O fútbol modesto encara o inicio dunha nova temporada coas dificultades habituais para conseguir o financiamento necesario, que lles permita pasar o ano coa tranquilidade necesaria para tratar de lograr os obxectivos deportivos que se propoñan
Un deses equipos é o da vila de As Neves que , como tantos outros, pode seguir existindo grazas o traballo voluntario, altruísta e incansable dalgún dos seus directivos. O seu presidente é Salvador, e desde hai anos decidiu levar a cabo unha política de canteira que permitira nutrir ao equipo con xogadores da propia localidade, o camiño máis adecuado para asegurar a súa continuidade no tempo. Nós falamos con el.
Salvador Pérez, presidente.
“Para asegurar a súa continuidade no tempo o equipo ten que estar formado por rapaces de As Neves, e debe de ter unha canteira moi sólida”
Como foi a temporada este ano?
Foi bastante boa. Houbo que pelexar moito, como todos os anos, pero o resultado global foi satisfactorio.
Algún equipo tivo resultados especialmente satisfactorios?
Si, os xuvenís foron campións da súa liga.
A vosa canteira é relativamente recente, verdade?
Si, montámola máis ou menos nos últimos cinco anos. Agora temos 6 equipos, algo que me produce unha enorme satisfacción.
Cantos xogadores e xogadoras practican fútbol con vós?
Arredor de 120.
Temos equipo feminino?
Non, non temos. Gustaríame moito pero nas Neves non hai nenas dabondo para formar un equipo. Temos algunhas nenas xogando pero fano en equipos mixtos.
Os maiores en que categoría competiron e en que posto remataron a liga?
Competimos en 3º autonómica. E faltounos nada para disputar a fase de ascenso. Quedamos de quintos empatados a puntos co 4º, o último que xogou a promoción, pero por peor diferencia de goles non fomos nós.
As Neves non ten potencial para ter un equipo en 2º autonómica?
Si, si que o ten. Pero ollo, se queremos ter perspectivas de continuidade no tempo, e cando digo de continuidade quero dicir a longo prazo, é necesario que o noso equipo estea formado maioritariamente por mozos de As Neves. Só se existe esa vinculación afectiva que dá ter nacido no propio pobo, poderemos asegurar que o equipo siga a existir. E nese sentido a min paréceme prioritario formar o equipo con rapaces do pobo que buscar calidade futbolística en persoas doutras localidades.
Esta temporada todos os xogadores foron de As Neves?
Practicamente todos.
Tes intención de seguir coa mesma política?
Si, absolutamente si. É a máis adecuada para poder garantir a nosa existencia.
E non é posible compatibilizar as dúas visións, ter maioritariamente xente de As Neves e tratar de ascender de categoría?
É que estamos niso. Nós queremos ascender de categoría pero con xogadores de As Neves e tendo unha canteira forte que permita fornecer ao primeiro equipo.
Que presuposto anual tendes?
Arredor de 40.000€
Como facedes para conseguir esa importante cantidade de cartos todos os anos?
É moi difícil, abofé que o é. Ás veces hai que facer pouco menos que maxia para podermos cubrir o orzamento. Vendemos lotaría, a cantina funciona moi ben… pero aínda así ás veces non chega, e teño que adiantar eu cartos…E logo están todos os patrocinadores sen cuxa axuda sería todo moito máis difícil e aos que quixera dar as grazas pola súa colaboración desde o máis profundo do meu corazón.
O Concello non vos dá unha subvención?
Si, e tamén é moi importante para nós. Pero apenas chega para cubrir o 20% do orzamento. A min gustaríame recibir algo máis por suposto, pero son consciente de que somos moitos a repartir e de que As Neves ten os recursos que ten.
Que tal son as relacións con este alcalde?
Con este e con todos os anteriores son moi boas. Tanto Emilio, como Xose como o actual alcalde sempre se portaron moi ben co club.
A relación da sociedade de As Neves co equipo é boa?
Aquí si que teño que dicir que me gustaría que fose mellor. É dificilísimo conseguir que as persoas se impliquen. Ás veces teño a sensación de que o temos que facer todo as persoas da directiva, e eu xa non son ningún rapaz e estou canso. Por outra parte o público non ven moito ao campo. Veñen os familiares dos xogadores e pouco máis. Incluso en ocasións hai problemas de comportamento do público cos árbitros, algo completamente inaceptable. Aos árbitros hai que respectalos e non se lles pode insultar en ningún caso.
Canto tempo levas como presidente?
Levo 15 anos. E estou moi canso. Gustaríame moito que aparecera alguén máis novo que se animara a continuar.
Cando non esteas como che gustaría deixar o equipo?
Un equipo sólido, solvente, formado por xente de As Neves e cunha canteira importante que permita asegurar a nosa continuidade no tempo.
A próxima temporada imos a pola segunda autonómica?
Imos tratar de ascender, desde logo que si.





