Breve Historia da Sociedade de Canteiros de Marín (1896-1936)

Ángel García Pazos Cambes
Celso Milleiro

A comezos do mes de maio de 1896 os canteiros de Marín declararon a folga aos patróns, aos que reclamaban unha rebaixa na xornada laboral. Días despois, tras unha dura negociación, acadaron un acordo fixando para ese ano 10 horas e medias de traballo ao día. Dous meses despois legalizaban unha sociedade de resistencia dando inicio ao movemento obreiro local.

Detrás desta auto-organización do estamento operario estaba a esquerda real do momento configurada por republicanos e socialistas, contando co apoio entusiasta dos seus correlixionarios de Pontevedra e da Federación Obreira da cidade.

En 1898 iniciaron outra folga de dous días conseguindo dos Patróns unha suba dun real no seu salario. O incremento na remuneración e a redución das horas de xornada foron os eixos nos que vai pivotar o traballo sindical ao longo da súa historia. Ademais, hai que engadirlle a solidariedade coa loita desenvolvida polos obreiros doutras localidades, con importantes aportes monetarios realizados para manter as duradeiras folgas.

En 1901 crea, xunto coas sociedades locais de Carpinteiros, Albaneis e Mariñeiros, a Federación Obreira de Marín e da que será o núcleo central durante toda a existencia deste organismo. Por esas datas a sociedade ingresou na Unión Xeral de Traballadores.

O primeiro Presidente do que se ten constancia foi Joaquín Rodríguez Peleteiro, que a dirixiu en 1897. Importantes cadros obreiros comandaron a sociedade ao longo da súa vida: Augusto Alfonso González “Xico”, Domingos Martínez Rufo, Ángel García Pazos “Cambés”, Teófilo Freitas Alves, Enrique Toucido Pazos “Chinguita” ou Manuel Riveiro.

Unha boa parte eran de orixe portuguesa, esta circunstancia ten unha explicación nos Congresos Obreiros Luso-Galaico celebrados ao comezo do século e da que a sociedade de canteiros de Marín tivo unha presencia destacada. Estes obreiros chegados do norte de Portugal, case todos eles de Perre (Viana do Castelo), viñeron traballar nas obras que se realizaban no porto de Marín. Moitos ficaron e actualmente a súa descendencia espállase polo termo municipal.

As folgas foron continuas entre canteiros e os patróns, sobre todo cos Mestres Canteiros que foron membros fundadores da sociedade. Esta conxuntura provocou unha crise ao redor de 1915. Ese ano creouse a Sociedade Xeral de Mestres de Obras de Construción e Propietarios de Marín, atopándose entre os seus membros o cofundador da sociedade de canteiros Joaquín Rodríguez Peleteiro.

En 1916 os operarios canteiros re-fundaron a sociedade imprimíndolle desde entón un carácter máis ideolóxico e de clase.

A última folga protagonizada polos canteiros aconteceu no mes de maio de 1936 ao non aceptar algúns patróns a xornada de 44 horas.

O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 levou consigo o asasinato por fusilamento, tras un consello de guerra (ilegal) por militares sublevados, do seu Presidente Santiago Ramos Ramos o 31 de decembro. A súa figura máis emblemática, Augusto Afonso Gonçalves “Xico”, sería fusilado pola mesma razón o 14 de setembro de 1937.

A Sociedade foi ilegalizada en 1936 e os seus bens foron incautados polas autoridades fascistas en novembro de 1939.