A AVV de Santa Mariña de Ribeira en Crecente mobilízase pola mobilidade

AVV de Santa Mariña de Ribeira en Crecente

O rural galego, todo o rural pero en especial o do interior do país, ten problemas moi serios que dificultan substancialmente as posibilidades para desenvolver un proxecto vital nas nosas aldeas. Así pois: carecen dos servizos necesarios, non hai oportunidades laborais suficientes, e o transporte público é moi deficiente co que se non se dispón de coche, poder facer algo tan básico como ir ao médico ou a mercar alimentos ás veces convértese nunha odisea comparable á de Ulises na súa viaxe de regreso a Ítaca.

Neste medio de comunicación temos defendido en innumerables ocasións que a mellor maneira de combater as inxustizas está na forza imparable da sociedade civil organizada. Así o entenden tamén desde a AVV de Santa Mariña de Ribeira en Crecente. Eles deseñaron un ambicioso plan de mobilidade para os distintos núcleos de poboación das 5 localidades que compoñen a súa área de influencia:( Crecente, A Cañiza, Arbo, As Neves e a portuguesa Melgaço) . Este plan rigoroso e serio do que incluso teñen contemplado o seu custe económico, e cuxa posta en funcionamento xeraría 3 postos de traballo estables, resolvería o grave problema de mobilidade dunha área xeográfica de arredor de 21.000 habitantes( sobre 14.000 do lado galego e sobre 7.000 do portugués).Despois de ter presentado o plan ás 5 alcaldías foron os portugueses os que amosaron unha mellor predisposición a poñelo en práctica, de feito están pendentes de presentalo como un proxecto de Eurocidade para poder obter o necesario financiamento. Do lado galego o alcalde da Cañiza, o socialista Luis Piña amosouse tamén receptivo. E no que respecta ás 3 alcaldías do PP: o das Neves foi o único que non se o pechou. Da posición dos alcaldes de Arbo e Crecente pois en fin….o esperable.

Estaremos atentos a ver como se desenvolve este asunto. Nós conversamos con Pablo, o presidente da AVV

Pablo Weimar, presidente da AVV .

O proxecto de mobilidade ten que saír:Hai unha necesidade real, e é economicamente viable”

Pablo, cando e por que chegas á asociación de veciños/as?

A asociación de veciños/as estaba dada de alta pero non tiña funcionamento e a Festa de Santa María de Ribeira facía dous anos que non se organizaba por falta de comisión.

Son antigas estas festas?

Si, son festas históricas do pobo desde sempre.

Para que a festa non se perdese montamos unha comisión, eu estaba de presidente e organizamos a festa. Despois de celebrar a festa decidimos organizar unha asemblea de socios da asociación de veciños, eran 13 persoas e nesa asemblea decidimos cambiar a xunta directiva e entramos nós quedando eu presidente .

De que ano estamos a falar?

É recente, de xullo deste ano 2024.

Ti es un uruguaio, canto tempo levas en Galicia?

En Galicia levo 23 anos. Ao principio vivín en Vigo e en Pontevedra pero a miña parella é de Crecente, sempre viñamos aquí as fins de semana e cando tiñamos que marchar os domingos custábanos unha chea, estabamos moi a gusto e decidimos trasladarnos aquí polo que mercamos unha casa hai catro anos.

Cales son os principais problemas para poder vivir no rural?

Penso que o principal problema é a mobilidade, se non tes mobilidade non te podes desprazar para traballar nin ir ao médico.

Crecente ten os servizos necesarios para poder facer vida aquí?

Temos supermercado, colexio e centro de saúde pero está todo no centro. Crecente ten 11 parroquias moi distanciadas e a maioría é xente de avanzada idade que non dispón de vehículo propio para poder acceder a estes servizos. E a xente que dispón dun só vehículo por familia tamén ten problemas porque se un leva o coche para traballar a outra persoa queda encerrada na casa sen posibilidade de transporte, estas familias están a valorar marcharse para Vigo porque aquí, aínda que teñen vivenda non poden facer vida.

Ti empezas a observar que hai problemas serios para poder desenvolver a vida no pobo, entre outras cousas porque a mobilidade é limitada e moi reducida, polo que deseñas un plan de mobilidade para conectar todos os núcleos de poboación de A Cañiza, As Neves, Arbo, Crecente e tamén a vila portuguesa de Melgaço.

Si, moita xente tiña a idea pero non había un plan que é o que eu desenvolvo.

Como se che deu por algo tan complexo, pero tan necesario?

Son unha persoa que sempre lle está dando voltas á cabeza para tratar de solucionar problemas.

Cando empezamos na asociación tentamos solucionar este problema e desenrolei un plan de servizo de microbús que conectase Crecente coa Cañiza, que é onde temos o servizos de media distancia, con Vigo e Ourense, a outra liña sería Crecente-Arbo que tamén conecta co servizo Vigo-Ourense. Con esta idea decidimos dar o paso e falamos cos alcaldes destas localidades para ter un plan viable para poder facer vida nestes concellos e á súa vez unha economía circular para o beneficio de todos. Ao principio o alcalde de Crecente dicía que non era viable porque era un transporte publico pero non é así, ao facelo a través da asociación como proxecto de obra social onde os usuarios teñen que ser socios da asociación de calquera dos concellos que entran no plan. A idea orixinal implicaba aos concellos de Arbo, A Cañiza e Crecente.

Entón a primeira posición do alcalde de Crecente foi negativa?

Si, porque era un tema de transporte público, pero ao ser un tema de obra social a través da asociación si é posible, o que lle pedín foi o apoio institucional e iso parece que si o temos.

Despois fomos a falar co alcalde da A Cañiza e Arbo. O de Arbo tampouco foi receptivo co proxecto pero o de A Cañiza si, trasladounos que era algo beneficioso e positivo e que o apoiaba coa condición de que tivéramos o apoio do alcalde de Crecente.

Para este proxecto necesitamos financiamento e para iso temos que contar con axudas públicas a través dos concellos e os socios e usuarios a través dunha cota social.

Como agora estamos coa Eurocidade ocorréusenos falar tamén co alcalde de As Neves e a asistente social. Este alcalde estivo máis receptivo que o de Crecente e Arbo e recoñeceron que si hai un problema de mobilidade.

Despois fomos a falar tamén co alcalde de Melgaço, o desta localidade foi outro mundo, a receptividade foi absoluta e agora mesmo o proxecto está na Cámara de Melgaço, queren estudar cales son as súas necesidades e estamos a ver de traballar en conxunto para poder cubrir as necesidades de todos estes concellos.

En principio o proxecto sería para un autobús que cubra A Cañiza, Crecente e Arbo e un microbús.

No documento que me enviastes xa tedes calculado un custo mensual de 30.000€, como fixestes para calcular esta cifra?

Pedimos orzamento á empresas de transporte e calculamos os custos da xestión. Melgaço si que o quere presentar como un proxecto da Eurocidade do Miño e se sae aprobado estaría subvencionado polos cinco concellos, pero quere que a xestión sexa externa. Nós desde a asociación xestionariámolo e isto xeraría uns tres postos fixos de traballo e xa está contemplado nos orzamentos.

E falaches con algún grupo político máis alén dos alcaldes destes cinco concellos?

Si, falamos con Cristina do BNG, a ex-alcaldesa de Ponteareas e actual deputada, e coa xente do BNG de Crecente.

Que receptividade tivo co proxecto a deputada Cristina Fernández?

Dixo que o proxecto era estupendo e que nos ían apoiar en todo o que puidesen.

En que momento estamos agora?

O proxecto está na Cámara de Melgaço para ver as súas necesidades e facer un grupo de traballo común para sacalo adiante.

Cal é o camiño para seguir no caso que Melgaço apoie o proxecto?

Que Melgaço o presente como proxecto piloto da Eurocidade do Miño e así o 70% do proxecto pode ser financiado por estes concellos e o outro 30% polos usuarios e usuarias.

Hai a suficiente demanda para que este proxecto leve a cabo?

Iso é o que nos argumentaba o alcalde de Crecente, di que non fai falta que a xente non o vai a utilizar. A xente non o utiliza porque non ten o servizo. Eu teño claro que fai moita falta.

Tes esperanzas de que se poida concretar?

Teño a esperanza de que vai saír. Se non é polo plan de eurocidade, será subvencionado pola empresa privada e se non, a través de socios que entre as cinco cidades somos como unhas 20.000 persoas.

Non tes medo de que a nula receptividade do alcalde de Crecente e de Arbo bote para atrás o proxecto?

Por iso deixámolo proxecto en mans de Melgaço, foron os máis receptivos e Melgaço ten a presidencia da eurocidade, pedímoslle ao presidente que cando teñan a primeira reunión poder estar presentes para a presentación do proxecto.

Primer comentario

Deixa a túa opinión