AFAMO abre en febreiro nova dede en Bueu co apoio do Concello

AFAMO abre en febreiro nova dede en Bueu co apoio do Concello
  • Os servizos da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo estarán dispoñibles nunhas semanas na Casa da Aldea de Meiro, nun local cedido polo Concello de Bueu
  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta o compromiso do Concello de Bueu, pois “é importante que o gran traballo social de AFAMO conte co apoio das institucións públicas”

Bueu, a 21 de xaneiro de 2022

No programa de apoio ás iniciativas e entidades sociais, o Concello de Bueu cederá un espazo na Casa da Aldea de Meiro para que sexa utilizado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo (AFAMO). Precisamente, este venres foi presentado o servizo en rolda de prensa da man de Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, e Fina Cancelas e Martina Ferradás, presidenta e coordinadora de AFAMO respectivamente.

AFAMO constitúe a única entidade de referencia no eido das demencias da comarca do Morrazo que ofrece unha resposta integral a través do desenvolvemento de programas específicos de intervención coas persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas, coas súas familias e coa comunidade en xeral. Tal e como salientou o alcalde, “é importante que o gran traballo social de AFAMO conte co apoio das institucións públicas, e por iso contan co compromiso do Concello de Bueu”.

Así, na sede da Casa da Aldea de Meiro, que comezará a funcionar a partir de febreiro, habilitaranse servizos para as persoas afectadas, a través da unidade terapéutica de demencias, que consiste na realización de actividades específicas e individualizadas destinadas a persoas con deterioro cognitivo ou afectadas dunha demencia máis leve e que ten como fin rehabilitar ou enlentecer a progresión do deterioro das capacidades cognitivas, físicas e sensoriais. As familias serán outro dos eixos fundamentais de atención da entidade, que conta cun programa de apoio psicolóxico á persoa coidadora, con posibilidade de atención presencial nos domicilios ou telefónica, un programa de asesoramento e orientación ás familias, outro de acompañamento na enfermidade ás familias dende o inicio da enfermidade, e un programa de formación especializada. A comunidade será o terceiro eixo, e a entidade ofrecerá propostas relacionadas co envellecemento activo ou un servizo telefónico de atención permanente, entre outras. Tal e como apuntou Fina Cancelas, presidenta do colectivo, “esta sede permitirá ofrecer os nosos servizos á cidadanía de Bueu, da que temos moita demanda dende hai anos”, e salientou que “o espazo ofrece moitas posibilidades ao estar nun ambiente con presenza da natureza, e no que se cumpren todas as medidas de mobilidade e accesibilidade que son prioritarias para nós”.

Esta nova sede abrirá de luns a venres polas mañás (de 10.00 a 13.00 horas) para desenvolver os traballos coas persoas usuarias, ás que lles realizará un estudo previo para coñecer o seu estado, e os martes e xoves tamén en horario de tarde para as charlas formativas e os talleres de envellecemento activo. As persoas que queiran participar nos diversos programas deberán contactar con AFAMO ou co Departamento de Benestar Social do Concello de Bueu.

Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo (AFAMO)

Afamo botou a andar no ano 2000 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por unha demencia e as súas familias. Coas súas múltiples actividades, buscan contribuír ao benestar das persoas afectadas de demencia e das súas familias, a través dunha atención integral e especializada, promovendo o envellecemento activo e a prevención, proporcionando recursos e servizos que respondan ás súas necesidades buscando unha maior implicación da sociedade.

Actualmente prestan servizo a máis de cen persoas usuarias dos concellos de Cangas, Moaña, Bueu e Vilaboa.