Xan Xove expuxo no Parlamento o informe elaborado polo persoal da emisora, que apunta cara un desmantelamento deliberado da mesma
Santiago, 29 de novembro de 2019
Esta
mañá, coincidindo co octoxésimo Venres Negro de Defende a Galega,
Xan Xove levou á Comisión de Control da CRTVG o informe elaborado
polos traballadores e traballadoras da Radio Galega, no que amosan
como a Compañía está a desmantelar deliberadamente a emisora
pública a través dunha deterioración das condicións
laborais, que comprometen a calidade do servizo.
Neste
Venres Negro, as traballadoras lembran que se cumpren nove anos do
peche das delegacións locais da Mariña, Ferrol e Pontevedra. A
progresiva desaparición da información local e a falta de medios e
técnicos de son nas delegacións locais son algunhas das cuestións
que, precisamente, constan neste informe dos traballadores da Radio
Galega. “A Radio Galega non ten que rexerse polos números de
audiencia como fan as emisoras privadas, porque é un medio público,
e ten que dar cobertura precisamente a contidos que non teñen cabida
nas radios xeralistas comerciais”, apuntou Xan Xove. Lembroulle
tamén ao director xeral da CRTVG que a garantía de plena cobertura
no conxunto do territorio é precisamente un dos criterios que teñen
que rexer os contidos da Radio Galega, segundo a Lei de Medios
Públicos, xunto a outros como a promoción e difusión da cultura
galega; a potenciación da produción audiovisual propia; o
reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de
Galicia, e a obxectividade, imparcialidade e neutralidade
informativas.
O deputado do Grupo Común da Esquerda tamén
expuxo varias denuncias recollidas no informe no respectivo ás
condicións laborais na sección de Deportes: “recórrese de
xeito excesivo a colaboradores en detrimento do persoal fixo, non se
respectan as doce horas de descanso entre xornadas laborais, sobre
todo cando hai desprazamentos, e non se están a cubrir as prazas de
persoal xubilado e prexubilado”, resumiu. Enumerou tamén
algunhas das denuncias da sección de Informativos, entre as que
están a organización caótica do departamento, o privilexio á
información política que provén de fóra de Galicia ou o
tratamento favorable cara o PPdeG nos informativos.
“O
informe tamén denuncia que gran parte do contido emitido no verán
era enlatado, pero non gravado especificamente para esas emisións
durante o verán, senón pregravado e reutilizado, coa conseguinte
mingua de calidade que isto supón”, apuntou tamén Xan Xove.
“Hai moitas máis cuestións que mencionar, case é difícil
recollelas todas: o software está totalmente obsoleto, pasouse da
organización en equipos a unha organización xerárquica e
individualizada, estase a prescindir de xente en determinados
programas…”, enumerou. “Unímonos tamén á denuncia do
peche do diario cultural, para ser substituído por diversos
contedores culturais sen ningunha personalidade”,
engadiu.
Finalmente, o deputado instou a Sánchez Izquierdo e
ao conxunto da dirección da CRTVG a “escoitar as
reivindicacións dos traballadores, porque teñen a intención de
mellorar a calidade dos contidos da Radio Galega” e a “corrixir
as eivas sinaladas, recuperar a información de proximidade,
respectar as doce horas de descanso entre xornadas e cubrir as prazas
de xubilados e prexubilados”.