Félix Juncal alcalde de Bueu

Alcalde de Bueu

O BNG de Bueu, do alcalde Félix Juncal, gañou as pasadas municipais por moi poucos votos .Non chegaron a 200 os que lle quitou de avantaxe ao PP. A dereita local leva moito tempo desenvolvendo unha agresiva campaña de propaganda que fai referencia a unha suposta relaxación do goberno en xeral e do seu alcalde en particular. Pero se un se para a ver con rigor e de maneira obxectiva o traballo do goberno do bloque en Bueu, seguro que atopa erros e cuestións mellorables, pero o da presunta relaxación non é sostible. É simplemente unha trola, que conseguiu calar en parte do pobo bueués a través de repetila unha e mil veces. Nós conversamos co alcalde para coñecer como inicia este novo mandato.

Tomamos nota da mensaxe da veciñanza e comprometémonos a corrixir erros e a facelo moito mellor”

As municipais de maio gañounas o BNG de Bueu por moi poucos votos. Cal é a túa valoración do seu resultado?

Cando se gañan unhas eleccións a valoración inicial sempre ten que ser positiva. Non é fácil gañar unhas eleccións. E non é fácil gañalas nun concello onde no resto de procesos electorais sempre gaña a dereita. Son as quintas eleccións consecutivas que gaña o BNG, e a este respecto o sentimento máis importante que está en min é o de agradecemento inmenso á confianza que nos dá a veciñanza de Bueu.

Pero os resultados acadados non foron os que esperabas?

Non, agardabamos recuperar a maioría absoluta. Pero seguimos conservando un apoio moi importante, rondamos o 45% .En calquera caso tomamos nota da mensaxe da veciñanza e, con toda a humildade e a máxima determinación, comprometémonos a corrixir erros e facelo mellor. Creo que xa pasamos a etapa máis complicada, e as veces que non fomos capaces de dar resposta a algunha necesidade foi, basicamente, porque a administración municipal carecía dos medios humanos suficientes para atendela como é debido e como sempre foi a nosa vontade: coa máxima dilixencia e absoluto respecto ao veciño.

E esa carencia de medios humanos xa está solucionada?

O pasado 16 de agosto despois de moitos anos de traballo conseguimos materializar a incorporación de ata 17 persoas para o servizo de limpeza diaria e de edificios e de instalacións. Como sabes no 2022 Bueu aproba unha RPT cun persoal de 90 traballadores e traballadoras pero ata agora tiñamos 60 prazas cubertas e 30 vacantes. E esa escaseza de persoal facía todo moi complicado. Nunha primeira fase contrataremos a esas 17 persoas ata irmos cubrindo as 30 que necesitamos

Para un observador imparcial , que teña a oportunidade de ver negro sobre branco o voso traballo estes anos, sería racionalmente insostible o mantra da dereita sobre o voso suposto desleixo o relaxación. Pero é incuestionable que esa mensaxe chegou a unha parte importante da sociedade de Bueu. Por que?

Se cadra porque a comunicación do goberno á sociedade non foi todo o adecuada que debera ser. De feito unha das propostas que teño para este novo mandato é mellorar substancialmente nese terreo. É evidente que no mundo virtual, nas redes sociais, debemos de aumentar de maneira notable a nosa actividade. Hai moita xente que se informa por esas vías. E nós necesitamos contrastar a desinformación da dereita amosando a realidade dos feitos.

Como foi a negociación co PSOE?

Ben, houbo algunha cuestión complicada , de feito houbo algún momento en que a mesa de negociación se chegou a interromper , pero ambas partes tiñamos claro que era necesario que Bueu contase cun goberno estable e con maioría, ambas partes fomos xenerosas e finalmente prevaleceu o sentido común e o interese mutuo en chegar un acordo, que felizmente se puido concretar.

As dúas persoas do PSOE están no goberno .Estás satisfeito de como está a funcionar a relación con eles?

Absolutamente si. A relación é moi boa, de traballo compartido e honesto. E estou seguro de que así seguirá sendo ao longo de todo o mandato.

Ides modificar a RPT?

Si , estamos preparando unha modificación porque o organigrama desa RPT naceu aproximadamente no 2015. A RPT foi imprescindible aprobala, pero é un elemento dinámico e vivo que hai que axustar á realidade de cada momento. Nós necesitamos , e niso estamos a traballar, con urxencia unha nova praza para o departamento de secretaría que nos permita gañar en rapidez e eficacia. Para nós esa persoa que veña para a secretaría é clave para desenvolver distintos proxectos , entre eles a materialización de distintos aproveitamentos urbanísticos que nos van permitir ingresar importantes cantidades de cartos, que utilizaremos para financiar actuacións que son necesarias no noso pobo.

Sobre o proxecto de montar unha área de caravanas na zona da Chadiza en que momento estamos?

Non está todo o ben que me gustaría. Xa funcionou algo no SonRías e xa conta cos servizos básicos pero necesitamos rematar. Confío en que para o verán do 2024 estea funcionando plenamente.

No barrio de Valado tamén tiñas prevista algunha actuación. Fíxose algo?

Si, rematamos o axardinamento do antigo cemiterio que está a carón da igrexa. Este ano tivemos nesa zona a actuación, como sempre brillante, de Carlos Núñez.

Tamén tiñas a intención de mellorar a contorna da casa da música. Como está ese asunto?

Está pendente de que aprobemos o expediente de contratación da subvención concedida. Temos as autorizacións sectoriais tamén , e esa actuación está absolutamente garantida que se vai a efectuar proximamente.

Na parroquia de Cela tiñas pendente negociar coa comunidade de Montes da Chan para efectuardes unha actuación alí. Como vai ese tema?

Ese asunto de momento témolo de momento aparcado ata completar o traballo técnico que no seu momento presentáramos á Comunidade de Montes. A nosa intención é recuperalo o antes posible.

Sobre a vosa intención de facerdes un novo pavillón en Beluso que nos dis?

Estamos vendo con moito interese as distintas posibilidades de financiamento ás que teñamos a posibilidade de acceder, e no momento que poidamos encaixar algunha que cubra as nosas expectativas, lanzarémonos con toda determinación. Esa actuación na parroquia de Beluso vai ser de primeiro nivel .