Os Birlos celtas en Soutomaior

Os birlos celtas son un xogo tradicional galego. Segundo publica o escritor Miguel Anxo Mouriño a interferencia do castelán substituíu a palabra tradicional galega polo castelanismo “bolo”. É na zona do Val Miñor onde ten unha presenza máis salientable, aínda que tamén podemos atopalos en distintas comarcas da montaña luguesa. Non está moi clara cal é a súa orixe malia que podería ter certa influencia mística ou relixiosa, pois o derrubo do birlo sería unha especie de metáfora do derrubo do mal. Este xogo foi transmitido durante séculos por pastores, monteiros canteiros e cregos. Os birlos son de madeira e a máis aconsellable é a madeira das arbores froiteiras especialmente a laranxeira, o limoeiro e o albaricoqueiro, pois madeiras máis duras como o carballo ou o buxo tenden a rachar nos primeiros impactos das bolas. O investigador José Rodríguez sinala que a tradición oral indica que cando o menos desde o século XIX xa hai constancia da práctica do birlo celta no sur de Galicia. Non existen documentos escritos ao respecto, pero novamente a oralidade indica que as normas de xogo eran, entón ,moi semellantes ás de agora. Na comarca do Val Miñor, como antes indiquei, é onde se pode encontrar unha presenza máis importante deste deporte, pero en Soutomaior dáse unha modalidade única, propia desa zona e que non encontramos en ningún outro lugar. É o chamado tiro en cova, pois os tiros desenvólvese desde unha especie de buraco que está nun nivel inferior á superficie na que se sitúan os birlos. E nós achegámonos ata o fermoso concello de Soutomaior a coñecer o club “ LUME NOS CUS”. Está no barrio de Lourido, algo máis abaixo do castelo no que transcorreron algúns dos episodios máis salientables da historia do país galego. O club foi fundado por Xosé Lourenzo, un vello e bo amigo desta casa, que é o seu alma máter e quen traballa de maneira incansable para que os birlos celtas poidan espallarse por toda a comarca. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Xosé Lourenzo. Fundador do club “Lume nos cus”

Máis de 250 xogadores e xogadoras de birlos están inscritos no noso club

Exactamente que son os birlos celtas?

É un deporte tradicional con moitas variantes que ten presenza en case toda a península ibérica. Tanto no estado español como en Portugal. De feito nos xogos olímpicos de Barcelona 92 chegaron a ser deporte de exhibición

Ti como entraches en contacto con este deporte?

De cativo. Cando eu era neno no Val había un campo de birlos, e os vellos xogaban alí. Por desgraza iso rematouse porque moitos campos de birlos acabaron converténdose en espazos para practicar o fútbol. No ano 1.997 volvemos a darlle un pulo montando unha carreira de birlos no Val, porque no concello de Soutomaior todos os anos facíase un campionato nas festas de Moreira no mes de agosto

E todo se reactivou grazas a Lume nos Cus?

Si. De feito se a miña carreira non estivera feita eu creo que no noso pobo os birlos estarían mortos

Cantas modalidades hai en Galicia?

Arredor dunha ducia. Pero a que se practica na nosa comarca é autóctona da nosa zona, pois somos a única que tiramos con cova. Todas as modalidades son semellantes pero ningunha é como a nosa. Nós tiramos desde unha cova que non está ao mesmo nivel cós birlos senón arredor de 80 centímetros máis abaixo. Nas restantes modalidades a pedra do tiro está ao mesmo nivel cós birlos.

E esa modalidade de tiro con cova só se dá en Soutomaior?

Dáse na nosa comarca, tanto en Soutomaior como en Amoedo(Pazos de Borbén) e en Acevedo( Pontesampaio)

Tes coñecemento que este xogo do birlo se practique fóra da península?

Que eu saiba en Arxentina e en Uruguai. En ambos países levárono emigrantes galegos

Por que se chaman birlos celtas, tense constancia de que a súa orixe é celta?

Eu non a teño. Para nós desde cativos era o xogo dos birlos, pero en realidade non sei cal é a súa procedencia. No que ao noso club respecta foi hai anos, cando retomamos este deporte , a partir da tradición oral de distintas persoas da comarca que así os chamaban pois comezamos a denominalos birlos celtas

Cantos xogadores disputan un partido?

Nós xogamos dous contra dous. No Val Miñor onde existe tamén unha importante tradición xogan tres contra tres. Pero tamén pode xogarse un contar un

Canto dura unha partida?

Entre 15 e 20 minutos

Cando inscribiches o club?

Inscribino na Xunta de Galicia no ano 2.016.Pero como as instalacións son nun terreo da miña propiedade que vou financiando eu aos poucos, como podo, non puiden inauguralo ata o ano 2.019

Que hai que facer para xogar aquí?

É moi sinxelo, apuntarse no libro que temos de inscritos

Como se financia o mantemento do club?

Coas consumicións da cantina. O club non ten ánimo de lucro todo o que se saque da cantina vai para o seu mantemento

Cantas persoas están apuntadas?

Arredor de 250

Caramba, e hai homes e mulleres?

Si, pero hai máis homes. Se cadra porque este é un deporte que ten unha práctica tradicionalmente masculina

De que idade a que idade son os socios?

Temos desde 13 anos ata que o corpo aguante. De feito o ano pasado fixen dous campionatos para nenos. As persoas que veñen con máis frecuencia soen estar entre os 18 e os 60 anos. A nós a pandemia tamén nos afectou moito. Este era un deporte que estaba como quen di morto e nós estamos intentando levantalo. Necesitamos que veña xente nova pero nas actuais circunstancias é moi difícil. Vou intentar argallar unha liga para tratar de atraer máis xente. A ver se podo organizala de maneira que as partidas se disputen calquera dos 7 días da semana

Cando hai competicións en Lume nos Cus?

Cada domingo soemos competir

Hai premios para os equipos gañadores ?

Si, premios populares desde logo: Latas de Sardiñas, follas de bacallau, botellas de viño, botellas de aceite, queixo….

Seica existía a tradición de premiar aos gañadores dos campionatos cun cabrito?

Pois si, antes facíase así, pero a sociedade cambiou moito. Imaxínate que ti ves o domingo gañas o cabrito e que fas con el?, lévalo para o teu piso de Vigo?, mátalo?. Agora xa pouca xente ten corte. A vida cambiou e resultaría complicado entregar un cabrito

Tes algún apoio da administración xa sexa municipal xa sexa autonómica?

Ningún en absoluto. O ano pasado no concello dixéronme que non. Este ano parece que vai ser que si. Veremos. A día de hoxe, primeiro de maio non recibín aínda ningunha axuda

Hai federación galega ?

Si, hai federación galega de birlos celtas. Nós estamos inscritos como club, pero aínda non teño xogadores federados. No futuro teño a intención de facelo

Rematamos Xose, que lle diriamos a unha lectora ou lector que non coñece este deporte para que se animara a coñecelo?

Que veña e que probe. É un xogo realmente agradable, e unha diversión moi sa. Despois das primeiras partidas a xente soe quedar enganchadísima. Nós estamos abertos os 7 días da semana