A recuperación da memoria , xa se xa en forma material xa sexa en forma inmaterial, dignifica a unha sociedade pois nada do que hoxe existe sería posible sen os que estiveron antes que nós. Na nosa querida Redondela temos moitos exemplos de colectivos sociais, que traballan para darlle ao noso pasado o valor que merece no proceso de construción do noso presente e tamén do noso futuro .Un deles é un pequeno colectivo denominado “ A Lagoa dos bébedos”, cuxa intención é recuperar barcos antigos que tiveron un papel importante na nosa historia. Comezaron por un bote de viveiro, que ven de Arcade e que xa está a piques de ser rematado. Falamos con Dani e con Juan, da asociación. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
Daniel Sánchez Otero carpinteiro
“ Os barcos que recuperemos son para que se usen”
Como se che deu por arranxar un barco?
Pola influencia da asociación “ A lagoa dos bébedos”.
Por que o nome da asociación?
A enseada da Portela chámase así.
Como foi o proceso?
Esta asociación levaba varios anos xuntándose na Portela, coa intención de ter un barco. Sete anos despois apareceu un bote dun señor de Arcade, un bote que ten moita historia.
Como estaba o bote?
Afundido e escalazado , pero polas fotos que lle tiraron parecía que estaba en bo estado.
E cando chegou as vosas mans?
Foi cando o puidemos examinar e démonos de conta de que había moita madeira podre e que precisaba moito traballo, de feito tivemos que mudarlle a popa.
O bote ten algunha peculiaridade?
É algo máis alto que os botes choqueiros, porque é un bote de viveiro e polo tanto toca máis mar.
Como financiades a restauración?
Cada asociado paga 50€ ao ano, e logo pois buscamos as fontes de financiamento que podemos.
Canto tempo levades traballando no barco?
Traballamos desde hai arredor de dous meses. Nun principio puxémolo no mar e agora só traballamos nel cando quedamos os luns.
O traballo é moito?
Si, son moitas horas de traballo porque hai moitas pezas que hai que amañar. E sobre todo o que dá máis choio é coidalo. Un barco é como un neno, require atención constante. Ten en conta que o barco recuperámolo para navegar, non para que vaia a ningún museo. Os barcos estráganse cando non se usan .Canto máis se utilizan menos posibilidades de que fastidien.
En Redondela non creo que vaiades ter moitos problemas ao respecto?
Eu creo que non, pero veremos cando chegue o momento.
Para cando estará listo para ir ao mar?
Eu creo que nun mes máis ou menos xa poderá ir ao mar. Sen estar rematado de todo pero para ir dar unha pequena volta xa estará.
Que madeira leva?
Castiñeiro, Carballo e piñeiro. Queremos utilizar todo co máximo respecto á construción orixinal.
O bote é de remos?
De remos e de vela.
A vela pódese recuperar?
Non, teremos que facer unha nova. Estamos a ver se facemos unha vela latina, pero de modo choqueira, que era unha arte que só existía na nosa zona.
Ides tratar de recuperar máis barcos?
A nosa intención é esa. Pero necesitamos que máis xente se implica.
Supoño que convidarás ao delegado da Peneira en Redondela á primeira volta?
Á primeira non sei se poderei, pero á segunda ou a terceira conta con iso…
Tómoche á palabra
Vale, ti toma a palabra e cando demos esa volta eu tomo un viño en Domaio contigo
ha ha ha ha. Encantado Dani.
Juan Iglesias da asociación “ A Lagoa dos bébedos”
“ Precisamos que máis xente se implique na asociación”
Como nace a Lagoa dos bébedos?
A través de xuntanzas e de coincidencia de opinións e ilusións parecidas. Tamén quixera salientar a influencia de Anxo, un rapaz que veu traballar a Redondela e trouxo unha dorna á nosa vila.
En que medida influíu o labor de Anxo?
Tivo unha grade importancia. El foi o que nos falou dos botes que no seu momento houbo en Redondela e que estaban indo a outros lugares porque aquí non se lles prestaba a atención debida. A partir de aí comezamos a nos xuntar no bar Paulina da Portela, o máis antigo de Redondela.
O obxectivo da asociación é recuperar máis barcos?
Si, claro, pero ten que entrar máis xente, agora só somos 7 persoas e non é fisicamente posible porque os barcos de madeira requiren moitos coidados.
Como se portou o concello con vós?
Involucráronse. Cando lle levamos o proxecto foi cando naceu o proxecto de montar un obradoiro de carpintería.
Primer comentario