San Fernando e Marcos Grandal e o texto de Raquel Castro chegaron ao corazón. Para moitos destes familiares foi un momento de catarse, de reparación, tanto para a familia de Florentina, asasinada nos montes de Budiño (Salceda) como para a familia de Amador. Unha das fillas de Amador mostroulle ao público unha talliña feita polo seu pai cos ósos que lle daban as monxas cando estivo encarcerado en Pamplona, e que ela conserva como un tesouro.

Raquel Castro con actores e familiares dos protagonistas de Con zocas non se pode fuxir

E para finalizar, o domingo elaboramos un roteiro pola senda do Caselas con explicacións do guía máis informado da historia de Salceda, Marcos Besada. Fixemos unha fermosa camiñada ata o lugar onde se ergeu o monumento aos canteiros da Picoña, obra de Manolo Sestelo.