O BNG solicita a revisión e actualización profunda do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Marín

Tino Iglesias, Concelleiro do BNG de Marín
Tino Iglesias, Concelleiro do BNG de Marín

Marín, a 18 de agosto de 2023

Tino Iglesias solicita “a revisión e actualización profunda do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Marín, para solventar as eivas detectadas polo noso Grupo Municipal, co fin de que no próximo exercicio 2024, cumprindo co requisito de revisión anual, se presente ao Pleno un inventario plenamente actualizado.”

No Pleno celebrado o pasado xoves 10 de agosto o BNG apoiou a rectificación do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Marín mediante a incorporación das modificacións derivadas da resolución das alegacións estudadas, así como as modificacións de oficio que son consecuencia da tramitación de distintos expedientes.

O artigo 33.1 do Regulamento de Bens das Entidades Locais (RD 1372/1986, do 13 de xuño) establece que a rectificación do Inventario Municipal verificarase anualmente, reflectíndose na mesma as vicisitudes de toda índole dos bens e dereitos de propiedade municipal.

Tino Iglesias, concelleiro do BNG lembra que “no ano 2010 tivo lugar unha actualización profunda do inventario coa emisión de fichas individualizadas de cada ben ou dereito.” E alerta de que “as revisións/rectificacións realizadas en 2015 ou na actualidade non resolven unha serie de deficiencias ou carencias que entendemos que se producen no noso Inventario, polo que solicitamos a adecuación do mesmo iniciando un novo e profundo traballo de actualización.”

A título enunciativo e non limitativo:

  • Temos un total de 1.446 viais e camiños municipais. A práctica totalidade non teñen ninguna nomenclatura que os defina. Deberían, ao igual que os viais provinciais ou de xestión por outra administración, dispoñer dunha codificación específica.

Igualmente a ficha de cada vial ou camiño debería ter campos informativos sobre se dispoñen ou non de pavimentación/asfaltado, beirarrúas, abastecemento de auga, rede de saneamento, alumbrado, gas, comunicacións, etc ….

  • Todos os inmobles, fincas, viais, etc… deberían ter na súa ficha a súa xeolocalización GPS, conforme aos tempos actuais; e de igual xeito, proceder á actualización da correspondente calificación urbanística en relación ao actual PXOM.
  • Revisión de valoracións xa que algunhas parecen non estar actualizadas. A modo de exemplo: Rúa Almuiña valoración de 9.707 €, Rúa Ezequiel Massoni valoración de 46.380 €. Sen embargo aparece Secundino Lorenzo cun valor de 204.062 €. Tamén chama a atención a Travesía República Arxentina cunha valoración de 1.800 € cando o investimento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a urbanización da ampliación do vial ascendeu a máis de 256.000 € (inauguración agosto 2022). Podemos seguir co Palco da Música e cruceiros sen valoración económica, na maior parte dos lavadoiros e fontes o seu valor non pasa duns poucos centos de euros, …
  • Descricións ambiguas en certas fichas e denominacións non actualizadas: Servicios Sociais Vergel (actual sede da Policía Local), Bosque de Cuadro (Ecoparque), Aula de Música de Calvo Sotelo, etc… ao igual que non aparecen actualizados certos nomes de rúas que sufriron variación dende o ano 2010.
  • Revisión do catálogo doutros bens xa que practicamente non aparecen nada máis que as obras pictóricas dos fondos do Museo Manuel Torres e os ubicados na Casa do Concello, faltando a inclusión de elementos especiais como a vidrieira do salón de plenos e o seu mobiliario, os equipos electrónicos, maquinaria e mobiliario das distintas oficinas e locais municipais, etc…
  • Atopamos bens de titularidade municipal como a Torre do Reloxo que sorprendentemente non está incluida no referido inventario.

Tino Iglesias solicita, por tanto, “a revisión e actualización profunda do Inventario de Bens e Dereitos do Concello de Marín, para solventar as eivas detectadas polo noso Grupo Municipal, co fin de que no próximo exercicio 2024, cumprindo co requisito de revisión anual, se presente ao Pleno un inventario plenamente actualizado.”

O concelleiro do BNG lembrou “dende un punto de vista de referencia de ferramentas empregadas noutros Concellos, a modo de exemplo é interesante a ferramenta de xeolocalización do Concello de Xove ou o programa informático específico para a xestión do seu inventario que emprega o Concello de Arteixo”, no que por citar o apartado de inmobles ou viais cada ficha ten diversos apartados como son:

  • Datos xerais e catastrais
  • Datos económicos
  • Datos xurídicos
  • Datos urbanísticos
  • Documentación (apartado para subir a documentación que xustifican a propiedade, valoración, ….)
  • Cadro de amortización para aqueles bens ao que lle sexa de aplicación
  • Mapa de ubicación