Óscar é un mozo de Taboexa, de formación informático, que se está a consolidar como novo referente do BNG local, despois da dimisión do anterior alcalde Xose Manuel Rodríguez. Aínda que é moi pronto para aseguralo todo apunta a que será o cabeza de cartel co que os nacionalistas tratarán de recuperar o goberno das Neves nas municipais do 27.Nós conversamos con el para ver como ven os nacionalistas a situación política desta localidade.
“ O PP vota en contra por sistema de calquera petición que fagamos con independencia de que poida traer beneficios para As Neves”
A última vez que falamos preguntárache como valorabas o proxecto político do PP en As Neves. Ti contestáchesme que O PP de As Neves carece do proxecto político, que se limita a ir xestionando o día a día como pode. Segues pensando mesmo?
Si, por desgraza si. O goberno non ten ningún tipo de proxecto. Non está pensando en converter As Neves en algo concreto, en que As Neves sexa vangarda ou que destaque en algún tipo de cuestión que nos faga ser un pouquiño distintos a outros concellos do arredor e, polo tanto, apetecibles para a xente que vive nas Neves, ou que poida querer vivir aquí. Sinxelamente xestionan o día a día como poden, e para iso mal.
O que fan e intentar conseguir algunha cousa que os seus amigos da Xunta agora dan e antes, co outro goberno, negaban.
Supoño que te refires, Óscar, ao caso de Setados pois nos oito anos que o BNG estivo gobernando As Neves, pediu un feixe de veces á concelleira Etel Vázquez que amañase este grave problema,e sempre vos dixeron que non. E poucos días despois de que o PP recuperara o goberno resulta que xa cambiou o conto e o que antes era non, agora esa mesma persoa di que si.
Si, o alcalde anunciou un par de días despois que xa resolvera o problema e finalmente, dous anos e medio despois, xa están as proxeccións feitas e agora está a licitación do proxecto.
De momento as obras non comezaron?
Non, está agora mesmo aberta desde a semana pasada, que nós mesmos fixemos unha reclamación en redes sociais, a licitación, para que puideran comezar as obras e se cumpra o prometido polo goberno de PP .Supoño que non tardará. Agora terán as empresas 20 días para presentar os seus proxectos e logo o tempo que tarden en resolver esa licitación. Isto estará acabado como moi pronto no verán do 2026.
Contemplas a posibilidade de que o estean atrasando voluntariamente para facer coincidir a súa inauguración coas municipais do 27?
Eu o que penso é que para o propio Partido Popular da Xunta, As Neves non é un Concello dos relevantes. Nin sequera desde o goberno do Concello teñen a forza para puxar para que saian adiante os proxectos importantes para As Neves.
En relación ao tema da xestión do dia a dia, Óscar, unha cosa que me chamou moitísimo a atención é a estafa que lle meten ao equipo de goberno de As Neves, creo recordar que foron oito mil €, pode ser?
Si, oito mil euros.
Absolutamente asombroso, indicativo de un desleixo e dunha desidia alucinantes. Como está esta cuestión agora?
Vale, a verdade que preguntamos no último pleno e o alcalde nos dixo que xa estaba o problema resolto.
Pero especificou que xa devolveran os cartos?
Non, dixo que o problema está resolto pero non especificou nada máis.
Óscar, vós manifestades nas vosas redes que o Partido Populardas Nevesestá en contra de mellorar os servizospara previr a violencia machista, isto a que se refire?
Isto refírese a unha moción que nós levamos a pleno e o Partido Popular votou en contra. Esa moción esencialmente centrábase na necesidade de mellorar os servizos como son os centros de información á muller. O do Condado Paradanta témolo en Ponteareas. Propoñemos melloralo cunha maior dotación persoal e de recursos. Esta foi un pouco a exposición dos motivos da moción e dos acordos que formulaban. Cada vez que hai unha moción ínstase á Xunta de Galicia a investir ou a mellorar estas cuestións da súa competencia. Ao Partido Popular, como é algo que se está reclamando desde fóra do seu partido, vota en contra por sistema. Sempre busca algún tipo de escusa e votan en contra de cuestións que son interesantes neste caso, para as veciñas da vila.
En relación a situación da conca do Río Xuliana cal é a vosa opinión?
Nós estivemos traballando durante os oito anos de goberno nese asunto.
No ano 23 tivemos unha xuntanza co presidente de Confederación Hidrográfica e fixemos un preacordo para avanzar neses traballos e facer unhas obras para unha depuradora.
Agora mesmo parece ser que o PP tamén está polo labor. Un día despois de que tiramos unha noticia na que denunciamos o mal funcionamento de esa depuradora saíu a nova de que están elaborando un proxecto e que teñen acordo con Augas de Galicia para facer aí unha depuradora. Isto non será inmediato pero entendemos que en algún momento pode chegar. Nós estamos a expectativa, e a ver como evolucionamos os acontecementos.
Como está a situación do Centro de Saúde da As Neves e como valoras a política sanitaria do goberno?
O centro de saúde de As Neves está moi mal, na mesma situación desde antes do verán, cando houbo diferentes reclamacións. Temos so un médico e outra e cunha redución de xornada, que está dentro do seu dereito, polo que só está tres días ó mes. Nas últimas conversas coa xente que forma parte da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública, dinnos que neste mes de decembro vai a haber só un médico.
O alcalde manifestou que este tema estaba resolto, pero non está nada resolto, segue igual de mal que antes de verán.
Canto os habitantes ten As Neves?
Case catro mil.
Tendes un médico só, e unha médica tres días ao mes para case 4 mil persoas?
Exactamente, antes había tres e así sae o ratio de mil e pico persoas por médico. Pero agora un médico para case 4 mil persoas non é asumible.
En relación a situación dos centrosde ensino que nos dio BNG?
Este ano sufríronse recortes, falta de profesores especialistas que un deles comezou a tres semanas de empezar as clases. Este tema quedou resolto pero segue a faltar un PT e parece que non vai a haber en todo o curso.
Hai algún problema de mantemento que se precisa no colexio público, pero non teñen dotación no concello para arranxalo.
Hai pouco tempo, dimitían do concello, Xosé Manuel Rodríguez o ex-alcalde e a concelleira Pilar Casas. Mudastes dous terzos do grupo municipal. Que tal te sentes coas novas compañeiras, Rocío e Alba?
Moi ben, Rocío xa formara parte do último goberno encabezado polo BNG como Concelleira de cultura, comunicación e mocidade. Alba é unha rapaza nova, moi válida e con moitas capacidades.
Óscar, queda pouco máis dun ano para as vindeiras eleccións do 27. Veste como candidato para a alcaldía?
Será o que decidan os compañeiros e compañeiras.
No caso de que os teus compañeiros e compañeiras depositen en ti a súa confianza, estás disposto?
Eu son un militante do BNG, teño ánimos e forza, quero moito ao meu pobo e estou ao dispor do que decida o conxunto da militancia. Cando chegue o momento xa se verá.
Que pulsión notas na xente nas rúas da vila e nas parroquiasque eu sei que es un tipo que patea moito, tanto do labor do gobernocomo do voso traballo?
Sobre o labor do goberno prometéronnos moito pero logo non fan nada. Ademais pensan que son xente desorganizada e con certo desinterese.
O que me transmite a veciñanza é que moitas das persoas que depositaron a súa confianza neles están arrepentidas de telo feito.
Pola nosa parte tratamos de facer unha oposición contundente pero construtiva. Contundente porque este goberno é un desastre. E construtiva porque é o noso deber ético para con a veciñanza das Neves. O BNG sempre vai ofrecer unha alternativa razoable á falta de modelo e de propostas do actual goberno.
O voso ex socio, ex psoe e agora concelleiro dunha agrupación de electores que tipo de traballo político fai, ao teu xuízo?
O traballo dese señor só tivo unha utilidade práctica concreta.
Cal?
Fixo unha reclamación xudicial que mantén paralizado un investimento de 800.000€ na PLISAN , que lle terían vido estupendamente ao noso concello.
Nada máis?
Non.
Ves verosímil que se poida ver cambio de goberno no 27?
Véxoo verosímil, no sentido de o PP chegou ao goberno por moi poucos votos. Ninguén contaba con isto, conseguiron sacarlle dous concelleiros ao PSOE e un ao BNG, pero agora mesmo vexo verosímil poder recuperar o goberno. Imos pelexar todo o que poidamos por acadalo. Queremos convencer á maioría social da cidadanía de que o proxecto do BNG é o máis atractivo para o pobo no seu conxunto.
