Desde Europa Laica/ Galiza Laica queremos advertir do que nós consideramos unha serie de vulneracións das leis de ensino, no tocante á liberdade de escolla da materia de relixión, durante o tempo da aprendizaxe a distancia motivado polo Covid-19.
No decreto 105/2014 do 4 de setembro (DOG No171 9/ setembro de 2014) sobre o currículo de educación primaria, disposición adicional segunda sobre ensino de relixión, establécese que “pais/nais ou titores legais poidan manifestar a sua vontade de que o alumnado reciba ou non estes ensinos” no seu percurso educativo. Temos evidencias de que isto non se está a cumplir nin a garantir polo menos no 69% dos centros da provincia de Pontevedra. Somos conscientes de que, en moitos casos, as solucións das profesionais do ensino foron improvisadas pola premura e a gravidade da situación, chegando a solucións en moitos casos imaxinativas e eficientes, chegando a suplir funcións de planificación e de estructuración de contidos que, probabelmente, non lles corresponden.
O resultado desta improvisación e falta de planificación de parte das autoridades competentes no ensino, traduciuse nunha casuística enorme de invasión de contidos de relixión católica no medio das tarefas habituais enviadas ás casas do alumnado, sen ter en conta as diferentes sensibilidades, crenzas, cultos ou preferencias das familias. Estes contidos confesionais chegan de maneira totalmente aberta e sen nengún tipo de filtro ao interior dos fogares, producindo unha grave discriminación e perxuizo a amplos sectores da poboación que ven vulnerados os seus dereitos.
É chegado o momento de colocarmos este problema no foco de cara ao final do curso e (moi previsíbelmente) no comezo do que ven. Através deste comunicado queremos facer pública a denuncia que esta entidade acaba de realizar perante as autoridades educativas, visando a elaboración de ferramentas informáticas seguras por parte da consellería de ensino da Xunta de Galiza que consigan garantir os dereitos das alunas e alunos nun ámbito tan sensibel como este. Até o dia de hoxe non temos nengún tipo de resposta.
Unha sociedade plural, e unhas institucións que se din de toda a cidadania, non poden privilexiar unhas crenzas determinadas por riba doutras ou da ausencia de crenzas. Quereríamos saber o que acontecería se eses contidos en aberto fosen con pasaxes do Corán ou de calquera outra confesión relixiosa.
Encoraxamos a todas as persoas conscientes desta problemática para mudar a situación no seu ámbito concreto, a comezar pola comunidade educativa, ANPAS, sindicatos do ensino, asociacións e partidos políticos.
Por unha escola laica e inclusiva!