Pazos de Borbén perde recursos pola mala xestión na renovación do alumeado

Agrupación de Electores Alternativa Veciñal

Pazos de Borbén está a acometer a renovación do alumeado público por pequenos tramos despois de ter perdido unha cuantiosa subvención que lle tería permitido facela dunha soa vez. Isto supón unha perda importante de recursos para o Concello.

Pazos de Borbén, a 30 de abril de 2021

Pazos de Borbén está a acometer a renovación paulatina do seu alumeado público para instalar lámpadas con tecnoloxía LED que van permitir importantes aforros. Alternativa Veciñal considera acertada esta inversión pero valora moi negativamente como se está a xestionar; unha boa idea moi mal levada adiante.

Unha mala xestión do Partido Popular que supón unhas perdas económicas importantes para o Concello. E é que Pazos de Borbén dispoñía dunha subvención do IDAE de máis de 600.000 € coa que podería ter renovado todo o seu alumeado público dunha soa vez. Isto permitiría, en primeiro lugar, acabar antes a obra e, polo tanto, comezar a aforrar antes. Perder tempo na renovación das instalacións é perder o diñeiro que se deixa de aforrar.

En segundo lugar, a renovación de todo o alumeado suporía un contrato máis grande que espertaría maior interese entre as empresas, propiciando unha maior competencia que redundaría en mellores ofertas. En lugar diso estase a facer con contratos pequenos que, curiosamente, son adxudicados todos eles á mesma empresa. Empresa que, por outro lado, está a realizar numerosos traballos “a dedo” para o Concello, unha situación totalmente irregular.

A isto hai que engadir que estas pequenas inversións no alumeado se están a facer con fondos propios e con subvencións do Plan Concellos da Deputación. En ambos os dous casos, é diñeiro co que o Concello contaba e que podía ter adicado a outros usos. Dito doutro xeito, de non ter perdido a subvención do IDAE, Pazos de Borbén contaría con eses recursos para poder adicalos a outras necesidades.

Alternativa Veciñal lamenta que, mentres hai necesidades básicas dos veciños e veciñas sen cubrir, se estean a perder importantes recursos pola incapacidade demostrada do Partido Popular para gobernar. — AGRUPACIÓN DE ELECTORES ALTERNATIVA VECIÑAL
https://alternativapazos.wordpress.com/
https://www.facebook.com/alternativavecinhal/