O 26 e 27 de agosto Soutomaior acollerá o Punkativada. Festival para a xente miúda, unha cita para toda a rapazada do concello e do conxunto da comarca no que tanto os máis pequenos e pequenas como pais e nais poderán desfrutar de concertos infantís, espectáculos de maxia e contacontos, obradoiros e moito máis.
O evento comezará o sábado 26 ás 11.15 horas coas Coruxeiras, dúas artistas locais de gran talento que presentan a súa última creación musical e que terán un segundo pase ás 16 horas. Ás 11,30 horas será a quenda do mago Martín Camiña, que chega a Soutomaior co seu espectáculo ‘Ilusións sen azucre industrial’. Xa ás 13 horas a cativada desfrutará do espectáculo ‘Ritmando’, a cargo de @s Jaloch@s.
Xa pola tarde e tras o segundo pase das Coruxeiras, ás 16,30 horas decorrerá o obradoiro ‘De bolas de lá natural de ovella’. Unha hora despois, ás 17,30, terá lugar o espectáculo de clown e escapismo ‘A vida tola’, de Natalia ‘Pajarito’. Xa ás 18,30 horas haberá un segundo obradoiro, ‘Somos punkis’, centrado en “experimentar coa estética e coa imaxe sen vergoña e sen medo”. Ás 20 horas comezará o concerto ‘punkinfantil’ de Peter Punk e Brais das Hortas, e a primeira xornada do Punkativada rematará co peche das Actividades de Verán, que comezará ás 21 horas.
O festival retómase o domingo ás 12 horas co espectáculo musical e de contacontos ‘A Ramona Pequena vai á lúa’, de Pakolas. Xa pola tarde decorrerá o obradoiro ‘Bonecos de pau’, ás 17 horas. Finalmente, o home orquestra Pulpiño Viascón porá o peche ao Punkativada ás 18,30 horas co seu concerto ‘Dallecopé’.
A maiores, durante todo o festival estará habilitado o espazo Cacharrada Musical, no que a rapazada poderá facer música e ritmos con todo tipo de obxectos cotiáns; e tamén haberá espazo gastronómico, para que as familias poidan desfrutar dunha fin de semana inesquecible nunha das contornas naturais máis fermosas do fondo da ría de Vigo, nun concello con tanto potencial natural e cultural como Soutomaior.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, chamou a toda a rapazada do concello e ás súas familias a achegarse á Carballeira de Arcade os días 26 e 27 de agosto para “desfrutar dalgúns dos mellores espectáculos infantís que hoxe en día poden verse en Galicia”. “Queremos que todos os nenos e nenas de Soutomaior e a comarca, e en xeral toda a veciñanza, saquen ese espírito punki que todos levamos dentro e poidan demostrar que para pasalo ben no verán non hai sitio mellor que Soutomaior”.