Marta PP A Cañiza
Aínda recordo aqueles anos nos que compartíamos a aula con trinta nenos e nenas máis. Había sempre unha muda dalgún na aula que ía rulando de casa en casa cada vez que mexabamos por nós. Mudábannos as mestras! Saían tres mestras con noventa neniños ao patio e non tiñamos parcelas especiais onde estabamos apartados do resto dos nenos máis grandes. Se levabas un balonazo ou un empurrón, levantábaste e a correr. Se sangrabas, mercromina. Chorabas un pouco, a mestra dábache un aloumiño e a seguir co que tocaba despois. Que tiñamos que facer unha morea de cousas e non podíamos enredar moito con cousas tan nimias.
Que recordos!
Mudou moito todo iso. Despois de tantos anos, suponse que deberiamos estar mellor, pero ás veces dáme a sensación de que involucionamos. As aulas de trinta nenos son hoxe en día un problema. Non teño a certeza de que menos nenos nunha aula teña algún beneficio para o rendemento do alumno (mírense as universidades), de feito, con ratios moi baixas, no centro educativo que teño de referencia, hay catro terceiros da ESO, cando o curso pasado só había tres (o número de repetidores é importante). Pero ben, se algún estudoso na materia di que é beneficioso para o alumnado estar con menos compañeiros, non serei eu quen lle leve a contraria, porque descoñezo tanto os datos coma os estudos ao respecto. O que non entendo é que a diferenza de ter una clase con 20 nenos a 23, sexa un mestre máis e se arme unha liorta do demo porque non o mandan de contado.
Están saíndo a manifestarse os alumnos da ESO porque en infantil “falta un mestre”, os pais dos alumnos “afectados” non se manifestan, pero os alumnos da ESO, si. A propia directiva do centro promove estas manifestacións e permite saír das clases aos alumnos para participar nas manifestacións.
A miña lóxica e o meu pensamento, probablemente equivocado por estar negativamente afectado por ter tido que compartir clase con tantos compañeiros en idades tan temperás, non entende por que os alumnos teñen que saír a unha manifestación cando non teñen ningunha clase sen mestre e todas as súas horas lectivas están cubertas, nin por que as familias deses alumnos non foron informadas das intencións da directiva de facer tales manobras con seus fillos.
Agora mesmo, a posible “falta de recursos” que se reclaman, aos que menos están afectando é aos rapaces, que están acudindo ás súas clases cos seus mestres.
Entendo que cada un ten dereito a ter unhas condicións laborais coas que estea conforme, e se non é o caso, ten tres opcións: renegocialas, reclamar pola vía da folga ou manifestación, ou buscar outra empresa con condicións mellores. O que entendo que non se debería facer, é esconderse detrás de menores que nada teñen que ver na lea, para que se manifesten a favor ou en contra de adultos que non están de acordo coas súas condicións laborais. E máis cando se trata dun centro educativo público, sostido con fondos públicos e que para máis inri, no que os supostos afectados reclaman unha “educación de calidade” para os rapaces. Eses rapaces que despois non dubidamos en empregar para pelexar batallas propias, sempre que conveña. Iso sen esquecer, que hai un curso máis cheíño de alumnos repetidores, aí o “ensino de calidade” é para outras conversas.
Ao final e despois de tantos anos en contacto co sistema educativo, cheguei á conclusión de que este non depende do partido político que goberne, nin dos lexisladores, depende dos profesionais que traballan nel. Son eles os que fan que sexa honorable ou irrelevante.
Non é noxo, é morriña e resignación.
Primer comentario