Como despedir a un Amigo? Que se pode dicir sin que boten as vágoas e enmudeza a gorxa? Como expresar todo o que se sinte cando non abondan as palabras?
Só poido dicirche, Amigo, que o destino arrebatoute demasiado pronto deixándonos orfos do teu marabilloso sorriso, da túa infinda bondade, do teu saber estar e da túa abondosa e radiante ledicia que derramabas a mans cheas.
Perder a un Amigo é unha coitelada certeira no cerne do corazón e da alma ainda que na miña Saudade da Guardensanía te perpetúes para sempre porque somos do mesmo lar, GALICIA pero é que tí, Berni, eras unha persoa sinxela en todos os ámbitos da vida.
Seguiremos o teu legado de loita, bondade e humanidade para tratar de sermos mellores persoas e achegarnos a ti.
Que os astros e os ventos mariños te sexan favorables e que as notas do himno do Antiguo Reino de Galicia te conduzan onde repousan os nosos antergos e poidas aloumiñarte con Rosalía, Castelao……… indo a súa beira por ese ceo de estrelas.
Esas persoas da facenda celestial coñecerán por tí toda a túa Andaina cultural especialmente o que se refire a túa querida Guarda e tamén a nosa GALICIA.
E se acaso “regresas” polas rúas de A Guarda ou por ese Tegra tan agasallante fai un percorrido por ese camiño a Compostela para lembrar o que fixemos xuntos nun tempo pasado.
Tes que seguir coidando a túa laranxeira que trouxeches de Mijas de laranxas amargas e que nos agasallabas aos amigos cunha marmelada coa etiqueta dedicada a túa querida Chelo.
E prométoche Amigo, que estaremos sempre ao carón de Chelo e cando falemos do Principiño de Saint- Exupery estarás connosco tamén.
Ela, que sempre estivo a túa beira coma os os teus fillos e netas sin deixarte nin por un segundo merecen todo o noso respecto e admiración.
E que dicir dos paseos coa túa neta por Camelias sempre a levabas impecable coa súa comidiña no seu carro e ela co sorriso de anxo para tí.
Lembro as olladas que botamos xuntos desde o Tegra viaxando alén do mar ata Santo Domingo, Bos Aires, New York……. e percorrendo cos Indianos aquén do mar ata aos teus queridos Camposancos e A Guarda.
Tamén lembro a exposición de libros e códices que coa túa ollada e presenza fixemos na Guarda e que Freitas e Antonio, teus amigos espallarona polo mundo.
Agora emprendes unha viaxe entre unha colorida choiva de flores e o ronco son da Gaita……
Adeus Amigo, boa viaxe cara Ítaca de Ulises nós endexamais te esqueceremos e conservaremos nas nosas retinas esa túa mirada limpa de ollos eternamente cristalinos.
Paco Vidal botelo@hotmail.es