BNG urxe a reparación das vías convencionais deterioradas polo tráfico desviado durante o fechamento do túnel de Folgoso

Néstor Rego congreso dos Diputados

A organización nacionalista reclama ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana que actúe nos tramos da N-559 e N-120.

Madrid, 2 de maio de 2021.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda a reparación inmediata das vías que foron empregadas como desvío durante a reparación do túnel do Folgoso e que se viron deterioradas polo aumento do tráfico. A formación nacionalista apunta a que o feche do túnel provocou que condutores particulares e camións empregasen vías que non estaban preparadas para soportar o volume do tráfico dunha autovía e reclaman a rehabilitación dos 16 quilómetros empregados como desvío das estradas N-559 e N-120 até enlazar de novo coa Autovía das Rías Baixas á altura da Cañiza.

A finais de xaneiro, un camión incendiouse no túnel do Folgoso, tramo da autovía A-52 que conecta as cidades de Ourense e Vigo, e provocou graves danos na estrutura, e a reparación retrasouse durante meses abríndose finalmente nestes días pasados ao tráfico rodado nas dúas direccións. A apertura do túnel significa o descenso do tráfico nas vías convencionais como a N-120.

Debido ao fechamento do túnel, os condutores que viaxaban habitualmente pola autovía A-52 no tramo Vigo-Ourense debían desviarse pola N-120, vía cun sinuoso trazado e en xa en mal estado antes do inicio das obras, que atravesa varios núcleos de poboación e atrasaba a viaxe nunha media hora. Debido a ese incremento no número de viaxeiros e a circulación dun gran número de vehículos de transporte pesado o firme deteriorouse gravemente.

“O Ministerio debe asumir a responsabilidade polo danos causados e reparar canto antes o firme desas dúas estrada, para evitar así riscos para as persoas que residen neses concello e que, aínda que abriu xa de novo o túnel do Folgoso, teñen que seguir a circular diariamente por eses tramos” conclúe Rego.