Mondariz e o compás en tempo de expectativa

Concello Mondariz Nova Peneira

Hai veces en que os concellos semellan orquestras afinando no medio do ruído. Cada instrumento entra a destempo, ensaiando por separado, co director ausente ou discutido. Mondariz está nese momento: un intre pre-político onde se alternan silencios longos, notas agudas e harmonías que non chegan a callar. A sinfonía está escrita a catro mans: o PP gobernando, o BNG reclamando rumbo, o PSOE reaparecendo e Alternativa por Mondariz defendendo unha partitura que nunca rematou de compoñer.

Aquí, o que se xoga é unha obra coral: a recuperación económica do Concello, a depuradora, o polígono que avanza entre promesas e reproches, e a relación coa vila irmá de Mondariz-Balneario. Por iso, neste intre político tan delicado, escoitar as voces principais resulta fundamental para entender a dirección que pode tomar a peza nos vindeiros dous anos. Esta crónica é a partitura dese ensaio colectivo. E como en toda orquestra, hai quen entra a tempo, quen desafina, e quen, aínda que non queira recoñecelo, decidiu abandonar o atril no medio do movemento.

A política municipal de Mondariz viviu un punto de inflexión en 2023. Alternativa por Mondariz, forza máis votada nas eleccións, viu como o seu alcalde, Xoán Carlos Montes Bugarín “Calis”, dimitía despois de que os seus orzamentos fosen emendados pola oposición. Calis mantivo o control das actas, e o PP, liderado por Pablo Barcia, accedeu ao goberno municipal sen contar con maioría.

No medio desta tensión institucional, agroman problemas estruturais que afectan directamente á cidadanía: a falta de pediatra no centro de saúde, os longos prazos para pagar a provedores ou a necesidade de cooperación real con Mondariz-Balneario. 

Nun contexto coma este, non abonda con xestionar; cómpre liderar. E os vindeiros meses serán determinantes para saber quen é quen: quen sabe escoitar á veciñanza, quen ofrece proxecto e quen improvisa.

Catro mans, unha sinfonía.

O actual alcalde, Pablo Barcia, accedeu ao poder tras a dimisión en bloque de AporM. Sen socios nin pactos, enceta unha xestión de supervivencia.

Mais por debaixo do ton tecnocrático, Barcia evita calquera autocrítica sobre a situación institucional que lle permitiu acceder á alcaldía. Nin unha palabra sobre a falta de maioría, nin sobre as tensións coas forzas progresistas. O seu discurso aposta por unha xestión centrada na contabilidade e nos expedientes técnicos, pero carece dun relato.

Nun contexto onde a esquerda se reorganiza, o PP de Mondariz actúa como un goberno en tránsito e sen proxecto político claro. A veracidade dos seus “froitos” de final de mandato dependerá, máis que das cifras, da súa capacidade para dialogar cunha veciñanza que non o elixiu como primeira opción.

Por outra banda, para o BNG, o actual estado do Concello é froito da fuxida da responsabilidade por parte de AporM e da incapacidade do PP para ofrecer alternativas reais. Xosé Emilio Barros asegura que Mondariz se atopa “na precariedade e sen rumbo”, tras o que considera “unha cesión política inxustificable”.

Barros defende que o BNG foi quen deseñou a primeira folla de ruta para o chan industrial, agora paralizado, e que esa parálise só se pode romper cun novo liderado. Fronte ao discurso tecnocrático do PP, o Bloque propón unha visión estratéxica: mancomunar servizos, reforzar a cooperación comarcal, e recuperar a planificación con horizonte social. “O BNG é a única forza con proxecto estruturado para Mondariz”, insiste.

O BNG tamén avanza na súa renovación: Alba Sanjurjo toma agora a coordinación local, co obxectivo de reforzar o contacto coa base social e de cara a 2027, formar unha candidatura unitaria e solvente.

A súa estratexia non é improvisada. O Bloque fala de futuro, pero tamén de pasado recente. Onde outros viron parálise, eles lembran que deixaron proxectos listos para executar. O problema non foi de soños, senón de que se apagou a vontade de tocalos.

Despois atopamos as Violeta Lois, a cara nova do PSOE en Mondariz. Da man do tecido veciñal, decidiu dar o paso á política institucional.

Lois aposta por recuperar o proxecto compartido con BNG: o parque empresarial na Lagoa, pensado non para atraer industrias alleas, senón para consolidar o tecido local. Tamén defende unha solución realista para a depuración das augas: conexión ao colector, respecto ambiental e diálogo institucional.

Sobre Calis e AporM, non dubida: “Foi unha fraude electoral. Dimitiu por negarse a mover un 5% do orzamento cara a servizos sociais. É surrealista.”

Frontal, pero próxima, Lois constrúe un perfil en crecemento, sen personalismos nin cálculo. Non promete revolucións, pero cre na política como ferramenta útil, especialmente no rural, onde asegura que o Concello debe ser motor. A súa mensaxe final é significativa: “Os veciños téñenme para o que necesiten”. Un ton que busca recuperar a conexión directa coa cidadanía perdida durante o colapso político de 2023.

Por último temos a Calis, a voz de Calis segue presente, mais ten un certo eco. O líder de Alternativa por Mondariz xustifica a súa dimisión na “chantaxe” que , segundo el, lle fixeron BNG e PSOE ao emendar os seus orzamentos. Non acepta que a súa renuncia deixase a porta aberta ao PP. Ao contrario, culpa os demais de facer “pinza” para deslexitimar á forza máis votada.

Ese foi o verdadeiro xiro dramático da sinfonía: cando quen dirixía abandonou o atril antes de tempo.

Mantén que AporM presentará candidatura en 2027, e que está dispoñible para encabezar. A súa voz mestúrase agora cun certo ton de descrédito, mesmo entre sectores que o apoiaron. Non por non ter razón nalgunhas denuncias, senón por non estar á altura da responsabilidade cando tocaba decidir.

Calis fala de “tempo perdido”. Mais ese tempo non se perdeu: desperdiciouse. E boa parte desa responsabilidade perténcelle.

Conflitividades: orzamentos, depuradora, polígono.

Tres temas obsesionan hoxe a política municipal de Mondariz: os orzamentos, a depuradora e o polígono industrial. Ningún deles é novo, pero todos quedaron encallados no último ciclo político.

O Concello continúa sen presupostos aprobados desde o inicio da lexislatura. A versión oficial do PP apunta á baixa da secretaría municipal como freo técnico, pero a oposición insiste en que non hai vontade política para negociar. O BNG fala de parálise; o PSOE, de falta de xestión; e AporM, de bloqueos interesados.

A depuradora municipal esixe unha solución urxente. A opción de conectar co sistema de Mondariz-Balneario é viable, pero require cooperación institucional, algo que escasea. Barcia fala con prudencia; o BNG propón mancomunar servizos; o PSOE pide acordos inmediatos; AporM apunta a modelos ecolóxicos descentralizados.

En canto ao polígono, o debate xa non é só sobre localización. O proxecto conta co apoio da Xunta, pero existe división sobre onde, como e para quen debe ser deseñado.

O compás regresa ao inicio.

E así, volvemos ao principio: á orquestra que ensaia, pero aínda non toca. Cada líder político afinou a súa voz nestas entrevistas. Hai vontade nalgunhas mans, teimosía noutras.

O PP ensaia en solitario. O BNG recompón a harmonía perdida. O PSOE busca unha nova entrada. E AporM… AporM aínda revisa as follas do movemento anterior, preguntándose onde perdeu o ritmo.

En Mondariz, como en toda boa sinfonía, non abonda con entrar a tempo: cómpre saber parar, escoitar, e volver cando toque. A política non é un solo de prestixio, senón unha obra compartida. E iso require método e un proxecto colectivo. Se esa esquerda que agora está dividida é quen de volver a sintonizar, quizais o próximo movemento sexa aplaudido.

Ata entón, Mondariz segue no compás de espera.

É certo que foi elixido alcalde tras a renuncia de todos os concelleiros de APORM e sen máis apoios externos  . Como valora ese proceso?

Coma un acto de covardía diante da situación económica do concello. Calis di que se lle prestou apoio de ningún tipo e si que se lle foron aprobando cousas. Non é unha persoa de fiar, de aí que non acadara ningún aliado.

Comentou que Mondariz está sen presupostos anteriores; que solución inmediata ten para a situación económica do Concello? Comezando pola aprobación duns orzamentos…

A intención era e é aprobalos. A secretaría estivo de baixa moito tempo e iso paralizou todo. A intención é comezar 2026 con orzamentos novos xa que temos deficiencias moi importantes nalgunhas partidas. Non houbo bo facer anteriormente e por iso estamos reducindo gastos nalgunhas partidas que tiñan, por dicilo da forma máis amable posible, prezos viciados. Aí xa imos acadando algún aforro. Aí e nalgunhas outras cousas coma o camión do lixo onde aforramos un bo montante grazas á colaboración da Xunta.

Téñense moi presentes as críticas sobre as pistas de pádel que promoveu como empresario e polas que ten un expediente aberto na APLU. Como responde a isto?

É algo persoal pero só direi que está en fase de legalización, que nesa fase estou á espera como calquera cidadán e por tanto tardará un, dous os tres anos, e que teño a conciencia moi tranquila.

Todo isto forma parte dunha xogada política que algúns terán que explicar.

Como imos co tema do polígono industrial en Mondariz?

Estamos aí, cos primeiros pasos aprobados pola Xunta, aínda que isto todo vai tardar un pouco por culpa de que AporM paralizou no seu momento todo un proceso que estamos a retomar. Esperamos que en cinco ou seis anos isto estea na súa máxima expresión, aínda que a Xunta de Galicia se comprometeu a que en dous ou tres anos xa teñamos as primeiras industrias instaladas.

Todo isto ademais virá reforzado por ser un Proxecto de Interese Autonómico.

Cal é o seu plan para resolver o problema da depuradora municipal?

Estamos a traballar con Augas de Galicia para que nos boten unha man financeiramente ou ben para conectarnos a Balneario ou ben para a construción dunha depuradora propia.

Que relación se debe ter con Mondariz-Balneario?

Ten que ser excelente. Somos dependentes e temos que ter servizos en conxunto. A relación é boa.

Cales son as posicións persoais e colectivas de cara ás eleccións do 2027?

Esperamos demostrarlle aos veciños nos dous anos de goberno, a nosa valía e a nosa capacidade para a resolución de problemas. Temos, se nos deixan, marxe para demostralo. A finais deste ano comezaremos a ver os froitos da nosa xestión e esperemos que o día do exame, alá por maio do 27, aprobemos. Temos capacidade sobrada para iso.

Xosé Emilio Barros alcalde de Mondariz

Cal é a valoración actual da saúde económica do Concello e a súa opinión sobre intervención ou pagos a longo prazo?

É unha situación moi particular, moi peculiar despois da fuxida dun goberno municipal e dunha formación política que se di de esquerdas pero que en definitiva o que fixo foi provocar a chegada do Partido Popular ao goberno de Mondariz.

Neste senso tanto AporM como o PP o que veñen amosando é falta de folla de ruta para a localidade.

Uns que fuxen e outros que son incapaces. O concello mantense na precariedade e sen rumbo algún.

Que proposta ten o BNG respecto ao polígono industrial e o desenvolvemento económico?

O Bloque nacionalista galego si ten proxecto político e demostrouno durante o seu goberno. Demostrou que si existía unha folla de ruta e aí contemplou o chan empresarial, un fito histórico e que se acadou grazas ao goberno do BNG. Hoxe está paralizado e nin AporM nin Partido Popular foron quen de botarlle man. Estamos na parálise absoluta.

Como valora toda a polémica relacionada coas pistas de Pádel que rodea ao alcalde?

Onde haxa unha ilegalidade, aí estará o BNG denunciando. Este caso e moitos outros.

Cal debería ser a relación con Mondariz-Balneario?

Esa relación é outra débeda pendente. O concello de Mondariz vai precisar mancomunar servizos para manter unha calidade mínima. Pero xa non só con Mondariz-Balneario senón a nivel comarcal.

Que sentido ten que para a recollida de lixo en Mondariz, os camións teñan que pasar por Mondariz-Balneario?

O problema é que os partidos de dereitas, PP e AporM, non teñen vontade de explorar esa mancomunidade que tanta falta fai.

Pero o primeiro de todo, esa relación con Balneario sería a de colectivizar servizos. Respecto doutras cousas, o futuro irá dirimindo.

Debería o BNG no futuro pactar para formar maiorías? Onde está o límite deses pactos?

Hai que poñer enriba da mesa programas e proxectos. E en Mondariz os gobernos do PP e AporM carecen de proxecto e de programa. Gobernar por gobernar, sen unha liña de traballo definida,non.

Pero finalmente, será a cidadanía quen marque a liña de traballo.

A súa acusación contra Calis foi clara, acusándoo de entregar o Concello ao PP e de manter actas para recuperar poder. Está esa valoración aínda en pé?

Por suposto. O Partido popular foi a segunda lista máis votada. A primeira foi AporM con cinco concelleiros. Esa renuncia masiva mantendo as actas e bloqueando o posible corremento desa lista é o que leva ao PP ao goberno.

O PP está no goberno de Mondariz porque Calis lle entregou o goberno, si.

Agora dirixe oficialmente Alba Sanjurjo. Cal é o proxecto que ela defende e como prevé a renovación do BNG en Mondariz?

Pois unha liña de continuidade do BNG para Mondariz. O BNG conformámolo moitos compañeiros e compañeiras. Temos modulado un proxecto e a nova responsable local segue nesa liña. É máis necesario que nunca porque só o BNG é quen de encetar un proxecto e un rumbo definido.

Cal é o seu futuro persoal respecto ao político no concello de Mondariz?

Pois regresei á miña vida profesional e neste momento ocupo unha segunda liña.

Dei un paso a un lado, pero só iso. O que si se fai evidente é que se fai imprescindible que o BNG retome o goberno.

Por que decidiu presentarse?

Levaba moito tempo colaborando, gústame o contacto coa xente e resolver problemas. Eu xa estaba na Asociación de veciños e viñeron falar comigo para entrar na agrupación local. Foi por iso que dei o paso para crear un equipo e un proxecto para traballar por Mondariz, onde aposto polo rural. É a miña primeira vez, síntome apoiada e imos aprendendo con iniciativas. O PSOE esta traballando por un proxecto en común para Mondariz.

Como valora a evolución financeira de Mondariz e que papel se quere xogar desde o PSOE?

Dramatizouse a situación económica. Alternativa trasladou datos que non son certos, dicindo había unha débeda que non era tal. A xestión de Alternativa foi un desastre retrasando pagos a provedores, que antes se facían en 15 días, ata chegar con Alternativa e co PP 120 días. Froito diso o Estado tivo que intervir. A situación non é tan mala como se intenta facer ver, de feito hai 500.000 € de remanente que axudarían a pagar débeda. Aumentouse o período de pago a provedores e non se sabe moi ben por que.

Cales deben ser as prioridades no que respecta á depuradora municipal?

No se sabe moi ben cales son as negociacións con Balneario. A prioridade do goberno debe ser ter un saneamento, engancharse ao colector e que a contaminación do río Tea sexa mínima. A prioridade de todos os partidos debe ser chegar a un acordo para alcanzar unha depuración de augas o máis respectuosa co medio  e que dea mellor servizo á veciñanza.

Cal é a posición do PSOE sobre o polígono industrial?

É algo que levamos no noso programa político. Cando estivemos no goberno co BNG, planeouse o polígono na Lagoa. As empresas de Mondariz necesitan expandirse. Non é un tema de que Mondariz teña un polígono industrial para que veñan de fóra, non. É un tema de consolidar e espallar o tecido industrial en Mondariz. Incluso máis que polígono industrial, eu falaría de parque empresarial. A Lagoa ten boas conexións e incluso permitiría espazos de ocio. Se xa o temos aprobado na Lagoa, non podemos andar a cambiar porque iso significaría aumentar os tempos e perder os cartos. Non nos podemos permitir retrasar todo porque estariamos a perder facilmente vinte anos. Estarmos movendo a localización do polígono a onde lle guste a cadaquén non é un bo plan. O interese xeral de Mondariz debe estar por diante.

Como valora todo o acontecido co goberno de Calis?

É un caso insólito. Unha fraude electoral. É unha fraude electoral que ti dimitas porque se emendan una orzamentos despois de pasarte catro anos deslexitimando ao goberno do BNG e PSOE.

É totalmente unha fraude porque ademais non queren falar. Todo por non querer mover un cinco por cento do orzamento. Pois a súa resposta foi retirar o orzamento e marchar. Só por querer trasladar unha partida a servizos sociais. É todo surrealista. Bloqueando todo, incluso ao seu propio no partido. Foi unha fraude. Calis e AporM son unha fraude electoral.

Como valora este ano de goberno do PP?

Van camiño dun ano de goberno e o certo é que non hai orzamento, non hai plan de saneamento, non aclaran o tema económico. Teñen que empezar a dar respostas, teñen que comezar a gobernar. E se son incapaces, que é o que parece, que o señor alcalde non se presente ás eleccións do 2027.

Cal e o seu futuro persoal, politicamente falando, de cara ás eleccións do 2027?

Eu estou para o partido. Fun elixida secretaría xeral outra vez e se o partido quere que siga, adiante. E eu farei equipo. Os veciños téñenme para o que necesiten. Dito o cal quero sinalar antes de rematar a entrevista o meu respecto ao compañeiro Xosé Emilio, que deixou a corporación. Dame moita mágoa a súa marcha e quero dicir que sempre me sentín moi arroupada por un compañeiro co que no seu día, conformamos un goberno digno.

Calis

Falamos dun mandato que comezou con vostede de alcalde e agora levou ao que o Partido Popular teña nas súas mans o goberno do concello de Mondariz?

Creo que hai que cualificalo de tempo perdido. Non se respectou a vontade das urnas e iso foi o que nos obrigou a dimitir. O goberno actual non ten folla de ruta e ademais de estar retrasando os avances, malamente é quen de xestionar o día a día.

Cal é o motivo da súa dimisión?

O bloqueo constante da oposición. Intentamos negociar e presentar un borrador de orzamentos para cadrar as contas e todo iso foi bloqueado. Eles tiñan as máxima de que 6 era máis que 5 e votaban en contra incluso naquelas cousas máis elementais. Nós non iamos aceptar chantaxes, como co tema do polígono industrial…

Xa que saca ese tema, cal é a súa posición respecto á creación dun polígono industrial? Porque parece que a Xunta si lle deu para adiante ao tema…

Iso foi froito dunha modificación puntual pola porta de atrás. Si, está aprobado inicialmente pola Xunta, pero esperamos que non se chegue a desenvolver porque ese non é o sitio e os veciños non o queren. Podemos atopar solucións mellores. 

Por que non se deixou correr a lista e que outros compañeiros asumisen responsabilidades?

Puxen enriba da mesa a posibilidade de que se eu era un estorbo, marchaba. Pero o grupo entendeu que non era cuestión de persoas senón dunha chantaxe política que se lle estaba a facer a AporM.

O PSOE acúsao de fraude electoral?

Son eles é o BNG os que se aliaron co PP para facer unha pinza contra as lista electoral máis votada. Fraude sería que nós fixeramos traizón aos nosos votantes.

É vostede demasiado personalista, politicamente falando? Hai que o acusa diso.

Non entendo aos grupos políticos que estaban na oposición, de verdade o digo. Estando eu na alcaldía había unha mesa de negociación á que foron dúas concelleiras do meu grupo. Pois ben, o BNG é PSOE negáronse a negociar porque non aceptaban “interlocutores”. Por unha banda din que son personalista, pero por outra tiña que estar sempre eu. Todos os grupos teñen un cabeza de lista, pero en AporM non houbo nin hai personalismos na toma de decisións.

Como cre que se debe afrontar o problema da depuradora, clave para cumprir con normativa ambiental?

Hai que darlle solución dunha vez por todas. Non está ao 100% da súa capacidade. Creo que se debe ir cara outro modelo de depuración para darlle solución ás parroquias. Primeiro por custo e segundo por modelo ecolóxico. Deámoslle aos problemas solucións concretas.

Como valora a situación financeira do Concello?

É unha situación moi preocupante. O orzamento está esgotado e non se toman medidas fiscais para paliar o déficit. Abandonamos o goberno por ese motivo.

Agora pregúntaslle ao PP e todo é darlle á pelota para adiante. As consecuencias de todo isto non pintan ben.

Pero agora ao PP, PSOE e BNG xa non lles preocupa.

Hai ben pouco tiráronlle unha foto co ministro Ernest Urtasun. Qué relación ten co espazo político Sumar?

Sintonizo con ideas e formas de Sumar, pero AporM é un partido veciñal sen seguidismo de siglas e que continuará mantendo a súa independencia.

Cal é o seu futuro persoal, politicamente falando, de cara ás eleccións do ano 2027?

A intención é seguir traballando. Hai cinco concelleiros, moitos votos detrás e moito traballo. AporM presentarase ás eleccións.

E vostede está aberto a encabezar?

Si, por suposto. Á disposición dos compañeiros.