Os principais países de fala portuguesa estarán no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Depósito auga Lusofonía A Nova Peneira

Autoridades de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde e São Tomé debaterán sobre o papel dos municipios no desenvolvemento

O encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación celebrarase os días 12 e 13 de novembro en Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia

Pontevedra, 31 de outubro de 2019

Representantes de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou São Tomé e Príncipe participarán os días 12 e 13 de novembro no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza estas xornadas co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU. O encontro celebrarase na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse no correo comunicacion@fondogalego.org.

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía abrirase ás 10 horas cun discurso da alcaldesa de Boane, María Cupane, como voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. O primeiro debate da xornada xirará arredor da implementación dos ODS no eido local e contará con membros das asociacións de municipios de distintos países, entre eles o que fora ministro brasileiro Edinho Silva. Representantes de concellos galegos como San Sadurniño e As Pontes estarán na mesa de boas prácticas a partir das 15.30 horas.

A segunda xornada do encontro dará a coñecer a partir das 9.30 horas as experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa, coa intervención entre outras de entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, CETMAR, CEIDA ou Cooperación Galega. Na seguinte sesión as alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona exemplificaranse con casos actuais coma os do Concello de Ames, a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa ou a Rede Intermunicipal de Cooperação ao Desenvolvimento, de Portugal. O encontro pecharase cos primeiros pasos para a creación dunha Rede de autoridades locais da Lusofonía polos ODS e coa declaración ‘Solidariedade alén da lingua’.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.