A frente nacionalista reclama unha Tarifa Eléctrica Galega e unha mudanza de modelo de produción enerxética para colocala ao servizo da Galiza.

Madrid, 27 de setembro de 2026.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou esta mañá nunha acción simbólica no encoro do Tambre en contra do espolio enerxético na Galiza sob o eslogan: “Galiza produce, Madrid consume, Tarifa galega”, e onde alertou “da sobre explotación enerxética dos nosos ríos, dos nosos montes e o próximo será a nosa costa coa eólica mariña”.

Rego defendeu unha política enerxética diferente, que prime a produción a menor escala e con menor impacto ambiental, evitando as grandes liñas de evacuación e favorecendo o autoconsumo e a articulación de mecanismos de compensación social e avogou pola creación dunha Tarifa Eléctrica Galega. Demandou unha moratoria na enerxía eólica mariña e a rectificación das políticas de apoio á minaría que teñen un impacto ambiental brutal, a paralizacións dos proxectos eólicos e a finalizacións das concesións hidráulicas así como a paralización dos macro proxectos de centrais de bombeo.

Néstor Rego criticou a saturación de centrais hidroeléctricas e encoros, tanto nas concas de xestión estatal como as que pertencen á Xunta. “Temos denunciado de forma constante a proliferación sen control de macroproxecctos de centrais hidroeléctricas de bombeo ou reversíbeis. Proxectos impulsados polas grandes empresas enerxéticas que a conta da explotación dos nosos recursos incrementan os seus beneficios sen compensar nin deixar beneficios”.

“Galiza está a cumprir a función de colonia, de ‘zona de sacrificio’, como se di agora, afirmou Néstor Rego que sinalou que “vai sendo hora de terminar con este tipo de políticas poñendo fin ás concesións, moitas delas están a punto de caducar, para que revertan ao público e se poida facer unha política enerxética desde e para Galiza cunha planificación racional e que os seu beneficios redunden nos galegos e nas galegas ”. Nese sentido, defendeu a transferencia da xestións das bacías en mans do Estado (Miño-Sil e Douro) para unha xestión descentralizada.

Galiza presa dun modelo de explotación colonial e sometido aos intereses das grandes eléctricas

Deixou claro que estamos a favor da necesidade de avanzar na descarbonización e na produción de enerxías limpas mais non “pode converterse nunha política de espolio dos nosos recursos como está a suceder coa eólica (con máis de 300 proxectos en curso), coa eólica mariña e coa minaría. Existe un boom de proxectos de centrais de bombeo, de parques eólicos fragmentados en dous para sortear os trámites medioambientais, de proxectos de eólica mariña e de minaría como Doade incluída na estratexia da UE de terras raras e de obtención de materias primas críticas para rearmamento e a industria militar”.

O deputado do BNG subliñou que Galiza “cumpre xa cos obxectivos marcados pola UE para 2030 no ámbito da produción de fontes renovábeis. Enviamos para fóra 40% da electricidade que xeramos. A maior parte vai para cubrir as necesidades de Madrid”. Rego advertiu que o incremento da produción de enerxía non se pode centrar nun único territorio e que a Galiza xa contribúe sobradamente aos obxectivos de descarbonización. “Non é xusto que continuemos cun modelo de explotación colonial dos nosos recursos e sometido aos intereses das grandes empresas”.